quarta-feira, outubro 03, 2007

Ai meu rei!!

que ben estás dese lado da raia, na república das letras arraianas e dos feitizos medievais, onde non hai mamóns nin falta nunca o viño vello, poque o que é desta beira dos vellos marcos da fronteira vaiche un frío que nin o demo heroinómano montado nun can do laboreiro, e xa che digo meu, que non hai quen pare con este frío satánico e ácrata, un frio que asolaga este país de rumiantes, cazoletas e mamarrachadas...
xa sabes que agora no outono escasea a leña nesta nosa terra e tamén a palla centea e temos que prender a lareira coas revistas do corazón, esas da pelu da pili que levan anos atrasadas, e menuda se armou o outro día na aldea, que viñeron os antidisturbios e todo porque o milocho lle deu lume á cociña de ferro e prendeu todo cun fachuco das revistas vellas da nai e caiulle un paquete da virghen santísema abráseme visto...borbón non é sinónimo de carbón... ai se os independestistas eses se dedicaran a queimar outras cousas ben máis interesantes...
non hai casa da aldea que non estea baixo sospeita nin revista non fiscalizada, as fotos reais están nas igrexas e as rúas están tomadas pola malemérita, e eu xa empezo a pensar en accións violentas selectivas e parques temáticos da tortura e só me relaza escoitar a sade con esas bases rítmicas esa voz e eses arranxos arcanxélicos... e como sigamos así, meu rei, e sigamos con este frío e con esta parvada colectiva, de seguro que tamén acaban prohibindo a cabalgata de reis, ou poñéndolle traxes ignífugos... lembras o dos reis, non? cando te vestías de chamizo acababas cunha bimba de lincandorio quente coma un piano do 45?...
Os bombeiros xa non dan abasto e a xente, sobre todo os máis novos, xa está farta de tanta merda, de tanta foto real e irreal e de tanta monarquía sen refrendar, que seica non hai cousas máis importantes das que falar e que o que conta é roubar ben sen mirar a quen... pola miña banda, xa estou chegando a pensar cousas moi raras, venme buscar, se fas favor, ao marco 19, por onde faciamos o contrabando de troitas cando o Deva aínda era un río e o Penagache non tiña muiños de vento no backstage, venme buscar meu rei, ou fago algunha tolería das miñas, que xa me coñeces, ven meu amigo, venme salvar e lévame pró outro lado da raia, onde a república e só a república dos soños me pode salvar da esquizofrenia desta poza de auga choca...

Sem comentários: