terça-feira, setembro 03, 2024

Xa está eiquí a Enciclopedia ilustrada de Ferrín Arraiano...

O Ferrín Arraiano é un idioma misterioso e descoñecido, que mesmo precisa dun ritual iniciático que so é apto para arraian@s e persoas que gostan das fronteiras brandas. Até agora so druidas podían descifrar as enigmáticas mensaxes do Mago Ferrín. Pero veleiquí está, xa dispoñible nas mellores librarias do país de Tagen Ata, a Enciclopedia Ilustrada de Ferrín Arraiano... 


O mesmo día do 86 aniversario do Xefe, o 7 de agosto de 2024, o Teleclube de Vilanova dos Infantes, lugar de nacemento e principio do mundo do Ferro, acolleu a presentación desta obra colectiva, coincidindo cos 20 anos da fundación do colectivo Arraianos, como podemos ver nesta foto do acto organizado de contrabando, con Quique Costas pechando os ollos, en éxtase místico, visiblemente emocionado e algo afectado polo licandorio matutino e a música sufí do gran gaiteiro entrimeño, Freire o enfeitizado, coa que se encetou a cerimonia... Disque até fixeron cartaces, os moi desgrazados, por obra e graza do grande artista celanovés, Baldomero Moreiras, o mostachudo...


O ágape seica foi servido de xeito maxistral polo gran Mestre Arraiano, Plácido Romero Bernardo, actuando de MC, o Julito da Ramallosa, no papel de taberneiro e o Don Adolfo, o crego de Vilanova, oficiando os sacramentos. Os tres son membros fundadores do noso colectivo e actualmente forman a santísima trindade Arraiana, que nos agarda desoutra beira da Raia Seca, mentres seguen a soar de fondo os acordes cósmicos dos alalás de Lobeira e Bande, interpretados polo músico e bandido, a partes iguais, Moisés Quintas Suárez, coa zanfona de Faustino Santalices...   


E coidado que como non vaiades logo á vosa libraría, igual ficades sen a Gran Enciclopedia Ilustrada de Ferrín Arraiano, que os exemplares seica están voando coma as aguias do Xurés sobre os marcos da Raia Seca... E lembrade sempre que é preciso ter moito coidado con estes Arraianos... E se non mirade a listaxe dalgunhas colaboracións nesta obra colectiva e xa nos diredes se hai que entrullal@s ou non... E aínda por riba seica leva nun código QR o documental Ferrín Arraiano... Puto contrabando cultural!! 





 




terça-feira, abril 30, 2024

90 anos de Radio Vigo EAJ - 48

RADIO VIGO (1934-2024). 90 ANOS DE HISTORIA DA CIDADE



Un verdadeiro pracer e unha honra, mais tamén unha grande responsabilidade, comisariar e facer o deseño expositivo da mostra mutimedia que até finais de xuño ides poder visitar na Casa da Cultura Galega de Vigo. A expo xira arredor da procura da palabra máis axeitada para definir a relación entre a radio e a súa audiencia ao longo dos últimos noventa anos da emisora decana de Vigo. Imos na procura desta palabra a través dos rostros, das voces, das imaxes e dos obxectos, que nos levan a través das ondas, polos últimos noventa anos da historia da cidade.



Agradecer a toda a xente que confiou no equipo de Arraianos Producións para desenvolver e executar este proxecto expositivo e a toda a gran familia de Radio Vigo, ao longo destes últimos 90 anos, por partillar connosco os seus arquivos e lembranzas de nove décadas de radio, especialmente ás familias Torrado, Montenegro, os pioneiros da radio e aos González de Haz, descendentes do visionario que en 1939 mercou a emisora fundando unha saga familiar que aínda hoxe xestiona Radio Vigo. Beizóns por axudarnos a facer memoria, porque un pobo sen memoria é un pobo neurótico... Longa vida á radio e que poidamos comisaria, polo menos a expo dos 100 anos de Radio Vigo.
 

   



 


sexta-feira, janeiro 26, 2024

2024: o ano de Prisciliano?

Este ano 2024 que encetamos vai ser o ano de Prisciliano...  ouvea o lobo no medio da brétema desta Galicia Borrosa do século XXI... Auuuuuuuuuuuuuuuuu!!!


Así que estade moi atent@s á web www.prisciliano.gal para poder seguir as novas da rodaxe da curtametraxe documental de Arraianos Producións, onde imos entrevistar a todas aquelas persoas que teñen investigado e traballado con rigor sobre esta descoñecida figura galaica dende diferentes universidade do mundo.

Este é o Prisciliano que imos exhumar e divulgar neste proxecto documental transmedia. E ímolo facer dende unha perspectiva contemporánea, cosmopolita e aberta, porque posiblemente estamos a falar do persoeiro máis atractivo, enigmático e avanzado ao seu tempo, da Gallaecia e da Europa do século IV, e un dos máis esquecidos e maltratados pola Historia... 

Así que preparaivos porque non se vos vai falar doutra cousa... na Galicia do século XXI... e seguintes... Auuuuuuu, ouvea o lobo ao lonxe.... nesta imaxe inesuecible do gran amigo, Carlos Valcárcel... Se vos fixades ben aínda podedes ver e Prisciliano entre a brétema...

terça-feira, novembro 28, 2023

Nos zapatos de Julio Camba

Non hai mellor xeito de tratar de entender a outra persoa que meterse na súa pel e camiñar, polo menos un quilómetro, dentro dos seus propios zapatos. E isto foi precisamente o que fixemos cos de Julio Camba. Uns vellos zapatos que apareceron misteriosamente, sesenta anos despois da súa morte, nun trasteiro do hotel Palace de Madrid, onde estivo aloxado durante os derradeiros trece anos da súa vida, precisamente cando estabamos a preparar unha exposición sobre o xenial articulista.

Con eses vellos zapatos quixemos camiñar, e non un, se non milleiros de quilómetros, a través dos lugares nos que Camba vivíu e traballou, para tratar de descubrir o seu segredo, a través da creación dun documental biográfico, cuxo avance vos deixamos aquí hoxe como aperitivo para ir abrindo boca. Bo proveito, arraian@s do mundo...

Así que seguimos viaxando dentro dos zapatos de Camba durante o proceso creativo dun documental que en breve ides poder ver para saber máis cousas sobre este xenial escritor tan galego coma cosmopolita e universal. Un documental que imos facer sen sair da súa bañeira, onde todos os días tomaba un baño para comezar o día... 

quarta-feira, outubro 04, 2023

O Camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Priscilano

O documental de Arraianos Producións, dirixido por Aser Álvarez, foi estreado no Festival de Cine de Ourense, OUFF o día 2 de outubro no Teatro Principal de Ourense. Velaquí vos deixamos un pequeno petisco para desfrutar lentamente... 

Este documental é unha road movie que segue o percorrido que fixo nos anos 90 na súa vella moto o xornalista, activista cultural e escritor, Ramón Chao, para a elaboración da súa novela, “Prisciliano de Compostela”. Este novo proxecto audiovisual de Aser Álvarez, no que imos aprender moitas cousas interesantes sobre Ramón Chao e sobre o seu benquerido Prisciliano, conta coa participación de Antoine Chao, que nos leva polo París do seu pai, e Manu Chao, que nos agasalla coa súa banda sonora orixinal, os dous fillos do xornalista vilalbés e fundadores da mítica banda Mano Negra.


quinta-feira, novembro 17, 2022

V Premios de Podcast Xosé Mosquera "O vello dos contos". 90 anos de radio en Galicia



Hoxe, 17 de novembro, ás 12 horas, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela acolle o acto de presentación dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos Contos", coincidindo co 90 aniversario dos inicios da radio en Galicia, onde este personaxe foi unha figura esencial.  

Tendes as bases e máis info sobre Xosé Mosquera, un dos precursores e pioneiro da radio en Galicia na web deste certame: 
 

Durante a presentación desta quinta edición do que é o primeiro certame internacional de podcast escolar que se fai en Galicia, vaise desenvolver un programa de radio en directo, de Radio Galicia, no que imos contar coa presenza dalgúns dos gañadores deste certame de podcast na pasada edición, a filla de Xosé Mosquera, Loliña Mosquera, o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño e Aser Álvarez, de Arraianos producións, organizadores destes premios de podcast, xunto con Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, entidade que apoia este proxecto. 



segunda-feira, janeiro 24, 2022

Xosé Velo. O libertador ibérico. No seu 50 cabodano


Cando se fan os cincuenta anos da morte de Xosé Velo (Celanova, 1916 - Sao Paulo, 1972) queremos dar conta neste Caderno Arraiano dunhas pezas audiovisuais que fixemos recentemente e que foron inspiradas pola historia de amor que dende hai anos nos une con este ser humano extraordinario. 

Estas dúas pezas foron inspiradas durante a nosa recente viaxe a Brasil, onde puidemos coñecer ao seu fillo, Vítor Velo, e recuperar unha parte do arquivo persoal, adquirido pola Deputación de Pontevedra e que xa se pode consultar na web.

En primeiro lugar, queremos partillar co vós unha homenaxe en forma de recreación audiovisual dun fragmento dun discurso de Velo a bordo do Santa Maria / Santa Liberdade, pronunciado o 25 de xaneiro de 1961, mentres navegaban polas augas do Caribe, un acontecemento do que deu boa conta Margarita Ledo no seu documental sobre esta audaz acción do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, inspirada e organizada fundamentalmente por Velo. 

En segundo lugar, un pequeno avance do documental, titulado Xosé Velo. O libertador ibérico, que fixemos dende Arraianos Producións para a Deputación de Pontevedra, coa que tamén colaboramos na produción desta peza audiovisual, con fins pedagóxicos, que fixemos con Acude Rural arredor dun aspecto moi descoñecido da súa biografía, a participación de Velo na guerrilla antifranquista galega.

Este ano 2022, con motivo do 50 aniversario da súa morte, imos axudar no desenvolvemento dun completo programa de actividades para reivindicar o legado de Velo dende unha perspectiva contemporánea, contribuindo a divulgar a súa vida e obra, coa colaboración do Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e tamén coa área de memoria histórica da Deputación de Pontevedra e coa Dirección General de Memoria Democrática. 


E xa para rematar este post de homenaxe a Xosé Velo polo seu cincuenta cabodano, facémolo cun videopoema baseado nuns versos inéditos de Velo, recitados por Aser Álvarez González, con BSO de Moisés Quintas Suárez e con montaxe de Aldán Delgado Fernández para Arraianos Producións. E veleiquí unha entrevista que nos fixeron no Diario Cultural, onde lembramos e reivindicamos a Xosé Velo Mosquera.