segunda-feira, maio 05, 2008

O xefe fai memoria de Carmiña Graña

Acabámoslle de render homenaxe en Cangas do Morrazo a Carmiña Graña Penedo, das grandes xíneas de mariñeiros e mulleres traballadoras daquela vila vangardista. O que me fixo pensar sobre a recuperación da memoria histórica de tempos franquistas; imparábel. Case sempre se centran estas nos episodios que en Galicia se sucederon a raíz do 20 de xullo de 1936. Os avances na investigación de punta e na divulgación dos acontecementos daquel período levan alancado moito e parece que definitivamente foi transgredida a cláusula de silencio pactada na Transición ou Reforma Política. Pro fica en penumbra a represión exercida na totalidade da era franquista, represión que culmina, entre nós, nos crimes políticos que tiveron como víctimas en 1975 Reboiras (UPG), Sanchez-Bravo e Baena (FRAP). No intre da morte de Franco as cadeas españolas estaban ateigadas de presos políticos e no estranxeiro acumulábanse os refuxiados. Trátase, pois, de exiliados, presos, represaliados de todo tipo e de mortos que xa non era os de 1936 e que facían parte das xeracións novas da Resistencia ao franquismo. Nesta dirección haberá que afondar agora en materia de memoria histórica.
En Galicia, cando se pensa no exilio, xorden, xorden as figuras de Castelao, de Casares Quiroga, de Dieste, de Lois Soto, poñamos por caso os máis obvios. Eses son os exiliados de 1936-1939. Pro poucos son verdadeiramente conscientes de que no exilio estiveron tamén Margarita Ledo, X.M. García Crego, Maximino Cacheiro, Moncho de Barreras, Foz ou Carmiña Grana, entre unha nube de outros e outras. Todo os ditos, e máis, encóntranse hoxe activos laboral e politicamente e participan moi solidarios e discretos nos movementos en favor da memoria histórica de 1936. Son horas de que se vaia falando da historia completa da Resistencia ao franquismo en Galicia de 1936-39 a 1975, aínda que a crónica da guerrilla está xa moito adiantada felizmente.
Carme Graña Penedo chegou a Madrid nos anos sesenta e conectou de inmediato, no círculo legal do "Club de Amigos de la UNESCO", coa UPG, da que pasou desiguida a formar parte. Sempre ligada ao aparato de propaganda, lugar da máxima esixencia de disciplina, as campañas de Castrelo de Miño do 64 e do primeiro Día da Patria Galega do período franquista tiveron a esta compañeira como elemento fundamental. Á caída da estación impresora central da UPG situada no Morrazo, cuxo responsábel era Moncho Reboiras apoiado en Camiña Graña, esta pasou á clandestinidade e, coa BPS e a Brigadilla da Garda Civil apegada aos seus calcañares, foi retirada a Cataluña e desde alí pasada a Francia polo Pireneus coa axuda nunca ben encomiada dos anarquistas e de Puig Antich en persoa. Asentada en París, e logo no Porto despois do 25 de abril, a nosa amiga foi elemento valiosísimo para a UPG e a ANPG en tempos de expansión destas organizacións. Xa de regreso á Patria, Carmiña Graña seguiu o camiño difícil e amargue do independentismo e integrou o PGP,Galicia Ceibe e formou parte fundamental da actual FPG, que é onde se encontra.
Ogallá que esta homenaxe a Carme Graña, alén de a honrar a ela, contribúa a abrir un novo tempo de estudo e análise da historia completa da Resistencia ao franquismo en Galicia.

segunda-feira, abril 28, 2008

Arraianos apoia a Dionisio Pereira

Historia a Debate ven de poñer en marcha unha campaña de apoio ao
historiador Dionisio Pereira.
Hai un documento de apoio para o que se piden sinaturas e que será remitido
aos presidentes do Goberno de España, do Congreso dos Deputados e do
Senado. No caso de que esteas disposto a apoiar estar campaña,
pregámosche que envíes os teus datos (nome e apelidos; institución:
universidade, instituto, asociación; localidade, país) a
h-debate@cesga.es

O xefe fala de Julio e do Río

Las Cuevas de Sésamo, na Calle del Príncipe de Madrid, eran unha sorte de imitación, nos anos cincuenta do século XX, das caves ou subterráneos que se puxeran de moda no París existencialista da década anterior e nalgún dos cales cantaba, de negro para o mundo, Juliette Greco, tan pouco dotada de graza. Nas paredes de Sésamo figuraban citas literarias en todas as linguas imaxinabeis menos o galego, o vasco e o catalán, porque aquel Madrid, coma este, vivía con feroz intensidade o odio ao pluralismo nacional. Por alí caiamos algunhas noites para trasfegar uns cubas libres (no argot do meu grupo recibían o nome de chanqueiros, o cal terminaron por aceptar numerosos camareiros manchegos de antano). Un pianista repasaba en Sésamo toda a canción francesa e italiana contemporánea e soía facernos caso cando lle pediamos o Macky Coitelo da Opera de non sei cantos Patacóns por Weil e Brecht. Había por alí algunha xente comunista que aplaudía.Fallaban os da empresa o Premio Sésamo de conto e as votacións eran comunicadas polo altavoz en plan moi intrigante. Un ano (1959, coido) presentei, traducido ao castelán, un meu conto titulado "O Suso", que está ambientado na beira do río da Barbaña de Ourense. Non se levaba daquela a fantasía senón o realismo tenro do cal era mestre o probe Lalo Azcona, que soía facer vida no Café Varela aínda que, por veces, tamén era visto e ouvido en Sésamo. O meu conto chegou a finalista e mesmo Xulio Maside chegou a emocionarse comigo e cos outros camaradas que me acompañaban.Pro o premio foi para Angela Ionesco, unha muller nova coa que eu tiña gulapeado algún gin-fizz no Café Teide e que, se non me falla a memoria, era xornalista de oficio. Moitos anos máis tarde "O Suso" foime moi eloxiado por Eduardo Blanco Amor quen me dixo que tal conto lle dira a idea para escribir Os biosbardos, sobre graxos infantís e xuvenís de Ourense coma o meu protagonista.Tamén me quitei a espiña porque, ao ano seguinte, o Premio Sésamo lle foi outorgado a Julio López Cid, excelente escritor ourensano en castelán que batizado na pía de Santa Eufemia, aquela que ten propiedades artístico-literarias e que meteu na igrexa católica romana os naipelos Risco, Otero Pedrayo, Blanco Amor e os pintores Quesada, entre outros notabeis neófitos que logo persistirían ou non na Fe. M. Anxo Murado seica é tamén Sésamo.Souben non hai moito de Julio López Cid, finísimo narrador e evocador en castelán, por unha nota necrolóxica maxistral e conmovente sobre a figura do Manaicas, quen fora o noso ídolo de nenez polas súas aventuras descomunais e só comparabeis ás do Capitán Marvel ou Maravillas que nos vendía a Viúva de Lisardo. Agora acabo de ler unha novela moi breve e bela de Julio sobre Ourense e o seu río, xa non a Barbaña senón o Miño. Titúlase precisamente El Río (Ed. Duen de Bux, Ourense) porque o protagonista é el, o río grande e temíbel que pasa so a ponte dos suicidios e cuxos remuíños nos poden afogar en pozos do Inferno ou pegos sen fondo. As vidas e as mortes técense e destécense na narración e unha atmósfera de nostalxia invade a alma do lector, sobre todo se este é ourensan e regresa, nas palabras precisas e Julio López Cid, ao centro de si mesmo.Seguiremos falando de El Río.

sexta-feira, abril 25, 2008

Celso Emilio volve rapeando

É unha relación que vén de vello e resiste a todas as épocas. A canción galega segue bebendo nos poetas, mesmo se ten que atravesar décadas no tempo para establecer alianzas improbabéis, como a que acaban de asinar os rapeiros de Dios Ke Te Crew, que rescatan a potencia rebelde dos versos de Celso Emilio Ferreiro a ritmo de hip hop.
No cedé musical que acompaña a acabada de publicar Fotobiografía de Celso Emilio Ferreiro recóllense 15 cancións armadas arredor de textos do poeta de Celanova. Catorce proceden de gravacións históricas de xentes e grupos tales Luís Emilio Batallán, Pilocha, Fuxan os Ventos, Xavier, Manuela e Miguel ou Suso Vaamonde. Pero a compilación agacha un inédito: Deitado frente ao mar... na voz do mc de Dios Ke Te Crew (DKTC), García, e con bases de Mou, da mesma banda hip hop. A "lingua proletaria do meu pobo" comparece rapeada e revela, segundo García, "a total contemporaneidade de Celso Emilio, o Celso Emilio rapeiro".
O mestre de cerimonias de DKTC lembra como accedeu á lírica e á épica do poeta de Celanova grazas a un agasallo. "Un colega regaloume Longa noite de pedra e falárame do poema Son un pasmón como un perfecto rap. Prometinlle que, cando volvese á súa casa na Ribeira Sacra, tería gravada a versión, e así foi". En Son un pasmón Celso Emilio ataca a civilización do automóbil e opta por unha cidadanía crítica. "Son un pasmón vai contra o AVE", bromea García, "chama á calma". Cantado polo hiphopeiro de Ordes, o texto de Longa noite de pedra e as súas rimas internas e externas, semella escrito especificamente para esas músicas afroamericanas do gueto.
Malia a que Son un pasmón soou nun par de concertos de Dios Ke Te Crew, "trátase de algo máis persoal, unha teima, pero sempre dentro do colectivo". E o poeta galego máis sonado da resistencia contra a ditadura foi quen conectou ao mc co cantautor punk O Leo i Arremecághona. "Chamounos Aser Álvarez para presentar o monográfico da revista Arraianos sobre Celso Emilio e alí coñecín a Leo", lembra divertido García, "Celso Emilio como unha caste de chamán". Daquel encontro naceu o proxecto Labregos do Tempo dos Sputniks.
"A idea de Labregos ... [o nome procede doutro poema do totémico Longa noite de pedra] consiste en glosar a Celso Emilio", relata Leo Fernández Campos, "entre o punk, o rap e o cantautor". Fernández Campos, ideólogo e intérprete de O Leo i Arremecághona, refírese ao carácter "indómito" desas "músicas de protesta" que enlaza coa obra do poeta de Celanova. "O cantautor de combate, o punk e o hip hop, que actualiza a rebeldía musical e procede da rúa, son os estilos que ao poder máis lle custa asimilar", afirma. O Leo prepara, arestora, unha ranchera co poema Eu son o rei de min mesmo como letra.
A reutilización da poesía na música pop soborda arestora as operacións insurxentes sobre o corpo escrito de Celso Emilio dos labregos do tempo dos sputniks. O electro pop, cadora máis estilisticamente flexíbel, de Fanny + Alexander confirmouse co seu primeiro disco longo, o ano pasado, Finais dos 70, comezos dos 80. Da man de certa indietrónica, F+A valéronse de letras detectadas en poemas de María do Cebreiro, Pilar Pallarés, Lois Pereiro ou Carvalho Calero. Noel Feáns, unha das dúas patas do grupo, confesa irónico: "Temos dúas razóns diferentes para facer cancións con poemas. Unha, por que facer algo non moi ben, cando hai quen o pode facer mellor. Dúas, a máis estupenda: o beatnik, Borroughs e Sonic Youth, Patti Smith e Ginsberg...".
Para Feáns, "non todo o mundo é Leonard Cohen, así que cómpre recorrer aos poetas. Quen teña talento para a lírica, que se dedique á lírica". Fanny + Alexander recuncarán no nó entre poema e pop no seu vindeiro cedé, programado para o outono. "Procuraremos acoutar aínda máis a xeración de finais dos 70", di, "e achegaremos poetas inéditos e outros que escriben con norma reintegracionista, tristemente a poesía maldita neste país". "Con Reixa, o listón das letras pasou a estar altísimo e, quizais, tapou experiencias anteriores como a de Voces Ceibes, cantautores non autores", afirma.
Feáns, que xa iniciara probas na dirección de Fanny + Alexander con Fusquenlha, non dubida ao se posicionar: "Un poema e unha canción son exactamente o mesmo". E exemplifica coa tradición medieval. "As cantigas que son? Poemas? Cancións? A diferencia entre música e poesía é propia da modernidade". A imaxe grecolatina do poeta e a lira non se afasta tanto, ao cabo, de Micah P. Hinson. Leo Fernández Campos súmase á reivindicación galaico-portuguesa: "A nosa tradición é musicada, Martín Códax, Cantares Gallegos, Os Resentidos...". "Un poema e unha canción son o mesmo", conclúe.
"Un poema non é necesariamente o mesmo que unha canción; non se sabe exactamente onde se atopa o nexo entre o texto e unha melodía". A opinión do cantautor guardés Tino Baz distánciase dos seus colegas. Máis achegado ao canon folk, Baz vén de editar o seu primeiro cedé en solitario, Cinsa namorada. "Unha das pezas da gravación xira arredor dunha composición de Marica Campo, pero traballei poemas de Bernardino Graña, de Elvira Riveiro, de Xavier Seoane...".
Tino Baz explica o seu método de traballo. "Na lectura, o poema revela a súa estética acústica", afirma, "o léxico, a estrutra métrica, o seu valor eufónico; a melodía instálase axiña sobre o verso". O guardés fala dende un clasicismo retórico que acha "esencialidade musical" na escrita e compara o proceso decisorio sobre os poemas co cineasta que le unha novela "e de contado advirte que aí hai un filme". "Pero non existe unha máxima que permita decidir se o poema resulta musicábel ou non".
O cantor mírase debedor da tradición dos anos 70. "A reivindicación nacional da palabra de Mini e Mero [colaboradores en Cinsa namorada], a amizade de Suso Vaamonde ou Miro Casabella son fundamentais á hora de adaptar poemas á nosa música", defende. Na cuestión das liñaxes non existen lugares comúns entre os consultados. O Leo remítese a Lou Reed. "Berlin [o terceiro disco en solitario do neoiorquino] é como a gran novela norteamericana", emociónase, "e amosa que as fronteiras entre lírica, épica, narrativa, xa non resultan operativas". Para Fernández Campos, o elepé dos rapeiros composteláns Malandrómeda Os estraños sempre traen malas novas "exemplifica transgresión de lindes, na liña de Berlin, textos que non se consideran poemas, precisamente".
García, de DKTC, recolle outro Berlín, o da poeta María Lado con Fanny+Alexander, "interesantísimo". O mc de Ordes retorna a Celso Emilio Ferreiro e fala dos seus paisanos Kastomä, que colocan na leira do rock urbano pero de vila o poema Non de Longa noite de pedra. "É o poeta máis musicado, por como escribía e tamén pola súa actualidade", e cita tamén aos cercedenses Zenzar [Falo no nome da terra, de Viaxe ao país dos ananos, aparece na gravación Rock&Roll, de 2002]. O ex cantante de Diplomáticos de Monte-Alto, Xurxo Souto, percorre as versións pop de Celso Emilio en Ser dun tempo, dunha terra, texto incluído na Fotobiografía.
Noel Feáns declárase partidario irreductíbel de Rosalía de Castro, o elepé de 1975 de Amacio Prada e rescata o dobre editado no Día das Letras de 1989 dedicado, de novo, a Celso Emilio Ferreiro. "Aí están, con poemas de Celso Emilio, Jei Noguerol, Na Lúa, Cana Verde, Luar na Lubre ou Brath", relata. O tributo ao poeta resistente de Celanova é o penúltimo capítulo da relación produtiva entre poetas e músicos, entre poemas e cancións. O vindeiro, na rúa en outono, da man de Edicións do Cumio, será protagonizada polo novo pop galego -Quant, Ataque Escampe, F+A- co único requisito de empregar como texto "un poema contemporáneo".

sábado, abril 19, 2008

Crónica dende Porcópolis

Levo uns días doente pero aínda non dei voltado a Chateaubriand, nin me lembrei del, e seica Don Ramón, o autor da fermosa oda ao xamón e un dos meus heroes, morreu coas Memorias de Ultratumba sobre o seu peito de crustáceo. Amarreime a Miguel Torga nos inicios desta hipertrofia sinovial, que non sei se vai con ube ou con ve, pero que só poderei esquecer a través dunha artroscopia, e o Diario deste fodido Arraiano Tibetano tenme engaiolado e por veces incluso me excita e me fai subir a febre. Cando isto acontece boto man do Camiño do Zen, un libriño iniciático que me trouxo o meu irmau maior, sempre sabedor das miñas debilidades e fortalezas.
O único bo da enfermidade é que teño moito tempo para ler e estes días deborei tamén un libro caralludo de Jon Krakauer, no que conta a historia de Chris McCandless, que morreu de fame en Alaska despois duns anos peregrinaxe e de moito ler Conrad, Tolstoi e Thoreau... Unha historia moi ben contada, e seica Sean Penn fixo unha boa peli. A banda sonora non está nada mal, aínda que sexa Pearl Jam en campaña presidencial... En fin, que a estas horas sempre me sube a temperatura e volto ao Camiño do Zen para centrarme un pouco até a hora da merenda.

Benvidos a Porcópolis

ODA AO XAMÓN


Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa de carne

Xamón.

Densidá ilustre da cena sabia,
gracia e potencia, rosa do pote,

Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón
Febra xugosa, rica canteira onde
se curtan limpos poliedros
Xamón.
Benedictina fartura ilustre de Oseira e
Samos, coartel famoso,
Xamón.
Rei da lareira, carne petrucia, da Raza
esgrevia gardas o zume,
Xamón.
De rica alquímia Summa suprema,
Fariña, poma. Landra, castaña.)
Xamón,
Sal do fumeiro, na noite negra
do viño en xerra irmán doado,
Xamón
Pai das artritis, das esclerosis .
fildalgas doenzas do pazo antergo,
Xamón.
Tentación dura pra o anacoreta,
coor de meixela, carne de lume,
Xamón.
Do chan galego tes a dozura
se a meias coces con fachas secas,
Xamón
Sono adoecido do triste abstemio
farto de berzas, todo augachirle,
Xamón,
Pra tí frolecen os soutos vellos,
medran as hortas, madura o nabo,
Xamón.
Para gabarte cantóu Homero,
brilas no hexámetro, manxar heroico
Xamón
Liturxias vellas impós ós fieis
aristocrática, feudal mantenza,
Xamón
Coma o pescado roxo e sabroso
amoleciches ó funcionario,
Xamón
Do norte xiado veu pra buscarte
o loiro suevo fillo da guerra,
Xamón.
Da xente aria vella mantenza,
na túa presencia trema o Semita,
Xamón.
Triste xudeu farto de ovella
morre de envexa pola túa groria,
Xamón.
Criado con calma, mimo, coidado,
da esencia do agro síntesis rara,
Xamón.
Mentras o fígado come o escolante,
ríllate ancioso o forte abade,
Xamón
Tes en Caldelas forte crianza
na neve xiada das cumes outas,
Xamón.
Dacón por ti goza de sona
de ser Porcópolis, Chicago noso,
Xamón.
Papa das carnes, cardealicio,
archimandrita da limpa mesa,
Xamón.
Homildemente a tí chegamosos
pelingrinos, fartos de légoas,
Xamón.
E no teu gosto fresco e potente
teñen consolo as nosas fames,
Xamón.
¡Rei da mantenza, sol do fumeiro,
que sempre agardes nosa chegada
Xamón

sexta-feira, abril 18, 2008

O xefe pon firme ao exército

En todos os exércitos do mundo existe unha posición da orde fechada, dita no español firmes, na que o soldado se pon ríxido e agarda o movemento de armas seguinte. Mándase firmes á voz ou mediante o cornetín de ordes. No primeiro caso, o indivíduo ao mando berra a palabra firmes en dous tempos e de forma estentórea. Karl Bühler, ao definir Appel ou función apelativa da linguaxe, seguramente tiña en mente o oficial mandando verbalmente firmes á súa unidade. Neste caso, a lingüaxe serve para que seres humanos obedezan con absoluta precisión e modifiquen a posición do seu corpo no espazo. Na función apelativa pura, a lingua é usada para mandar de forma absoluta e para que persoas obedezan de xeito absoluto. Pro tamén a posición de firmes pode ser ordeada a través do cornetín. Isto soe ocorrer nas paradas e cando o superior é de alta graduación e deben obedecer unidades militares que engloban un vasto número de soldados. Daquela, agudo, penetrante, inapelábel, o cornetín emite un primeiro tempo que move os corpos dos soldados cara arriba (fainos "crecer") e un segundo toque, consistente nun só e terríbel punto executivo, no que a tropa xunta os talóns con estrondo unánime, achega o fusil ao coxote dereito e extende a palma da man contra o esquerdo; a vista alta e á frente. En posición de firmes o soldado español agarda as seguintes ordes. A posición de firmes é a de máximo acatamento á superioridade.Todos aqueles que padecemos o máximo rigor do exército español nun batallón dos chamados de castigo e so a persecución do SIM levamos gravado a fogo na alma o cornetín de ordes mandando firmes. Esoutro día (estaba eu distraído) escoitei o toque de firmes na televisión. Tan nítido, tan preciso, tan estridente, tan autoritario, que case o can de Pavlov que levo dentro me obrigou a porme automaticamente en pé e en posición de firmes: garde-á-vous, em sentido. Firmes e de xeonllos son as posturas nas que o individuo humano amosa a perda total da súa liberdade e da súa dignidade. Achtung!Unha das últimas veces nas que me puxen firmes foi na esplanada de instrucción do cuartel do Cristo, La Laguna de Tenerife, para que a miña unidade, un grupo de artillaría especializado en domar delincuentes e rebeldes, fose revistada polo ministro do Exército xeneral Barroso en canto soaba incesantemente a Marcha de Infantes. Esoutro día o toque de firmes que me conmoveu a memoria e me acordou no corazón o meu odio ao fascismo estaba dirixido a unha columna que habería de lle render honores á nova ministra do Exército, señora Chacón.Ver como unha muller encinta pasaba revista a unha columna de soldados de España, en posición de firmes estes e en calidade de Ministra do Exército aquela, púxome a carne de galiña. Estou seguro de que a maioría dos meus lectores non entenden o que lles estou a contar porque felizmente non son moitos os vivos que padeceron a represión franquista nos cuarteis. Os que pasaron pola ignominia, como eu pasei, dun batallón disciplinario do tipo do Grupo de Campaña de La Laguna gozarían dunha particular satisfacción ao ver como esa muller empreñada ordenaba o toque de firmes e recibía o saúdo co puño do sabre nos ollos do oficial ao mando da tropa. Con todo, non ma pareceu ouvir soar a Marcha de Infantes en honor da Ministra, aínda que no acto tal vez lle correspondese a ela a Marcha Real. Ignoro o regulamento pro sei que o franquismo sentíu o aguillón democrático nas vísceras.

segunda-feira, abril 14, 2008

O xefe sobre Curros

Xustamente ao día seguinte do traslado do monumento a Curros Enríquez desde a Praza de Compostela ou Alameda de Vigo ao pé da muralla da fortaleza do Castro comezou na cidade unha polémica, se ben de ámbito restrinxido e mormente privado. Houbo quen considerou a traslación unha ofensa; a memoria de Rubén Darío que se quería pór por cima do de Celanova. E houbo que non vía, mesmo dentro do galeguismo vigués, con maus ollos que, á portuguesa, se fixese no Monte do Castro unha especie de paraíso das figuras literarias galegas, polo que o monolito a Martín Códax ficaba moito ben con Curros a carón e con outras efixies posibeis de escritores distribuídas entre a fronda, efixies que nunca deron chegado mentres que a Cruz dos "Caídos por Dios y por España" se facía eterna na contorna. Naturalmente eu sempre estiven cos partidarios da primeira postura e formei parte da tendencia que postulaba a reposición de Curros na Alameda acompañada, se fose posíbel, por un acto de desagravio.
Tamén na Coruña se falara de trasladar o monumento a Curros, obra monumental de Asorey, a non sei cal monte. Pro, naquel caso, Otero Pedrayo tomou a palabra e pronunciouse públicamente contra o traslado; houbo queixas múltiples e a cousa ficou como estaba. O traslado do monumento a Curros puido ter sido, e non foi, un episodio moi importante no proceso de desgaleguización e franquización da cidade da Coruña que se inaugurou na era Molina Brandao e que culminou na era Francisco Vázquez. O Concello da cidade da Torre de Breogán, que algúns persisten en lle atribuir a Hércules porque pareza menos nacional, e mais a Academia Galega con sede na Rúa das Tabernas, acaban de conmemorar espléndidamente o centésimo aniversario do enterro de Curros no cemiterio mariño de San Amaro, o que parece indicar que a Coruña comeza a recuperar conciencia das súas responsabilidades galega e democrática.
Con todo á Coruña aínda lle resta moito camiño nacional e democrático por andar en materia de estatuas e de nomenclatura urbana e mesmo sanitaria.
Hoxe non toca falar de Millán Astray nin de Juan Canalejo nin da Coruña, senón de Curros Enríquez e de Vigo. Parece ser que a campaña que levamos coma un cruz ao lombo durante máis de cuarenta anos foi finalmente escoitada polas autoridades municipais de Vigo, que fixeron público o seu propósito de restituiren Curros na Alameda onde o puxera na primeira década do século XX o pobo e a Sociedade "La Oliva", presidida polo nacionalista Manuel Gómez Román. Teño que felicitar a todos os participantes en tan teimuda reivindicación, en especial a quen conseguiu reunir a derraia colleita de asinaturas en favor desta causa política-cultural e que foi Xosé González Martínez.
E felicitar tamén a Gerardo González Martín como autor do texto do documento. Agora imos ver con que dilixencia os poderes municipais compren a súa palabra.

sexta-feira, abril 11, 2008

O xefe en Padrón coas Redes Escarlata

As Redes Escarlata van conmemorar mañán en Padrón os cincuenta anos do acto de coroamento como Príncipe dos Poetas Galegos, aínda que ese título case só se soñaba, de Ramón Cabanillas. Eu estaba alí, como estivera no mesmo Espolón o ano anterior, cando lle inauguraron os irienses e os galegos todos o monumento a Rosalía de Castro. Foron tan semellantes os actos das Pascuas de Padrón de 1957 e de 1958 que irremediabelmente se me confonden na memoria. Ambos tiveran como motor político e humano Camilo Agrasar Vidal e como portavoz público o xornal La Noche. Ambas cerimonias honraban unha figura poética nacional, Rosalía e Cabanillas. Tanto en 1957 como en 1958 ondeaban en todo Padrón as bandeiras galegas e a banda de música interpretou o Himno. En cada unha das ocasións o orador principal foi Ramón Otero Pedrayo en función consciente de lider nacionalista, con linguaxe de lider nacionalista, revestido da autoridade que lle daba a súa condición de represaliado do franquismo, de ex deputado da República, de antigo membro do Consello Nacional do PG, de individuo que non se deixou asoballar polos vencedores, de leal sucesor na dirección moral da Patria dun Castelao que morrera só sete ou oito anos antes. Ese foi o Otero que falou nas dúas Pascuas, en honor de Rosalía e en honor de Cabanillas: nos dous casos dirixíndose a unha masa de labregos, mariñeiros, traballadores, intelectuais, nenos, mozos e vellos, que o escoitabamos nun silencio que aínda hoxe me apreme a gorxa. Nós interrompiamos con enxurradas de aplausos aquel discurso no que se facía resucitar a Galia histórica, si pro no cal se sinalaba con precisión dialéctica "a Galicia dos que sofren, a Galicia dos que esperan". Podo eu decer que os actos de 1957 e 1958 en Padrón foron un mesmo acto separado por un descanso para botar un pito e facer abaixar o grau de emoción acumuladea nos peitos dos concorrentes. O acto en dous tempos de Padrón constitúe o acontecemento político máis importante do nacionalismo e do antifranquismo anterior ao homenaxe-mitin a C.E. Ferreiro que habería de se celebrar en Ourense, na década seguinte. Tamén Otero Pedrayo participou de forma protagonista no banquete de Celso Emilio porque no Espolón de Padrón e no Roma de Ourense o Mestre quixo significar que el non era parte dun cenáculo senón conciencia dunha Nación.Na homenaxe a Cabanillas que mañá as Redes Escarlata e os poetas de Iria e o Salnés van conmemorar e reproducir, eu relembro de forma moi especial o recitado de Aquilino, voz baruda e matizada que nos puxo, coa de Otero, o corazón en pé. Os novos poetas das terras e países mansos ou das mariñas mansas serán mañán continuación do poeta Iglesia Albariño que combinaba a severidade brava das terras altas e chas, sen mar pro con xugadas de bois, co mel escuro de Horacio. Cincuenta anos máis tarde haberá no Espolón de Padrón diálogo de xeracións e cerimonia de pertenza á estirpe dos que sofren e esperan e das que foron de Santiago a Padrón cun chover que era arroiar e mesmamente descalciñas de pé e perna. Eu sigo a remoer as lembranzas e agora represéntaseme Faustino Rei Romero coa sotana desabotoada: el non paraba de fumar e de beber copiñas de caña comigo no Padrón de 1957, de 1958.

segunda-feira, abril 07, 2008

O xefe e os premios nacionais da cultura

Este cronista celebra que a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia crease, finalmente, uns Premios Nacionais destinados ao recoñecemento das actividades artísticas, literarias, científicas. Pro tales premios, tal e como foron anunciados, non son enteiramente aceptabeis desde o meu humilde ponto de vista. Prométolles seguir a falar do tema por se a Consellería corrixe no futuro a súa concepción dos premios. Pro antes voulles contar unha vella historia que coido que aparece tamén n´ Os anos escuros de Franco Grande, libro que agora non teño á man.
No curso 1956-57 o SEU da Universidade Compostelá convocou as Festas Minervais, un certamen de grande importancia histórico-literaria. Nas bases convocábanse premios de poesía, narración e ensaio en dúas modalidades: en galego e en castelán. Todo un triunfo, desde a óptica do cenáculo galeguista e antifranquista no que eu me movía daquela. Pro había un detalle que considerabamos ofensivo e inadmisíbel. E iso era o feito de que os premios en castelán estaban retribuídos dunha suma superior os premios en galego. A ideoloxía da superioridade do castelán sobre o galego convertíase en evidencia ao se traducir a diñeiro. Como tal, se un primeiro premio de poesía en castelán dotado con 2.500 pesetas, o mesmo primeiro premio en modalidade galega recibiría 1.500 pesetas ou cousas así.
O círculo ao que eu pertencía e que tiña no Café Español a súa sede permanente decidiu negarse a participar nas Festas Minervais e pedirlle ás personalidades da literatura que habitualmente se desempeñaban como xurados en tales concursos que tamén se negasen. Ángel Blanco Losada, fino sonetista en castelán e poeta maximamente premiado por aquela época, e máis eu falamos con Aquilino Iglesias Alvariño e con Fermín Bouza Brey, os que sumaron ao proxecto de boicot. Outros compañeiros falaron con outros posibeis xurados e houbo quen mediou con SEU convocante, a esta persoa coido que foi López Nogueira. Rapidamente, o SEU rectificou e as cuantías dos premios foron igualadas en ambos idiomas.
Con todo, os xurados declararon desertos os premios en castelán menos o primeiro e cubriron todos os de lingua galega. Foi cando á Alonso Montero, mantedor do acto, lle prohibiron facer o discurso en galego e el pronunciou unha vibrante e belíxera arenga en favor da lingua asoballada que lle proporcionou a el un disgusto e a nós unha inmensa satisfacción política. Os aplausos a Alonso foron, no Paraninfo, treboada.
Hoxe, os Premios Nacionais da Consellería de Cultura de Galicia non contemplan modalidades por xéneros literarios e vanse retribuir con 15.000 Euros mentres que os Premios Nacionais do Ministerio de Cultura de Madrid (raramente recaen en autor en galego), alén de seren convocados para todo os xéneros literarios e máis, xa subiron o valor até 18.000 Euros. Penso eu que, se o SEU franquista foi capaz de rectificar nas Festas Minervais de 1956-57, a Consellería de Cultura do BNG ben pode rectificar tamén mañá o agravio que representa para o idioma nacional a inexistencia de modalidades por xéneros literarios e unha dotación que minusvalora e ofende aquilo que é nacional e propio.

sábado, abril 05, 2008

Arraianos contra arianos e a xenofobia

O espazo cultural e esportivo de Valença do Minho foi invadido recentemente de letreiros que asina Resistencia Ariana: cruces gamadas, triskeis de Álvaro das Casas, círculos coa cruz que fixera famoso o fascismo europeísta de Occident. Todo fala dunha supervivencia galega do vello nacionalsocialismo de CEDADE.Se a simboloxía é profusa e redundante, os textos son probes e están escritos (coma no caso de CEDADE) na ortografía "reintegracionista" que discurrira un día Carvalho Calero. Din: "Gallaecia naçóm ariana" e cousas do xénero. A resposta non tardou. Nun recente paseo pola zona vin as pintadas cruzadas e unha expresión contradictoria: "Abaixo os fascistas". Tamén polas rúas de Celanova se fai notar esta Resistencia Ariana galaico-duriense.En realidad R.A. é un grupo que imita o norteamericano Arian Resistence cuxos loucura e baixos instintos poden ser examinados polos curiosos en internet. Baséanse na supremacia dunha inexistencia "raza aria", concepto no que se basaba unha parte da ideoloxía alemá do nacionalsocialismo (a parte fundamental era o anticomunismo). A noción de aria (en portugués "ariana") non ten outra explicación que unha ben feble: nalgunhas linguas indoeuropeas asiáticas arya significaba "xefe" membro da comunidade dominadora, de onde Irán e iraniano ou iraní (arabizado). Tal termo arya foi descoñecido polas linguas de Europa incluída as dos vellos xermanos e a dos habitantes da antigua Gallaecia e da antigua Lusitania.En realidade toda esta chafallada ideolóxica só ten o fin, entre nós, de lle dar cobertura a unha mobilización fascista e racista contra os xitanos, os norteafricanos, os hispanoamericanos, os pretos en xeral os emigrantes que veñen vivir entre nosoutros. A min estes "arios galaicos" fanme acordante daquel debuxo de Castelao que representaba un indixente con esta lexenda por baixo: "O home que mercou un can para ter en quen mandar".Se vostedes visitaren en You Tube o video de Resistencia Ariana-Galicia (Galiza, xa se sabe, é máis radikal ca Galicia) verán imaxes do grupo queimando ao estilo KKK, suxeitos coas caras cubertas con felos que representan caliveras ("Abajo la inteligencia, viva la Muerte": Millán Astray, na Coruña sempre en efixie) e un conxunto de encarapuchados que lle plantan lume (ou fogo, tanto ten) a unha bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas. O ideólogo autóctono que estes continuadores de CEDADE veneran como seu precursor é Vicente Risco e escriben moi pouco. Os contidos de R.A. reducense a isto: "Galicia e N. de Portugal unidos contra as razas inferiores que nos invaden".
En moitos lugares de Galicia prodúcense manifestacións racistas de importancia contra a presencia de cidadáns (agora dígoo eu) da minoría xitana que leva connosco desde o século XIV (ou desde antes). En Vilaboa os muros aparecen pintados con slogans contra os marroquinos que escolleron ese concello e a freguesía de Paredes para vivir, mandar aló os nenos á escola e pagar os impostos e rendas de aluguer. O concello (maioría de "progreso") de Vilaboa xa lles proibiu aos veciños de orixe magrebí abrir no termo municipal unha mesquita.IIIEstamos á espera dun movemento galego contra o racismo e a xenofobia.

Vivo na raia

CONTA ONDE VIVES !
A paisagem audiovisual do século XXI da Eurorregião Galiza-Norte de Portugal
A Morraceira e Ponte...nas ondas! promovem o CONCURSO AUDIOVISUAL para configurar um
mapa audiovisual do território.Uma aposta pela posta em valor do património e o
territorio. Um espaço geográfico e ecológico no que se conformou a identidade
galego-portuguesa.
Concurso aberto a todas as idades.
Divulga e difunde !

+ info: A Morraceira + Ponte...nas ondas!

segunda-feira, março 31, 2008

O Xefe fala do Tibet

Vanlle levar a penicilina e o pensamento racional" -tivo o valor de nos decer en clase Francisco Cerviño o día no que algúns alumnos lle expresamos a nosa indignación pola primeira ocupación chinesa do Tibet. Cerviño, que non era comunista pero si home de progreso e moi galeguista, sen sabelo diunos unha lección que, polo que se refere a min, endexamais había de esquencer. Hoxe un disparatado Buda vivinte que significa perguiza e explotación dos campesiños, especialmente das mulleres, do Tibet (unha das rexións menos fértiles do mundo) aparece como "líder espiritual" e como símbolo de pureza en todos os medios de comunicación. Por iso me retornan as palabras do meu inesquencíbel profesor de Pontevedra.
Palabras que foron reaparecendo na miña vida cada vez que o movemento nacionalista era usado na dirección contraria do vento (se se me permite a expresión) da Historia. Nin todo o que se axita é revolucionario ("pas tout ce qui bouge est rouge") nin toda autodeterminación libera realmente un pobo ou nación. Claro que o Tibet ten dereito á súa independencia nacional, pro os homes e mulleres ceibes do mundo deberían desexar que tal independencia leve acompañada a supresión do poder dos lamas que fabricaron altares de ouro coa fame do pobo e que as mulleres saian da escuridade e da opresión máis terríbel das que o seu sexo sofreu nunca nin sofre. Antes de nos solidarizar co Tibet dominado por China teremos que nos preguntar a costa de quen viven os milleiros de lamas exiliados cuxo tempo non se ocupa no traballo útil e cuxa mentalidade xace nas sombras da alienación relixiosas nas que non penetra nin unha soa raiola de lucidez científica e racionalista. Se certamos a determinar quen paga o combustíbel do jet do Dalai Lama e alimenta a súa corte de frades sempre masculinos poderemos comezar a comprender o labirinto tibetano nos termos nos que se traza na actualidade o seu sistema de galerías segredas.
Despois do Tibet pasou pola miña vida o separatismo de Kaga contra o Congo popular de Lumumba, o independentismo zulú insolidario co proxecto multinacional e multilingüe da Sudáfrica de Mandela, a Padania de ópera bufa e intereses vulgares que trata de lle corrixir a historia á Italia alegre e tricolor que amaran Murguía e Curros. Vin con horror como a desfeita da URSS se apoiaba na alavanca dos mesmos nacionalismos que na miña nenez nutriran as fileiras do nacionalsocialismo e das SS no Leste de Europa. Coñecín como Yugoslavia, un modelo de sociedade libre e multicultural, estoupaba e volvía á barbarie na medida en que o seu discutido socialismo autoxestionario se extinguía ben conducido pola man segura do Vaticano, dos EEUU e da eterna política oriental dos alemáns de novo reunificados para o mal xeral da Humanidade. Por fin, asisto á independencia de Kosovo, velaí a criazón do paradiso do desorde que é Kosovo. Nun escamoteo pérfido do Capital, Kosovo, xa non é Serbia pero, oh milagre, tamén xa non é Albania. Só diñeiro desregulado e puro.
As bandeiras con barras e estrelas ondeando ao vento de Kosovo sírvenme para visualizar do xeito inequívoco a lección de Francisco Cerviño Gesteira en 1950. Todo nacionalismo é plástico e depende de cal contido e forma se lle dea á súa función no movemento da Historia. Iso dicía Étienne Balibar, n´ A Trabe de Ouro e iso penso tamén, modestamente, eu.

segunda-feira, março 24, 2008

Presentación na Torga

MIGRACIÓNS NA GALICIA CONTEMPORÁNEA
XOSÉ MANUEL CID FERNÁNDEZ – XOÁN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE – RAÚL SOUTELO VÁZQUEZ
(COORDINADORES)
O próximo venres, día 28 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Torga (rúa da Paz, n.º 16) de Ourense.
Intervirán no acto D. Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación; D. Jesús de Juana
López, catedrático de Historia Contemporánea; D.ª Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense;
D. Manuel Luís Rodríguez, secretario xeral de Emigración; e D. Olegario Sotelo Blanco, editor.

domingo, março 23, 2008

Música e poesía en Couceiro

O Xefe falou... Esta é a miña Patria





Os comentaristas políticos galegos favorabeis á dereita e á súa "idea de España", especialmente a fracción ben articulada dos procedentes do vello e glorioso PCE-PCG, están a facer retiro espiritual; ou ben calan ou ben falan crípticos, circunspectos e a modiño. Mesmo hai xornais enteiros e grandísimos que semellan ter entrado nun período de instrospección e reserva que lles eu desexo moi fructífero para as súas almas empresariais. Utilizan coralmente a palabra chave escenario, que vén do inglés (ou latinglish) scenario, a cal significa o mesmo que entre nosoutros "guión cinematográfico". Os comentaristas de política na prensa de Galicia poñen (non todos, non) cara de circunstancias, amósanse taciturnos ou biliares e parecen estar á espera, coma no drama de Pirandello, dun autor que lles prescriba as novas palabras. A derrota do PP nas pasadas eleccións foi tamén a derrota dunha parte considerábel dos colaboradores, dos xornalistas e dos xornais presentes en Galicia. Esta é a miña Patria.
Os escritores (merecedores do título) en lingua galega pasaron pola confrontación electoral sen lle daren moitos apoios á dereita e prestándollos, uns máis e outros menos, a todo aquilo que se moveu contra a barbarie. Entre outras cousas foi por iso mesmo polo que esta pasada tempada electoral se falou e escribiu tanto e tan agresivamente contra os escritores en lingua galega. E por que me virá agora á memoria aquela famosa carta de intelectuais galegos a favor da entrada de España na OTAN que non quixo asinar ningún verdadeiro escritor galego? Agora eu quixera felicitarme a min mesmo polo feito de que os escritores de Galicia, de Rosalía ás Redes Escarlata (por pór un simple exemplo de colectividade socio-cultural), pasando por Don Ramón María del Valle-Inclán, soen ser así ou, se non, chámanse Vicente Risco.
Días antes da campaña, unha manifestación nutridísima alagou as rúas de Compostela baixo o lema de Galicia non se vende. Tal mobilización ensinaballe á coalición autonómica que existe unha esquerda, un ecoloxismo, unha clase obreira e un nacionalismo vivos e actuantes que non van permitir a destrucción do noso ambiente e da nosa vida por moito que o BNG e o PSOE estean e prevariquen no goberno de Santiago. Sempre decimos que o Parlamento de Galicia amosa o atraso político da Nación ao non teren asento nel máis ca deputados de tres partidos, cando no de Euskadi fanno seis e no de Cataluña cinco (ou é ao revés?). Falamos do atraso político de Galicia.
O cal nos leva a albiscar un futuro no que, a consecuencia das vindeiras eleccións autonómicas, o retroceso do voto ao PP (elisión dos seus siareiros galeguistas ou simplemente demócratas), a ampliación desproporcionada e utilitarista do voto ao PSOE por parte de subxectividades verdadeiramente progresistas e a concentración no BNG da maioría dos sufraxios independentistas e de esquerda (ao que habería que asociar o voto patriótico e e marxista branco/nulo, tan numeroso) abran paso a unha mudanza política que sitúe no Hórreo electos ceibes e dispostos a aquilo que alguén chamaba "servir o pobo". Xa veremos a ver. "Mudam os tempos, mudam as vontades" - dicía V. nunhas viñetas ou cadradiños perdidos do chiste (sic) V. for Vendetta, da autoría de Alan Moore e David Lloyd.

segunda-feira, março 17, 2008

O Xefe fala do Pousío, o Xardín Botánico de Ourense

Tiñan unha alta visión de política cultural as xentes que gobernaban na deputación e no concello de Ourense no final do século XIX. Cando a Lei Moyano o fixo posíbel abriran o primitivo Instituto na actual Rúa de Lamas Carvajal, e tamén alí o núcleo da biblioteca provincial sobre a base dos libros colleitados polo abade exclaustrado de Celanova Bonifacio Ruiz. Pro non ficaron aí. A picaraña dos poderes políticos, aberta ou caladiñamente progresista, achandou as derradeiras casas da parte Sul da vila, alí onde vivían os graxos e as putas que farían inmortais Lamas, Álvarez de Nóvoa e Blanco Amor. Trazaron unha rúa nova, ancha e clara, á que chamaron do Padre Feijóo por ser este personaxe admirado nas loxias masónicas e nas hozas carbonarias. E nesa rúa ergueron o edificio do novo Instituto que durante moito tempo foi o mellor de Galicia (1896) . Non satisfeitos con instalar o Instituto con grande dignidade e mesmo aparato (notorio paraninfo, motivos árabes na decoración claustral), os políticos locais soñaron con facer daquelles lugares humildísimos e degrados da cidade unha especie de foco de irradiación da cultura laica e superior. Así pensaron que o novo edificio, ademais de centro docente, tería que ser, e así lle chamaron, o Centro Provincial de Instrucción Pública. Nel traballou a Comisión Provincial de Monumentos e conservou as súas coleccións e arquivos. Alí tivo a súa sede a magnífica Biblioteca Provincial que non parou de medrar durante moitos anos. Alí, en fin, estaban as salas dun dos mellores museos de historia natural de España, según me contaban. Pro aínda faltaba un elemento máis que fixese da marxe Sul de Ourense motor cultural de toda a Provincia: un Xardín Botánico.Próximo ao Instituto encontrábase o terreo público chamado Pousío (en galego, "valdío, poula, ermo"), que se castelanizou impiedosamente en Posío. Unha Nosa Señora do Pousío era venerada nunha capela que a nova estrada de Castela fixo desaparecer e a súa imaxe aínda recibe culto minoritario na Burga. Os políticos locais decidiron converter o Pousío ou Posío en Xardín de Plantas ou Botánico, e arrodearon o perímetro cun muro de perpiaño e grandes de ferro, para o protexer seguramente dos graxos e das barbaridades que estes adoitaban cometer nas noites de esmorga por Auria adiante. Instituiron que o catedrático de Agricultura ou de Historia Natural do Instituto dirixise o Xardín.Este proxecto exemplar de política cultural integrada fracasou. O Instituto ardeu en nadal de 1927 e con el a biblioteca de 14.000 volumes entre os cales moitos exemplares únicos e incunabeis varios. O Xardín do Pousío desligouse do claustro docente e, ano tras ano, o concello foi permitindo a súa degradación, que culmina nestes días en plantacións sen sentido e nunha terríbel perda de vexetación. Especialmente durante o franquismo, o Pousío foi aproveitado como lugar de folións, escenario de jimkanas, e sitio ao que se levaba toda actuación ao ar libre. O descoido e o desinterese municipal polo Xardín do Pousío vennos hoxe ás mentes cando lemos que un congreso de xardineiros dos chamados hoxe paisaxistas tivo lugar en Ourense e que o concello actual decidiu pór en marcha un novo xardín botánico no Montealegre esquencendo que xa Ourense tén un e que se encontra en estado lamentábel.

quinta-feira, março 13, 2008

Arraianos nas Terra de Turonio


Quen anda aí??... Este venres, 14 de marzal, a Casa do Libro de Vigo acolle ás 20 horas a presentación dun monográfico da Revista Arraianos sobre A Vida nas Aldeas e maila proxección do documental sobre o abandono do medio rural, Queda alguén ai??, de Rafael Cid.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Sendón, Rafael Cid, Henrique Alvarellos e Aser Álvarez van participar neste acto multimedia ao que estades todos convidados. Arraian@s das Terras de Turonio, vémonos en Vigo!! Auuuuuu!!

segunda-feira, março 03, 2008

Curros e Vigo

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN
Éo ano do centenario da morte de Curros Enríquez e unha carta ao alcalde asinada por diversas per-soas dotadas de alto nivel cultural e de representación social, reclama que Vigo estea presente nos actos de conmemoración que en toda Galicia van ser promovidos notoriamente a partir da Academia Galega e do Patronato Curros Enríquez. Sabemos que a carta -que publicamos íntegra na sección No Fondo dos Espellos- foi posta en circulación e elevada á primeira autoridade municipal de Vigo por Xosé González Martínez e que o seu redactor é Xerardo González Martín, historiador de Vigo. Pídese, de xeito moi especial, que o monumento vigués a Curros sexa devolto ao seu emprazamento orixinal na Praza de Compostela, tamén chamada Alameda, de onde fora trasladado ao Monte do Castro polo alcalde franquista Rafael J. Portanet.O monumento vigués a Curros foi ergueito, a raíz do falecemento do autor e símbolo popular republicano e nacionalista, pola benemérita Sociedade "La Oliva", daquela presidida seica polo arquitecto Manuel Gómez Román que tamén había de presidir nos anos cuarenta a reconstrucción en clandestinidade do Partido Galeguista. A actual carta ao alcalde de Vigo relata, mediante a man erudita de González Martín, a relación de Vigo e Curros Enríquez, da cal tamén se tiña ocupado (cómo non) X.M. Álvarez Blázquez."Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións nas que pasou pola cidade, en 1877, escribiu aquí de volta á súa terra logo dunha delongada ausencia: "Si mi desventura es tal,/ de tu sol bajo el imperio,/ ¡oh Vigo! préstame leal/ una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio".Refírese Curros poéticamente ao cemiterio de Picacho, hai moitos anos extinguido, onde xacía a súa amiga Modesta Méndez Brandón, a amada que fixera tolear e morrer a golpe de licor-café o "tenro" Castor Elices, seu compañeiro de letras na vila de Celanova. Hai vagas referencias de que un día, en 1904, Curros Enríquez lle comentara a alguén o seu desexo de terminar vivindo en Vigo.Durante o período franquista e pesia a que Curros concitara a inimizade da Igrexa Católica e da dereita en xeral, non se modificaron as designacións das rúas e institucións que levaban, e levan, o seu nome, e aínda se lle levantou un novo monumento, obra de Asorey, en Celanova e o poeta recibiu unha sonada homenaxe no centenario do seu nacemento. A única amósega de falta de respecto por Curros Enríquez, e mesmo de agravio político calculado, constitúe o traslado do monumento a Curros da Alameda de Vigo ao Monte do Castro para pór no seu sitio un monolito sen caracter dedicado (hoxe nin iso é apreciábel) a Rubén Darío.