terça-feira, dezembro 04, 2007

Homenaxe a Elixio Rodríguez o 4 de xaneiro

A Asociación Arraianos e a Fundación Galiza Sempre organizan unha homenaxe a Elixio Rodríguez, o histórico galeguista, coincidindo co aniversario do seu nacemento en Grou-Lobios o 4 de xaneiro de 1910. A propia familia, Xosé Manuel Beiras e o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, están entre os participantes previstos nun programa de actos que se desenvolverá nos Concellos de Lobios e Celanova e que conta coa colaboración do BNG e Galiza Nova e os apoios da Vicepresidencia e a Consellería de Cultura.
A traxectoria de Elixio Rodríguez faino sobradamente merecedor deste recoñecemento: a súa defensa das libertades democráticas e dos dereitos nacionais costoulle un doloroso exilio desde o que seguiu desenvolvendo unha intensa actividade sociopolítica e cultural, coherente co seu pasado de fundador das mocedades galeguistas. Os organizadores recordan que “foi condenado a morte dúas veces durante a guerra, estivo preso no mosteiro de Celanova e a súa familia foi perseguida, fugouse cun avión do exército franquista até Xibraltar e chegou a ser coronel da República, cruzou os Pirineos a pé, estivo refuxiado en Francia e chegou a México como exiliado a bordo do Ipanema en 1939. Lémbrano cheo de “enerxía e vitalidade”, e como “galeguista apaixoado, retranqueiro e agarimoso, correlixionario e amigo de Castelao, Carlos Velo, Luís Soto, Celso Emilio e Pepe Velo”.
Programa homenaxe 4 xaneiro:
12h. Inauguración da Praza Elixio Rodríguez en Grou / Lobios
12.30h Multiusos de LobiosPresentación da reedición libro “Matádeo mañá” editado por Xerais
17.30h. Acto público no Instituto de Celanova.
Intervencións: Xosé Manuel Pereiro. Xornalista. Ana Miranda. Responsable comision emigracion do BNG e voceira do BNG-Galeuscat no parlamento europeo. Xosé Manuel Beiras. Presidente da Fundación Galiza Sempre. Amigos/as e familiares. Pechará o acto o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
O acto vai contar tamén coas actuacións musicais de Daniel Romero e Kérkennai

quarta-feira, novembro 28, 2007

domingo, novembro 25, 2007

Presentación de Fóra do Sagrado en Compostela


Arraianos do mundo, se queredes vémonos este martes, 27 de novembro, ás 20 h, no auditorio da facultade de CC da Información da USC, en Santiago de Compostela...

Anxo Angueira presenta o seu último poemario, Fóra do Sagrado, recitando e con banda sonora e ambientación en directo. O Leo i arremecághona dirixe a parte músical do espectáculo, mentres que o Aser Álvarez Arraiano fai as percusións e asume o papel de ruideiro. Como decorado, poderedes ver o impresionante mural épico do Berbés que pintaron os irmaus de Diós... Hostindiós, para non perdelo nin de coña. Presenta Ricardo Losada.

quinta-feira, novembro 22, 2007

Camiñata por Bande

Este sábado, 24 de novembro imos de andaina a Bande, onde o noso alcaldable, o arqueólogo David Pérez nos ten preparado un roteiro etnográfico e cultural. A saída é ás 10 da mañá dende o alto do Iermes.

segunda-feira, novembro 12, 2007

COUSAS DE LOBOS

A primeira vez que vin un lobo, eu andaría polos 11 anos e lembro que fiquei marabillada pola estampa daquela testa ergueita, que nos fitaba orgullosa e desafiante do alto dun penedo. Aconteceu na serra do Xurés un día de xaneiro de hai algúns anos.

A miña nai, que xa vira moitos lobos antes, fitou o animal de fronte e iste, virouse e marchou sen baixar nunca cabeza. Eu tampouco tiven medo. Estaba tan abraiada, que teimei en grabar no maxín a imaxe que tiña diante sen tempo para pensar en nada máis; ben feito! porque sería esa imaxe a que dende aquela me serviría para porlle cor ás historias que se contaban no lugar, historias sobre a serra, riscos, contrabando, gardas civis, mortos, fuxidos, e por suposto, lobos. Calquera historia gañaba interés sempre e cando un lobo entrara a formar parte da acción.

Vin outros lobos dende aquela mañá de inverno. Unhas veces percorrendo co meu pai os cumios esgrevios da serra, outras, atravesando a estrada cando voltaba dunha noite de esmorga; iso sí, xa non se ven tanto coma antes, ben porque a xente xa non sobe ó monte, ben porque lles faltou alimento cando a res deixou de subir a serra e menguaran os rebaños de vacas.
O desequilibrio provocado polo home, estivo a piques de derivar na desaparición diste e doutros animais da serra do Xurés. De non ser por isto, hoxe o lobo non tería porque ser un animal protexido; as corzas reproducíríanse regularmente se non se matasen crias ou femias durante as vedas, en cazadas ilegais tácitamente sabidas e nunca denunciadas, en fin. E todo isto dende que os "novos cazadores", deixaran de practicar o deporte da caza para adicarse matar animais.

Sexa como for, o lobo segue e seguirá a ser parte imprescindible do lendario oral xuresiano, que aliás, e caixe o único de que dispomos; porén, deberiamos teimar en conservalo. Nós, que nos criamos en terra de lobos, aprendemos que o lobo só ataca cando ten fome ou cando sente ameazado o seu territorio. Isto é, se o home non invade o territorio do lobo, o lobo non invade o territorio do home. Se un dos dous incumpre a regra, entón, a loita debería ser xusta.

Mais, claro, quen se enfronta a un lobo armado cun estadullo de carro, tendo a man veleno e trampas e espingardas? Pois igualiño ca o que mata unha corza dentro da reserva para celebrar unha comedaina cos amigos. Será que levan razón as mulleres do meu lugar cando dín que xa non quedan homes coma os de antes. Saúde para o tio Eixó.

O xefe fala do garrao galego

Celebrouse por segunda vez o Curro de Domaio, que colle as bestas que andan por aquelas serras da base do Morrazo. Cando tivo lugar, a prensa, a radio e a TV a penas se referiron ao acontecemento. Para os medios de comunicación todo o que non sexa a chamada Rapa de San Lorenzo de Sabucedo non existe e, como tal, o curro vigués do Galiñeiro é pouco menos ca unha reunión clandestina. Pro ocorre que hoxe, na seu último número, unha das mellores e máis serias revistas de cabalos do Estado Español, El mundo del caballo, editada en Barcelona e dirixida polo doutor Adolf Cabané, publica un magnífico reportaxe gráfico e literario sobre o Curro de Domaio, dándolle leccións de documentación, precisión e coñecemento do asunto tratado aos periodistas que, case sempre pouco documentados desde a lonxana morte de Bene, cobren mal ou ignoran estas festas bravas da nosa Nación. Algún día as autoridades autonómicas terán que facer o católogo e o almanaque dos cen curros que cada ano se celebran en Galicia e convirten o País no territorio máis intensamente ecuestre da Península Ibérica. Xa Plino dicía que as nosas égoas empreñan do vento.Naturalmente, a revista que comentamos fala de Casas Novas e do Trofeo de Saltos de Caixa Galicia.Pero aínda hai máis mencións de Galicia nas páxinas da revista editada en Cataluña. Nunha ampla información sobre autoridade de xuíz hípico, menciónase o feito real de que o máis novo deste oficio en España é Nacho López Calvín, da Fonsagrada, precisamente especializado nas probas de marcha, andadura ou amblure, que é o aire ecuestre que Joaquín G. Troncoso, como é sabido, restaurou en Galicia equiparándonos con Islandia na práctica dunha especialidade mítica que conta cun campionato anual que cubre todo o País administrativo a aínda se extende con naturalidade á Veiga (Asturias) e a Valença do Minho. Unha reportaxe moi ben dotada graficamente visualiza e comenta o Campionato Galego de Andadura, o que nos fai pensar, máis unha vez, no feito de que cousas e riquezas culturais propias de Galicia non son debidamente nin protexidas nin incorporadas ás axendas dos medios de comunicación galegos mentres publicacións de fóra, como é El mundo del caballo, procuran a novidade, a beleza e bravura do que é noso, comprendéndoo e dando conta cabal de todo.Estivemos en Barallobre, concello de Fene, facéndolle homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé. Leuse alí unha súa cántiga ao Curro da Capelada, que é a onde se acurran os cabalos que pacen no Ortegal, na fin do mundo de Xiao Roel: "Dende a cabana teixida/ manda o vento un asubío;/ xurde da Pena Toxosa/ un rincho longo é bravío./... / O mozo Sol, dilingueiro/ no cimo da madrugada/ acurra cabalos verdes/ na serra da Capelada/..."O día no que os poderes públicos tomen realmente en serio o cabalo PRG (Pura Raza Galega) e os seus concursos morfolóxicos, o acontemento grandioso dos curros e a práctica da andadura ou marcha, haberá que reeditar estes versos completos de Pérez Pallaré e convertelos nunha especie de himno.
XLMFerrín

segunda-feira, outubro 29, 2007

O xefe fala do das dúas orellas


Sempre o lobo suscita noticias e estas decote circulan nimbadas polo mito. Infórmanme Sonsoles Cerviño e Adrian Bröking, meus amigos berlineses, que a cen quilómetros a Leste da Porta de Brandenburgo están sendo vistos os loboso. Disque veñen de Poloña, pola Grande Chaira. Non é extraño, xa que a metáfora dos lobos cincentos a correr furtivos coma os maus pensamentos aparece ben de veces no Canto do Príncipe Igor, aquela alfaia da épica medieval rusa. Velaí unha consecuencia inagardada da anexión da Alemaña democrática, da escisión das repúblicas bálticas e do derrumbamento daz URSS. Non só a corrupción, o gangsterismo e a prostitución florecen polo Leste senón que aptoveitando o desorde, "o das dúas orellas" vai calcando novos subeiros en dirección a Occidente. Bravo lobo estepario!Outra noticia de lobos chégame desde a Serra do Xurés, que a teimosía conservacionista de Reza e Vázquez vai convertir por fin no parque transfronteirizo que o PP nunca quixera por non romper España. Tiven carta de Noelia Rodríguez, forte voz poética do Xurés, na que me relata un episodio que tivo lugar alí hai uns dous meses. Ao Tío Eixó, que é un cazador oitenta e tal anos, fixéronno heroi os veciños da Serra por uns días, e a súa fazaña será relatado nos séculos por vir. Parece que lle entrara un lobo no lugar de madrugada coa intención de lle matar e levar os cans de caza. O Tío Eixó enfrentouse á fera armado cun estadullo de carro e, depois dunha dura loita, matouna. Este lobo, seguramente da estirpe do Bandua que estudaran por alí os zoólogos portugueses, non morreu atropelado na autovía por un camión, nen envelenado innobremente nun depósito de lixo, nin arrodeado por un exército en ocasión dunha batida, nin preso a treizón por cepo de ferro. Morreu loitando cara a cara cun humano desprovisto de arma de fogo e por unha razón digna: o lobo quería algo que era do home cazador e este bateuse por defender o seu. Episodio honoráble, en suma.Cóntame tamén Noelia Rodríguez, que está a preparar a edición do seu segundo libro de poesía, o que eu gosto moito, cousas relativas á memoria do urso ou oso do Xurés, animal desaparecido daquela Serra mais cuxa memoria pervive con forza na poboación. Non é para falar de osos, senón de lobos, que eu pillei hoxe o tareco de escribir. Interesa agora este dato: "Anque non se dispón (dime Noelia) de referencia escrita (ela refírese sen dúbida á parte galega do Xurés) podo confirmarlle o dato de que no Xurés se conta que o último oso foi morto a finais do século XIX no lugar que desde entón se coñece como Pala do Oso, sito na ladeira que sobe ó Altar de Cabróns". Nota: Pala é un nome prerrománico que significa algo así como "cova entre rochas" e os Cabróns do topónimo deben de referirse ás cabras ou castróns bravos que, tamén desparecidos do Xurés, foron recentemente recuperados para a fauna ceibe pola teimosía de Xosé Benito Reza.

Presentación do Caderno Arraiano en Compostela




Veleiquí as fotos da presentación do Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista na libraría Couceiro de Santiago. Beizón a todos os que quixeron acompañarnos, sobre todo aos poetas participantes no recital e ao amigo Godás, autor das fotos.



quinta-feira, outubro 18, 2007

PROGRAMACIÓN DAS XORNADAS: “O Miño, unha corrente de memoria”


Datas: 19 e 20 de Outubro do 2007
Lugar: Goián (Tomiño). Centro Goianés e Sala Multiusos
Organiza: Comisión Cidadá pola Verdade do 36, do Baixo Miño

Programa
Día 18: 20 hs. Conferencia inaugural, “As memorias da represión”, a cargo de Manuel Loff (profesor da Universidade do Porto)
Día 19: 19 hs. Inauguración oficial. Intervencións dos representantes da Consellería de Cultura, do Concello de Tomiño, de outros Concellos convidados, e dun representante da Comisión organizadora.
19:30 hs. Mesa redonda: “Memoria e contrabando”, coa participación de Xerardo Pereiro (profesor da UTAD – Chaves), José Domíngues e Américo Rodrigues (Núcleo de Estudos e Pesquisas Laboreiro – Monçao) e Albertino Gonçalves (profesor da Universidade do Minho - Braga).
Modera, Ramón Fernández Leal, vicepresidente da Comisión Cidadá pola Verdade do 36.
21 hs. Mesa redonda: “O contrabando nas voces dos seus protagonistas”, coa presenza de tres persoas da comarca que participaron nas actividades do contrabando durante os anos da posguerra.
Modera, Rafael Martínez Calzado, membro do Consello pola Memoria.
22,30 hs. Proxección do documental “Os traballadores do contrabando”, de Victor Abundancia
Día 20: 10,30 hs. Proxección do documental “A derradeira lección do mestre”, dirixido por Xoán Carlos Garrido. A continuación coloquio co director e mais co profesor da facultade de Pedagoxía da USC, X. Manuel Malheiro.
12,00 hs. Mesa redonda “A represión sobre as mulleres”. Interveñen, Aurora Marco (profesora da USC), Marga Romero (profesora e escritora) e Carme Vidal (escritora).
Modera, Sandra González, Alcaldesa de Tomiño
17 hs. Mesa redonda “Memoria da represión en Galiza e no Baixo Miño”. Interveñen, Ángel Rodríguez Gallardo (profesor da Universidade de Vigo) e Lourenzo Fernández Prieto (Catedrático de Historia Contemporánea da USC e coordenador do proxecto interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”).
Modera Carlos Méixome, director do Instituto de Estudios Miñoranos.
20 hs. Clausura oficial das Xornadas, coa presenza das autoridades convidadas.
20,30 hs. Proxección do documental “O campo de concentración de Camposancos”, de Xosé Ballesta. Coloquio co director.
Durante a semana de celebración das Xornadas estará aberta ao público unha exposición sobre a Historia do contrabando elaborada polo Centro de Intervençao Cultural de Monçao.

quarta-feira, outubro 10, 2007

Presentación do Caderno Arraiano sobre Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista

A Asociación Arraianos convídate á presentación da súa última novidade editorial
Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o xoves 25 de outubro ás 20 horas
Programa:
· Introdución a cargo de Aser Álvarez e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinadores da publicación).
· Charla do historiador Dionisio Pereira.
· Recital poético de textos do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo a cargo dos seus autores: María do Cebreiro, Antón L. Dobao, Francisco X. Fernández Naval, Raúl Gómez Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos.

Unha illa no mapa


Por Javier Torrente Queie
Ollando no mapa do mundo, por un capricho fuxudío, atopei a illa de Cargados Carajos no océano Índico, no arquipelago das Mauricio. Imaxinei as razóns dos mariños para lle por ese nome. Imaxinei unha viaxe longuinqua, baixo o sol queimante, á procura de terras que descobrir, lonxe da terra, co único agarimo dun copo no solpor, soportando quizabes quen sabe qué maltratos ou depois dunha galerna insufrible ou de días e días sen vento en que se pode ver a auga se evaporar do mar e tamén se pode atinxir a ver o sol todo confluíndo sulagado. Imaxinei a chegada a terra con vontade de fémea dos mariñeiros e a procura ansiosa do alivio, e os mariños a correr tra-las nativas rente as palmeiras.
¿Qué nome lle poremos á illa? – perguntaranse depois de ter consumado os alivios. Pois como o día de hoxe, Santa María. Ai pois non, dixera un, non será ese o nome, depois de ter pecado tanto. Pois coma o noso rei, Illa Filipina. Ai pois non, dixera outro, non se pode nomear co nome dun rei tan cristián unha illa onde o demo fixera tantas das súas. Bon, chamemo-la entón Nova Sagunto, pois o noso piloto é daquelas terras. Ai pois non, dixera o piloto, que a miña Sagunto é terra de bos cristiáns e fora tanta a luxuria deitada nestas areas que mellor sería a chamar Nova Gomorra.
Pois algún nome hai-de lle dar a tal illa, intervira o capitán. Illa de Santa Madalena, propuxo un. Ai pois non, rexeitou un soldado, pois non era a Santa a patroa da luxuria, senón que dela saiu pola gracia do noso Señor. Meus señores, tomara un a palabra, sabede que luxuria é pecado, e fornicio é-lo mortal, e o Santo Oficio, que hai saber gracias ao noso dominico do que aquí pasara, fara-nos un auto por termos mallado o Santo nome da Coroa. Pois como a gracia do dominico é Secundino, chamemo-la illa de San Secundino, por ver se o freire acouga e non fala. Ai pois non, dixera o contramestre, o, primeiriño para todos nós foi a caza da femea. Sabede que seremos a mofa da corte, e canto ao dominico, se non participou na cacería non foi por falla de vontade, senon de forzas, mais tamén non vos tirou un ollo por mor de ter lembranza exacta dos pecados para os contar onde mester fose.
Así, déronlle voltas ao asunto, entanto o navío estaba ancorado na rada, facendo provisión de auga, frutas e carne. Pois xa teño a solución, dixera un que era vigués. Viemos aquí cos carallos cargados, e descargamo-los abofé nesta beira. O capitán atopou que era simpático o nome de Illa dos Carallos Cargados. No nome non se dí se os carallos foran ou non descargados en terra. Ao dominico se lle mete unha serpente baixo o hábito e asunto terminado. E á volta contamos que os nativos enchen os seus taparrabos con pedras para parecer máis virís e daí o nome, e pronto. O capitán e os seus, co pretexto de facer cartografías, voltaran a terra unha derradeira vez por mor de folgar coas nativas antes de partir de novo cara o descoñecido. O coitado Frai Secundino morrera antes de chegar a Goa, polo veleno dunha serpente que seica tiña subido a bordo enroscada nunha cesta de bananas.

segunda-feira, outubro 08, 2007

O Xefe fala da Desfeita no Sul

Non hai moito que fomos ao Furriolo, que unha aldeíña e un alto próximo a Celanova onde en 1936 houbo grande carnicería de roxos. A Asociación Arraianos erixiu alí un monumento ás víctimas e, este ano, celebrouse unha concentración para inaugurar a segunda parte da obra, que é da autoría de Vizoso. Mesmo a carón do teatro de masacre levanta a súa mole o Castro do Furriolo. Este é de grandes dimensións e coido que nunca foi escavado. Ocupa unha posición de alto valor estratéxico sobre a divisoria entre o vale do Sorga, da bacia do Arnoia, a chaira lacustre da Limia e as montañas de Bande, sobre as que volveremos nesta columna. A caída do Castro do Furriolo sobre Orille ou Ourille e, en xeral, sobre a feraz terra que chamamos de Veiga, recibe o nome da Munía, o que se cadra teña algo que ver cun certo San Munio alí venerado e seica sepultado nun sartego de pedra que, se o brimos, seremos cegados por unha luz do outro mundo.O Castro do Furriolo pertence ao concello da Bola, se me non trabuco. As autoridades, segundo comprobou toda a concorrencia ao acto de homenaxe aos afusilados, cortaron as murallas do castro e a coroa en todas direccións con pistas de motocrós. En lugar de pór sinais para instruir ao viaxeiro e difundir polo mundo adiante a existencia do Castro do Furriolo, deterioráronno gravemente cunhas pistas de motocrós. Seguramente a Asociación Arraianos, que vela pola memoria histórica e pola herdanza natural daquelas terras, xa terá denunciado o atentado contra o Castro do Furriolo. Falabamos de Bande.Como saben, Bande é unha vila do Sul de Galicia por cuxo termo municipal pasa unha vía romana moi curiosa que canalizaba na Antiguidade o trasfego de persoas e mercadorías entre Braga e Astorga. Digo que é curiosa porque, polo menos en dous puntos do seu percorrido, amosa senllas acumulacións de pedras miliarias que non me podo imaxinar que utilidade poidan ter que non sexas unha especie de culto ás divinedades dos camiños. Un destes "boscos de miliarios" áchase no concello de Lobios conforme subimos polo Xurés arriba e, outra, en territorio do concello portugués de Terras de Bouro e na mítica e asolagada freguesía de Vilarinho das Furnas, na zona máis protexida (Mato da Albergaria) do Parque Nacional da Peneda-Gerês.Protexida non se atopa para nada a vía romana en territorio español e galego e dentro do concello de Bande. Ao seu paso por alí, as autoridades locais mandaron facer unha pista, desas inutiles que esgazan o noso País, destragando coas máquinas da Deputación uns importantes vestixios da Via Nova que comentamos. Logo de afear a súa vila coas construccións máis desestabeis do Sul de Galicia e de cortar os negrillos ou chopos da estrada que eran o mellor adorno da vila, as autoridades decidiron que unha calzada de época romana era prescindibel e que mellor unha pista de terra que non conduce a ningures e que forma parte do facer por facer de certos políticos para enclatrar os votantes.Galicia sigue a ser así.

quarta-feira, outubro 03, 2007

Ai meu rei!!

que ben estás dese lado da raia, na república das letras arraianas e dos feitizos medievais, onde non hai mamóns nin falta nunca o viño vello, poque o que é desta beira dos vellos marcos da fronteira vaiche un frío que nin o demo heroinómano montado nun can do laboreiro, e xa che digo meu, que non hai quen pare con este frío satánico e ácrata, un frio que asolaga este país de rumiantes, cazoletas e mamarrachadas...
xa sabes que agora no outono escasea a leña nesta nosa terra e tamén a palla centea e temos que prender a lareira coas revistas do corazón, esas da pelu da pili que levan anos atrasadas, e menuda se armou o outro día na aldea, que viñeron os antidisturbios e todo porque o milocho lle deu lume á cociña de ferro e prendeu todo cun fachuco das revistas vellas da nai e caiulle un paquete da virghen santísema abráseme visto...borbón non é sinónimo de carbón... ai se os independestistas eses se dedicaran a queimar outras cousas ben máis interesantes...
non hai casa da aldea que non estea baixo sospeita nin revista non fiscalizada, as fotos reais están nas igrexas e as rúas están tomadas pola malemérita, e eu xa empezo a pensar en accións violentas selectivas e parques temáticos da tortura e só me relaza escoitar a sade con esas bases rítmicas esa voz e eses arranxos arcanxélicos... e como sigamos así, meu rei, e sigamos con este frío e con esta parvada colectiva, de seguro que tamén acaban prohibindo a cabalgata de reis, ou poñéndolle traxes ignífugos... lembras o dos reis, non? cando te vestías de chamizo acababas cunha bimba de lincandorio quente coma un piano do 45?...
Os bombeiros xa non dan abasto e a xente, sobre todo os máis novos, xa está farta de tanta merda, de tanta foto real e irreal e de tanta monarquía sen refrendar, que seica non hai cousas máis importantes das que falar e que o que conta é roubar ben sen mirar a quen... pola miña banda, xa estou chegando a pensar cousas moi raras, venme buscar, se fas favor, ao marco 19, por onde faciamos o contrabando de troitas cando o Deva aínda era un río e o Penagache non tiña muiños de vento no backstage, venme buscar meu rei, ou fago algunha tolería das miñas, que xa me coñeces, ven meu amigo, venme salvar e lévame pró outro lado da raia, onde a república e só a república dos soños me pode salvar da esquizofrenia desta poza de auga choca...

quarta-feira, setembro 26, 2007

Viva Bande viva Bande!!

La destrucción de la Vía Nova borra dos mil años de historia en Bande
La apertura de una pista en el monte dañó el tramo mejor conservado de la ruta romana en este municipio

El Concello de Bande ha permitido la destrucción del tramo mejor conservado de la Vía Nova, que aparece como Vía XVIII en el Itinerario de Antonino, a su paso por este municipio de la Baixa Limia. Moderna maquinaria abrió una pista siguiendo el trazado de la vía romana entre los pueblos de Güín y Ponte Liñares. El tramo tiene un kilómetro y medio. Las excavadoras se llevaron por delante lo que quedaba de la ruta bimilenaria que es el monumento antiguo más importante de la provincia de Ourense, pues la atraviesa procedente de Braga (Portugal) para salir por Valdeorras hacia Astorga.
La voz de alarma fue dada por el arqueólogo David Pérez, que hace unos días fue a ver el tramo, porque en octubre está previsto que sea visitado por los participantes del simposio sobre los 30 años de actividad arqueológica de Aquis Querquennis, el famoso campamento romano de Bande.
La vía pasa por Bande con sus pendientes ligeras y se usó como camino medieval. «Coas máquinas estragouse o trazado orixinal da vía e escavouse no sustrato, cortaron a caixa da vía e foi unha agresión que a afectou moito», lamenta Pérez.
Lo curioso es que la pista, además de atentar gravemente contra la ruta romana, sirve de poco porque está llena de vegetación entre silvas y helechos y hasta tiene un foso provocado por el agua. Al lado de esta desafortunada acción pasa la carretera y aún hay otra pista, por lo que la nueva no tiene mucha razón de ser.
La Vía Nova es uno de los monumentos de la Antigüedad más importantes de Galicia. Acaban de ser borrados dos mil años de historia irrecuperables.
La vía fue inaugurada en el año 79 u 80 de nuestra era, según varios miliarios dedicados al emperador Tito y a su hermano Domiciano. Su densidad en monumentos epigráficos quizás sea la mayor de todo el Imperio. Entre Braga y Astorga su longitud era entre 215 millas romanas. Por sí misma es una obra de ingeniería avanzada en su época, pues roza el terreno casi sutilmente. Otra de sus obras más sobresalientes conservada es Ponte Bibei.
Las obras de la pista se hicieron en el entorno de las pasadas elecciones municipales, cuando era alcaldesa Ana Belén Vázquez, quien como diputada en el Congreso pidió hace unos días que la Vía Nova sea declarada patrimonio de la humanidad, algo que cada vez parece más lejano.

segunda-feira, setembro 17, 2007

Os Arraianos na Casa de Curros

Como ben dixo o Xefe Arraiano, "con esta presentación do Caderno Arraiano do verán de 2007 sobre Solidariedade, Represión e Resistencia Antifranquista queda realmente inaugurada, e agora si, a Casa dos Poetas de Celanova". Que así sexa e que non sexa máis que o primeiro acto noso neste espazo.
De esquerda a dereita, XL Méndez Ferrín, Aser Álvarez, Arturo Pérez e XC Domínguez Alberte. E entre o numeroso público que ateigou como nunca a Casa de Curros, Xosé Manuel Beiras, Xosé Vizoso, Xan Torres, Acisclo Manzano, varios descendentes de Celso de Poulo e de Conde Corbal, e moitos veciños da vila.
A videocreación de Xudit Casas, "Noutrora" foi o mellor remate posible para o acto.

segunda-feira, setembro 10, 2007

Nada é o que parece

Pois non, amigos arraianos, nada é o que semella ser... Mentres Celanova morre de noxo cando se mira no espello, milleiros de internautas descargan "Nada es lo que parece" unha ciberserie nacida na vila. Si, si, o que oides...
Con 19 anos e sen experiencia no mundo audiovisual, Bruno Nieto, conseguiu que, a través da rede, o que ideou coma un proxecto persoal e un divertimento cos colegas se teña convertido nunha ’ciberserie’ que xa anda perto das 10.000 descargas. Escenarios de Celanova, Vilanova dos Infantes ou Bande e actores da terra protagonizan a serie, unha producción audiovisual de 10 capítulos que podemos ver en YouTube. O 15 de setembro poderemos ver o derradeiro capítulo desta serie. Máis información en http://www.nadaesloqueparece.es.kz/ Parabéns, amigos

quarta-feira, setembro 05, 2007

Alto do Furriolo


Na memoria de Celso de Poulo, alcalde de Gomesende asasinado polos fascistas en 1936.
In memoriam de todos os que tamén foron asasinados polos mesmos falanxistas.
Eu eiquí
Outo Alto do Furriolo
Ao que nunca viñen
E tantas veces estiven
Nesta miña maldita memoria.
Nacín cando naceron os mortos
Ningún de anónimo nome
Como eles asasinados polos fascistas
Que quixeron borrar esquecer os herdeiros
Esluílos
Esmorecelos
Pra faceren vodas en sangue das vítimas
Cos herdeiros dos verdugos.
Hai que esquecer
Proclaman nun arrouto arrebato
De cinismo en hipócrita piedade.
Maldita sexa a besta
Que sementou terror morte
No ermo deste alto ermo
Arestora que con amarguexo recordamos
Para non celebrar
Como aínda celebran eles nas fábricas relixiosas
Un oprobio de cárceres
Dende Celanova por Entrimo e non alá de Ourense
Alto outo do corazón que feridas voces
Escribiron e cantan Furriolo...
Onde hai que sementen ña nai
O teu loito no vencido ventre do teu martirio
Onde ña nai?
As claudias levadas e levados
Con arames as maus atadas
E os puños ergueitos prohibidos
Por diciren Republica Nación Galicia
Frente Popular
E por iso foron asasinados no empardecido deste alto
Cando atarde caía horizontal lousa pedra
Nas abas en memoria dos planaltos
Soterrados en foxas gabias
As cunetas que estremeceran a Pimentel,
Arraianos da dúbida
En cántiga de morte
Que arraianos somos todos
Do Lugo Vigo da miña infancia
Do Courel de Rairos a Queiroga
Polas pontes da dor
Que nos fixeron calar silenciar
Canto silenzo estremecido ña nai!
Do Entrimo que digo
Á parte que sei
E non por desmemoria
Que agora escribo Galicia ceibe
Pobo libre en República Popular
Nada hai de desquite
Senón recordar ao mortos
Que sempre han ser da nosa nación.

Poema lido por Manuel Vidal Villaverde no Alto do Furriolo o 26 agosto de 2007

segunda-feira, setembro 03, 2007

O Xefe Arraiano fai acusación privada

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN
De todos os mortos no Furriolo polo fascismo a raiz de os militares se alzaren en 1936, eu reteño un. Antonio Piñeiro achou no concello da Bola a documentación legal do levantamento dun cadáver. Indivíduo anónimo, aparecido morto no alto do Furriolo, de vinte e tantos anos de idade. Parte da cara do cadáver aparece devorada sexa polos lobos sexa por cans. Doutros fusilados no Furriolo coñecemos os nomes e os apelidos. O pasado domingo volvemos subir ao alto do Furriolo, no camiño de Celanova a Xinzo, para lles render a todos homenaxe. Falaron, polos mortos recoñecidos, un fillo de Celso de Poulo, alcalde do FP de Gomesende, e un neto de César Álvarez, tamén víctima relevante nos días da República. Manuel Outeiriño levou alí as súas e as verbas de Unguaretti dedicadas aos camaradas da Resistencia italiana. Vidal Villaverde puxo a señardade no puño, que dixera Cribeiro, con palabras de seu. Alguén lembrou o mozo anónimo ao cal os lobos lle levaran media cara naquel monte lonxe do mundo.Como a prensa estaba moi ocupada en remexer no lixo por se se encontraban restos do Himno Galego, non se ocupou demasiado do acto do Furriolo. Segue a lei do silencio en vigor. Por iso eu estou a informar. Os promotores do acto en memoranza dos fusilados do Furriolo foron os da Asociación Arraianos, que dirixe Aser Álvarez. O día anterior presentaran na Casa de Curros Enríquez, Celanova, un extraordinario do Cuaderno Arraiano que recolle estudos históricos, todos potentes e reveladores, sobre diversos aspectos da masacre de 1936 e seguintes. Cada vez sabemos máis sobre aqueles anos negros e ímonos decatando de que o volume da represión franquista foi aínda maior do que pensabamos.Como lembrarán algúns, hai un ano inaugurouse no alto do Furriolo un monumento de Xosé Vizoso, artista de Mondoñedo, en honor aos mortos naquel e noutros sitios. Domingo antepasado completouse a obra coas imaxes recortadas en ferro que poderán ser vistas desde a estrada polos viaxeiros. Logo poñeranse indicadores en todas as rotas que levan ao Furriolo. Non sei se para o acto, mans anónimas cubriron de flor fresca un vello cruceiro que alí o está en lembranza quizais de desgrazas moi anteriores no tempo, e acenderon candeas.Ao rematar o acto, comprobamos abraiados que o Castro do Furriolo ou da Munía, a carón do que se sitúa o teatro dos crimes políticos, está a ser desgrazado para facer alí un circuito de motocross. Seica o Concello da Bola (BNG) decidiu este aproveitamento que destrúe en boa parte un importante monumento da cultura galaica prerromana, ou da civilización céltica de Galicia -como falaba Cuevillas e ordeno eu de falar agora. O Castro do Furriolo foi maior en poboación e en superficie habitada ca o Castro Mau e servía para controlar o límite da depresión e vale do Arnoia/ Sorga coa chaira lacustre que chamamos A Limia, que só hai unha. Moi lonxe, o índice do Penegache e, entre o azul distante, os lombos de Avión eran testemuñas do atentado á herdanza arqueolóxica. Quixen ser cronista, insisto.

No Furriolo


Veleiquí o Mural de Xosé Vizoso no Alto do Furriolo, nun outeiro da sinistra estrada entre Celanova e Xinzo, un potente e dramático berro de liberdade e dignidade no medio do monte e dos ouveos... Eoiiiií

sexta-feira, agosto 17, 2007

Arraianos traballa para a recuperación da memoria histórica das Terras de Celanova


PROGRAMA
Sábado, 25 de agosto, ás 12 h. na Casa dos Poetas de Celanova
Presentación do Caderno Arraiano sobre Solidariedade, Represión e Resistencia Antifranquista, ilustrado con gravados do Fardel da Guerra do artista ourensán Conde Corbal, onde se recollen os relatorios e as conferencias das I Xornadas sobre Solidariedade, Represión e Resistencia Antifranquista na Raia Seca, organizadas pola Asociación Arraianos no mes de agosto do ano 2006 no mosteiro de Celanova.
Neste acto falarán Arturo Pérez, fillo de Celso de Poulo, alcalde de Gomesende asasinado polos falanxistas no Furriolo en 1936, Xoan Carlos Domínguez Alberte, un dos coordinadores da publicación e das xornadas xunto con Aser Álvarez, Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos colaboradores nesta obra colectiva e Antonio Piñeiro, como representante da Fundación Curros Enríquez, institución que acolle este acto de presentación.
A continuación vaise emitir un pequeno documental sobre as xornadas e unha videocreación de Xudit Casas sobre o recital poético-musical Volverlles a Palabra, celebrado no Alto do Furriolo o 27 de agosto de 2006, con motivo da inauguración da primeira fase do monumento en homenaxe ás vítimas da represión franquista ideado polo artista mindoniense Xosé Vizoso, deseñador de Sargadelos.

Domingo, 26 de agosto, ás 12 h no Alto do Furriolo (A Bola)
Acto poético e musical de homenaxe ás vitimas da represión franquista coa especial lembranza de Elixio Rodríguez e César Álvarez e inauguración da segunda fase do Mural do Furriolo
Neste acto van falar Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta de Galicia, Xosé Vizoso, deseñador do monumento ás vítimas da represión franquista no Furriolo, Eudosio Álvarez, neto de César Álvarez, un representante da familia de Elixio Rodríguez e Aser Álvarez, presidente da Asociación Arraianos.
A continuación haberá un recital poético que vai contar coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e Xosé Viale Moutinho.
O acto rematará cunha peza musical interpretada polo gaiteiro Daniel Romero, en homenaxe aos represaliados polo franquismo, e moi especialmente, en lembranza de Elixio Rodríguez e César Álvarez, que o ano pasado nos acompañaron nesta homenaxe e participaron nas xornadas organizadas por Arraianos, dous homes bos e xenerosos que xa non están entre nós pero que nos deixaron o legado dunha vida exemplar de compromiso contra o fascismo.
Ao remate vai haber un xantar en Sorga. Os interesados poden anotarse chamando ao concello de A Bola, 988 45 12 93