domingo, fevereiro 11, 2007

O gran silencio

Non é o Castelo das Poulas, nin moito menos, pero é un mosteiro cartuxo (ou cartuxán) dos Alpes franceses.
Agora xa sabemos que só dende o silencio poderemos ouvir o vento das voces ancestrais...
Phillip Groning xa pode morrer tranquilo despois de facer este documental caralludo.
Escoita as folerpas, a néboa que baixa do monte, o ceo que se move contra as ondas da auga, a herba que medra, as vacas peludas polo claustro, as badaladas do reloxio, a pedra tépeda do verán, a madeira de cerdeira que estrala no lume que arde dentro do ferro...
Un avión que pasa, a paz do xaxún, unha treboada de primavera, a xiada, outro ceo de noite, máis herba e dúas badaladas, o reloxio dos turistas, nenos de branco que xogan na neve e que se chimpan a rolos, a risa, o xantar do domingo, a horta reverdecida, os perruqueiros, o xersei de rombos negros, o liño do xastre de tesoura máxica, o cego visionario que non teme a morte, o pano pendurado que move o vento do refectorio...
Escoita o zoar dos libros nas estancias dos monxes, a caligrafía medieval dun libro de canto, o recollemento dun cuarto ascético e acolledor, empotrado, a gota de auga sobrer auga, o eco do silencio, a palangana que roda na pedra, o vento do xeo, os cánticos gregorianos no cumio do monte e mailo ceo a chamar por nós...
Case tres horas de pura beleza cinematografica, poesía visual, o son dunha paz austera, o ritmo da vida e a harmonía da disciplina.

Corpo e espírito agroman coma unha enredadeira na horta do mosteiro, na esquina da cociña, no refectotrio, no catre empotrado, na oración, entre as estrelas e o fondo das fervenzas. A cona santa contra as parvadas dos que din saber algo de cine. Redonda, soberbia creación. Paciencia. Demasiado pronto, dicían os monxes. 16 anos despois. Beizóns á tradición ascética da orde cartuxa, á natureza e á intelixencia do cineasta alemán, por facernos partícipes da paz dos que renunciaron a todo para estar cos deuses.

A historia continuará coa próxima entrega do Gran Silencio dende o mosteiro arraiano do alto de Penagache, con banda sonora de Sangre Cavallum e Megalito Sound System, tocando piano entre as antas e as chairas do Couto do Corno Dourado.

Sem comentários: