domingo, dezembro 13, 2020
Acto de entrega de premios do II Certame de Podcast Xosé Mosquera Pérez "O Vello dos Contos"
quarta-feira, novembro 25, 2020
II Premios de Podcast "O Vello dos Contos"
O pasado 19 de Novembro do 2020, ás 12:00 h, reuniuse de forma virtual o xurado do II Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.
Logo de valorar os traballos finalistas, acordou por unanimidade conceder os seguintes premios, consonte as bases do concurso:
Categoría de Primaria
Primeiro Premio
Sinécdoque, un podcast do CEIP Raíña Fabiola de Santiago de Compostela. Tendes aquí o enlace para escoitalo.
Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas
Ánimo, xente, un podcast do CEIP Canosa-Rus de Coristanco.
Accésit
Na verea da igualdade, un podcast do CEIP Baamonde de Begonte.
Categoría de secundaria
Primeiro Premio
O vello dos contos, un podcast do IES de Foz.
Premio especial 25 Aniversario Ponte nas Ondas
Morriña, un podcast do IES Manuel García Barros da Estrada.
En breve informaremos sobre a entrega de premios e deixaremos o enlace aos traballos premiados.
sábado, novembro 14, 2020
De Carballo a Carvalho e a capacidade transformadora da educación
Veleiquí estamos os dous inseparables cabezudos que ao longo destes meses pandémicos nos fomos facendo bos compas de viaxes, troulas, lecturas, músicas, rodaxes e que mesmo así, tanto tempo xuntos, nos acabamos facendo grandes amigos. Nesta imaxe de Xoán Alrey, que serve para ilustrar esta info ben interesante sobre algúns dos nosos proxectos documentais sobre Ricardo Carvalho Calero, que fixemos con Arraianos Producións, non se sabe moi ben quen colle a quen, quen terma de quen, quen turra de quen... Sempre me levei moi ben cos mortos. E Carvalho é un morto ben vivo.
quarta-feira, outubro 07, 2020
domingo, abril 12, 2020
Anacos de Vida e a revolución emocional
VIAXA NA MÁQUINA DO TEMPO DE ANACOS DE VIDA (SEN SAIR DA CASA)
Agora que temos que estar confinados #nacasiña imos convidarvos a viaxar no tempo sen sairmos do noso domicilio. E facémolo convencidos de que calquera revolución debe comezar polo noso interior, onde habita a nosa memoria, e que unha crise sempre é unha oportunidade... Así que aproveitemos estes tempos duros para desfrutar das pequenas cousas da vida coa nosa xente, descrubrindo as pequenas e as grandes historias que se agochan tralas fotos antigas de @anacosdevida.
"Isto é unha auténtica revolución emocional", comenta un dos protagonistas do capítulo de Anacos de Vida durante a preestrea do capítulo de #anacosdevida en Santa Comba (A Coruña). O mesmo escoitamos en Bueu, na Estrada, en Celanova, en Noia ou Guntín... e en todos os lugares polos que viaxamos no vello bus de #anacosdevida.
So estas emocións, mais tamén as apertas, ás bagoas e o agarimo que recibimos, sobre todo da xente maior, mais tamén dos cativos e as cativas, que agora coñecen mellor as súas propias raíces, xa xustifica o noso intenso traballo durante os últimos meses, percorrendo na máquina do tempo de #Anacosdevida, as aldeas e vilas de Galicia para recuperar a memoria gráfica e oral do noso país.
"Este programa valoriza a historia local e a memoria individual e colectiva, fai pobo e sobre todo, fomenta a comunicación interxeracional, e por iso é un programa que debera estar na grella dunha televisión pública", asegura un antropólogo e economista galego, experto en medios de comunicación social.
Na primeira tempada deste programa quixemos ir descubrindo esas pequenas e grandes historias que hai tralas fotos antigas dos arquivos familiares de Galicia, eses #anacosdevida que tod@s gardamos con agarimo nas nosas casas e nos nosos corazóns, esas imaxes de antano que non adoitan sair nos libros nin nos medios de comunicación, mais que forman parte do que somos, do que fomos e do que podemos chegar a ser como pobo...
A mecánica deste novo formato audiovisual, nacido nun lugar onde o mundo se chama Celanova, é tan sinxela como orixinal. Os presentadores, Alba Prol e Aser Álvarez (este último tamén dirixe o programa) veñen do pasado a bordo dunha máquina do tempo moi especial e convidan ao alumnado dos centros educativos a coñecer as súas propias raíces familiares a través das fotos antigas que teñen nas súas casas. Propician así un fermoso intercambio xeracional. Veleiquí o punto de partida de cada un dos capítulos deste formato creado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, para a CRTVG, un soño colectivo chamado Anacos de Vida, cuxos primeiros capítulos xa podes desfrutar eiquí na web: @anacosdevida
Noia, Santa Comba, Bueu, Guntín, Carral, Cambados, Maceda, A Estrada, Celanova... forno os concellos que fomos percorrendo no vello bus de @anacosdevida, lugares onde fomos descubrindo fermosas historias e fotos antigas que nos axudan a saber quen somos, de onde vimos e até onde podemos chegar...
Grazas por abrirnos as portas das vosas casas, das vosas almas e compartir con nós as vosas lembranzas máis queridas e as vosas fotos antigas, e con elas moitas desas pequenas e grandes historias que descubrimos, recuperamos e contamos en Anacos de Vida. Até pronto.
Seguimos navegando na procura das mellores fotos antigas e historias de Galicia en Anacos de Vida.
Xa queda menos para volver sentir o arrecendo da primavera mentres paseando á beira do río e a brisa do mar nas nosas meixelas. Agardamos que todas estas pequenas e grandes historias que agochan as fotos antigas, estes #anacosdevida que tantas persoas quixeron compartir con nós vos axuden a levar mellor estes momentos e coñecer as nosas raíces. Saúde, ledicia e amor apra tod@s
domingo, setembro 22, 2019
Xa está aquí o FICRURAL
-->
domingo, agosto 11, 2019
Arraiano Maior da Raia Seca de 2019
Organizado por Arraianos Producións e o Concello de Entrimo, neste evento foi nomeado 'Arraiano Maior da Raia Seca' o músico e escritor Xurxo Souto e as asociacións Galega e Portuguesa de Tracción Animal, que recibiron unha mención especial polo seu traballo desfronteirizante. Unha pequena achega a estes colectivos, neste documental, de Plácido Romero e Aser Álvarez, "Fronteiras de enerxia animal"
O programa destes III Encontros Arraianos de Cine Rural arrincou o mércores, ás 10,00 horas, co 'Roteiro arraiano de Concertinas', organizado pola Central Folque, un inesquecibel paseo musical e arraiano de Olelas ata O Ribeiro de Abaixo, con Sindo de Olelas na lembranza, un tocador de concertina ao que lle adicaron un libro dvd, Xurxo Souto e Pedro Pascual, con fotos de Eutropio Rodríguez.
Xa o xoves, ás 18,30 horas, houbo un paseo en burro pola Alameda da Terrachán de Entrimo e o acto de nomeamento de Xurxo Souto como 'arraiano maior da Raia Seca de 2019', un acto que xa chega así á súa décima edición.
A continuación, ao redor das 19,30 horas, houbo a mesa redonda 'Arredor de Nós, con talento propio', apadriñada por Manuel Mandianes, no salón de actos do Concello e a presentación do número III da revista cultural 'O Picaraño'.
Pola noite, todos os presentes puideron escoitar os 'Contos de contrabando', de Quico Cadaval, ás 22,00 horas na Alameda da Terrachán e, como final da noite, ás 23,00 horas, sesión de cinema rural, con proxeccións de traballos feitos por Arraianos Producións e documentais chegados de contrabando dende Portugal.
Unha vez máis, unha demostración de que todo o interesante sempre acontece na fronteira. Beizóns a todos os que quixestes acompañarnos ao longo destes dez anos de Arraianos Maiores. Beizóns a Xosé Luís Méndez Ferrín, Bento da Cruz, Paula Godinho, Xosé Benito Reza e Isaac Alonso Estraviz, entre outros tantos desfronteirizadores e arraianos entre arraianos...
quinta-feira, junho 13, 2019
O silencio dos eólicos
O mellor de todo, pode que sexa o título... O silencio dos eólicos... ou era cando os eólicos calan... foise co vento... unha pequena reflexión sobre o rural contemporáneo nas terras alta de San Sadurniño... sen más pretensións... escoitade a paixón de Xoel, co que o relevo está asegurado. Un dos poucos casos?. Non sei ben, pero xa falei de máis, así que se queres saber máis pica eiqui, que xa cho conta este tipiño que xa non sabe nadar, só bucear....
Isto din del os da Chanfaina Lab, en gris sobre negro, para variar...
Aser Álvarez (Celanova, 1976). Licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo e especialista universitario en Comunicación Audiovisual, pasou a infancia vendo pelis de moca no cine de Celanova, na compaña do seu amigo Xesús, o derradeiro operador cinematográfico de sala da vila. Despois de facer un par de pelis de ninjas cunha vella cámara de super 8, traballou como redactor e guionista na TVG e na Cadena Ser, gañando o premio ao mellor documental radiofónico no I Open Radio do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona. Cineasta dinámico e polifacético fundou Arraianos Producións Multimedia, marca coa que realizará e producirá unha morea de proxectos audiovisuais. Director, guionista e produtor executivo de “100% CEF,” unha biografía de Celso Emilio Ferreiro que acadou o Mestre Mateo ao mellor documental e “Looking for Bill Viola“, videocreación para un proxecto pedagóxico de achegamento á arte contemporánea a través da linguaxe audiovisual. Tamén realizou traballos de publicidade cos que obtivo varios premios e recoñecementos. Produtor de "Fronteiras de enerxía animal" ou "O tempo na luparia"entre outros moitos. O seu traballo máis recente é “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro” longametraxe documental rodado entre Cambados, Madrid e Nova Iorque durante case tres anos. Director, guionista e produtor executivo de “Anacos de Vida” un novo formato audiovisual desenvolvido para a CRTVG. Asemade é o impulsor e director do Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” e da "Feira internacional de cultura rural FICRural".
A pesares de ter percorrido unha morea de corredoiras polo país adiante, o inquedo Aser, un verdadeiro fervello das máis diversas actividades, nunca aterrara por Sansa. E ao fin achegouse á Chanfainalab acompañado da súa familia, Carlos e Olivia: "Levaba anos querendo ir a San Sadurniño. Acababa de ver, na súa casa de Laraño, algúns dos fragmentos da peza que Óliver Laxe fixera o ano anterior na Chanfaina sobre os cabalos. Que carallo ía facer eu... Vacas?. Para un pobre arraiano coma min, todo o interesante sempre acontece na raia, na fronteira. Por iso, cando cheguei á terra prometida, despois de dous días case sen durmir, o primeiro que fixen foi madrugar moito para meditar ao amencer e facer contrabando audiovisual nos límites xeográficos de San Sadurniño, na Serra de Forgoselo , vixiado polos grandes muíños, nun lugar misterioso e bravo, onde o silencio só é tal cando os eólicos paran. Non sabía moi ben o que procuraba, mais algo me levou até alí para ver como era un día na vida dun gandeiro mozo. Ou mellor dito, quería ver dende os ollos dos seus fillos. Pero falloume a produción e os meus fillos, que ían interactuar con eles, pasaron de min con moi bo criterio e quedaron a durmir para ir á piscina pola mañá. Así que fixen o que puiden. Unha das miñas chanfainadas, feita a base leite con eólicos, vacas pintas e un tractor espichando un rolo de herba, o cheiro do silo e un tanque de frío, unha familia de gandeiros, o vento e o silencio."
"O silencio dos eólicos" e un breve percorrido polo xeito de vivir da única familia que vive no afastado lugar de Racamonde, no linde fronteirizo da parroquia de Naraío. A pesares do seu aparente illamento, a familia Arnoso-Anca vive feliz no rural, a base dunha explotación gandeira rodeada de aeroxeradores. A tranquilidade e beleza brava de Racamonde aparece retratada coa ameaza sonora, case perpetua, dos trebellos eólicos, metáfora da modernidade. Aser, militante e defensor a ultranza da revitalización dos espazos agrarios, móvese como peixe na auga por un mundo que coñece ben e, polo tanto, ama: “So o meu mestre, Plácido Romero, podía poñer orde naquel collage que gravei nas Terras Altas de Sansa. Así que todo o mérito que poida ter esta peza é seu. Seu e dos protagonistas. Só lamento que non poidades ver o meu combate coas formigas voadoras asasinas, nin a espectacular fuxida no Land Rover, unha secuencia prohibida coa que ía fundar o club de fans de Abel Vega, un dos grandes cineastas locais de San Sadurniño." O marabilloso plano secuencia que abre a peza, no que Xoel nomea a todas as "súas" vacas acredita ben a simbiose de Aser co rural. Dende a Chanfainalab estamos orgullosos de incorporar a mirada dun cineastas máis comprometidos coa cultura labrega do país. Viaxemos pois ata a fronteira Sur de San Sadurniño neste retrato humano, amable e agarimoso, dunha familia que aposta sen complexos por vivir o seu día a día no rural galego.
E isto foi o que dixeron os de Galicia Confidencial...
E aínda houbo quen quixo dicir algo máis?
Pois xa vedes o que se armou con algo tan pequeno... cecais porque o pequeno é fermoso... ou pode que sexan pequenas grandes cousas que nos convidan a pensar sobre o futuro do rural...



























