domingo, setembro 22, 2019

Xa está aquí o FICRURAL


-->


O FICRURAL 2019 adica a súa retrospectiva a YOSEBA MP, que vai facer un mural durante a celebración deste evento en Compostela

O Foro Internacional da Economía e da Cultura Rural acolle do 26 ao 28 de setembro a realización dun mural en directo deste artista multidisciplinar da serie Fenómenos do Rural



Festival Internacional de Cine Rural de Galicia, único festival específico de cine rural que hai en Galicia, é un espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo, que este ano se celebra no marco do I Foro Internacional de Economía e Cultura Rural de Galicia FICRURAL. 


ACHEGAR A CULTURA AO RURAL
O FICRURAL estará espallado este ano a todo o rural de Compostela, a través de programación nos seu centros socioculturais, onde se fará o visionado e posterior votación dos filmes finalistas (10 de entre mais de 200 presentadas dende diferentes paises) polos asistentes. Todos os actos deste foro son de balde, coa vontade punto de encontro para a cidadanía en xeral e para os profesionais do sector audiovisual, un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural. 


Con esta iniciativa reivindicamos igualmente a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo, promovendo a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro. 
Entre os obxectivos dos organizadores deste festival multidisciplinar hai que destacar o interese polo coñecemento, a conservación e a defensa das culturas e dos sinais identitarios do mundo rural dos pobos do mundo, do seu singular patrimonio material e inmaterial, a recuperación e a codificación da memoria histórica e colectiva, e a promoción do intercambio interxeracional e a participación cidadá neste debate necesario e imprescindible sobre o futuro do mundo rural. 
Esta iniciativa quere ser un referente cultural e artístico contemporáneo, un evento que proporcione un espazo de encontro e de proxección exterior do talento creativo pasado, presente e futuro. Neste contexto enmárcase tamén a homenaxe ao cineasta Eloy Lozano, que se vai desenvolver ao longo do FICRURAL.



No marco desta edición do festival tamén imos facer unha homenaxe a Antonio Román, un dos pioneiros do documentalismo en Galicia, así como unha exposición sobre o artista galego Yoseba MP e o seu singular proxecto creativo Fenómenos do Rural, centrado en mulleres que habitan no rural galego. Ao longo de todo o evento, este prestixioso artista multidisciplinar vai pintar en directo un mural no lugar onde se van desenvolver todas as actividades de FICRURAL.



OS FINALISTAS DO V FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE RURAL DE GALICIA

DOCUMENTAL:

Luzas y Morras, de José Carlos Castaño (2018, España). Duración: 29’.

O pastoreo é o oficio máis antiguo que existe, esixe sacrificio e paixón pola natureza, con valores que exaltan a pureza da vida e que corren serio perigo de extinción. Federico Torres elixiu un oficio que condiciona a súa vida por completo, é o pastor máis xoven da comarca, e será tamén o derradeiro?.


Mariñeiro, de Juan Galiñanes (2018, España). Duración: 19’

Antonio sempre traballou no mar e non coñece outro modo de vida. Hoxe chamárono para facer unha reportaxe sobre a ría de Arousa. onde vive. No medio da gravación ocorre algo inesperado que obligará a suspender a rodaxe. Que pode ser?.

El cielo es nuestro techo, de Carlos Cazurro Burgos (2017, España). Duración:18’.

Dende que se estableceu a necesidade de contar cunha licencia de marisqueo, nas praias da ría de Cedeira, as mariscadoras tiveron que loitar moi duro por ter (e manter) un traballo digno a pesares de ter que se enfrontar a algúns dos seus veciños, a algunhas das que máis tarde serían as súas propias compañeiras, á mesma natureza, aos furtivos e ao machismo.

O nó da cana tambem dá garapa, de Marco Escrivao (2018, Brasil). Duración: 22’

Un filme de lembranzas e memorias. A través das historias e contos de Helvio Tamoio, este traballo percorre a historia da Usina Tamoio no interior do estado de Sao Paulo: o monocultivo da cana de azucre, o desenvolvemento desenfreado e os traballadores expulsados da súa terra natal.

Ubi sunt, de Sandra Román Peñalba (España, 2018). Duración: 14’

Partindo morte do rural e a extinción da cultura, este ensaio documental quere construir o relato do derradeiro bafexo de Quintanarraya, unha aldea de Castela e León. Todo o que se perde e xamais volverá a través do tópico literario do ubi sunt. Unha reflexión sobre a experiencia, os valores e a cultura de persoas que habitan un mundo que se vai.



  
FICCIÓN:

Hasta mostla, de Luz María Cardenal (2017, Cuernavaca, México). Duración: 18’

Male refúxiase dos seus problemas nunha comunidade Náhuatl, onde é vestida e adoptada por Nana Juana. Non contaba con que Gibrán aparecería na súa vida nin cos sentimentos que agromarían entre eles.  


Chen Li (Ciruela de agua dulce), de Roberto F. Canuto y Xiaoxi Xu (2017, España e China). Duración: 19’

Unha muller transxénero chinesa, empregada nun cabaret, recibe a inesperada visita da súa curmá, quen lle comunica que a súa nai, coa que se levaba mal, faleceu. Sendo o único “varón” da familia, vese na obriga de regresar á súa aldea nas montañas, aínda que non pode aparecer como muller diante dos seus veciños e parentes.

Work, de Sam Griffith (2017, Estados Unidos). Duración: 10’

Unha xoven nai pregúntase sobre as súas decisións vitais e a súa propia identidade mentres medra a súa filla nunha granxa, en contacto coa natureza.


Kiriri, de Miguel Ángel Agüero (2018, Paraguay). Duración: 13’

En plena dictadura militar, un calmo silencio envolve a vida campesiña dunha avoa e a súa neta no interior de Paraguai, ata que unha repentina ausencia a volve tormentosa.

Sinyt, de Hristo Simeonov (2016, Bulgaria). Duración: 29’

Unha historia sobra a vida dun neno xitano que vive coa súa familia nun vello tráiler no interior de Bulgaria, onde ten que cubrir o papel da figura paterna cando este se dirixe á cidade para loitar pola vida. O único compañeiro do rapaz é un can da rúa.





domingo, agosto 11, 2019

Arraiano Maior da Raia Seca de 2019


E xa van dez... Se o sentido da vida é cruzar fronteiras, o certo é que a nosa vida está chea de sentido, pois xa levamos cruzado unhas cantas... A de Entrimo acolleu a terceira edición dos 'Encontros Arraianos do Cinema Rural', uns encontros multidisciplinares que fusionan cinema, literatura, etnografía, música e humor no Principio do Mundo da Raia Seca. 




Organizado por Arraianos Producións e o Concello de Entrimo, neste evento foi nomeado 'Arraiano Maior da Raia Seca' o músico e escritor Xurxo Souto e as asociacións Galega e Portuguesa de Tracción Animal, que recibiron unha mención especial polo seu traballo desfronteirizante. Unha pequena achega a estes colectivos, neste documental, de Plácido Romero e Aser Álvarez, "Fronteiras de enerxia animal"



O programa destes III Encontros Arraianos de Cine Rural arrincou o mércores, ás 10,00 horas, co 'Roteiro arraiano de Concertinas', organizado pola Central Folque, un inesquecibel paseo musical e arraiano de Olelas ata O Ribeiro de Abaixo, con Sindo de Olelas na lembranza, un tocador de concertina ao que lle adicaron un libro dvd, Xurxo Souto e Pedro Pascual, con fotos de Eutropio Rodríguez. 


  

Xa o xoves, ás 18,30 horas, houbo un paseo en burro pola Alameda da Terrachán de Entrimo e o acto de nomeamento de Xurxo Souto como 'arraiano maior da Raia Seca de 2019', un acto que xa chega así á súa décima edición.


A continuación, ao redor das 19,30 horas, houbo a mesa redonda 'Arredor de Nós, con talento propio', apadriñada por Manuel Mandianes, no salón de actos do Concello e a presentación do número III da revista cultural 'O Picaraño'.

Pola noite, todos os presentes puideron escoitar os 'Contos de contrabando', de Quico Cadaval, ás 22,00 horas na Alameda da Terrachán e, como final da noite, ás 23,00 horas, sesión de cinema rural, con proxeccións de traballos feitos por Arraianos Producións e documentais chegados de contrabando dende Portugal.




Unha vez máis, unha demostración de que todo o interesante sempre acontece na fronteira. Beizóns a todos os que quixestes acompañarnos ao longo destes dez anos de Arraianos Maiores. Beizóns a Xosé Luís Méndez Ferrín, Bento da Cruz, Paula Godinho, Xosé Benito Reza e Isaac Alonso Estraviz, entre outros tantos desfronteirizadores e arraianos entre arraianos...


    

quinta-feira, junho 13, 2019

O silencio dos eólicos



O mellor de todo, pode que sexa o título... O silencio dos eólicos... ou era cando os eólicos calan... foise co vento... unha pequena reflexión sobre o rural contemporáneo nas terras alta de San Sadurniño... sen más pretensións... escoitade a paixón de Xoel, co que o relevo está asegurado. Un dos poucos casos?. Non sei ben, pero xa falei de máis, así que se queres saber máis pica eiqui, que xa cho conta este tipiño que xa non sabe nadar, só bucear....

Isto din del os da Chanfaina Lab, en gris sobre negro, para variar...

Aser Álvarez (Celanova, 1976). Licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo e especialista universitario en Comunicación Audiovisual, pasou a infancia vendo pelis de moca no cine de Celanova, na compaña do seu amigo Xesús, o derradeiro operador cinematográfico de sala da vila. Despois de facer un par de pelis de ninjas cunha vella cámara de super 8, traballou como redactor e guionista na TVG e na Cadena Ser, gañando o premio ao mellor documental radiofónico no I Open Radio do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona. Cineasta dinámico e polifacético fundou Arraianos Producións Multimedia, marca coa que realizará e producirá unha morea de proxectos audiovisuais. Director, guionista e produtor executivo de “100% CEF,” unha biografía de Celso Emilio Ferreiro que acadou o Mestre Mateo ao mellor documental e “Looking for Bill Viola“, videocreación para un proxecto pedagóxico de achegamento á arte contemporánea a través da linguaxe audiovisual. Tamén realizou traballos de publicidade cos que obtivo varios premios e recoñecementos. Produtor de "Fronteiras de enerxía animal" ou "O tempo na luparia"entre outros moitos. O seu traballo máis recente é “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro” longametraxe documental rodado entre Cambados, Madrid e Nova Iorque durante case tres anos. Director, guionista e produtor executivo de “Anacos de Vida” un novo formato audiovisual desenvolvido para a CRTVG. Asemade é o impulsor e director do Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” e da "Feira internacional de cultura rural FICRural".

A pesares de ter percorrido unha morea de corredoiras polo país adiante, o inquedo Aser, un verdadeiro fervello das máis diversas actividades, nunca aterrara por Sansa. E ao fin achegouse á Chanfainalab acompañado da súa familia, Carlos e Olivia: "Levaba anos querendo ir a San Sadurniño. Acababa de ver, na súa casa de Laraño, algúns dos fragmentos da peza que Óliver Laxe fixera o ano anterior na Chanfaina sobre os cabalos. Que carallo ía facer eu... Vacas?. Para un pobre arraiano coma min, todo o interesante sempre acontece na raia, na fronteira. Por iso, cando cheguei á terra prometida, despois de dous días case sen durmir, o primeiro que fixen foi madrugar moito para meditar ao amencer e facer contrabando audiovisual nos límites xeográficos de San Sadurniño, na Serra de Forgoselo , vixiado polos grandes muíños, nun lugar misterioso e bravo, onde o silencio só é tal cando os eólicos paran. Non sabía moi ben o que procuraba, mais algo me levou até alí para ver como era un día na vida dun gandeiro mozo. Ou mellor dito, quería ver dende os ollos dos seus fillos. Pero falloume a produción e os meus fillos, que ían interactuar con eles, pasaron de min con moi bo criterio e quedaron a durmir para ir á piscina pola mañá. Así que fixen o que puiden. Unha das miñas chanfainadas, feita a base leite con eólicos, vacas pintas e un tractor espichando un rolo de herba, o cheiro do silo e un tanque de frío, unha familia de gandeiros, o vento e o silencio." 

"O silencio dos eólicos" e un breve percorrido polo xeito de vivir da única familia que vive no afastado lugar de Racamonde, no linde fronteirizo da parroquia de Naraío. A pesares do seu aparente illamento, a familia Arnoso-Anca vive feliz no rural, a base dunha explotación gandeira rodeada de aeroxeradores. A tranquilidade e beleza brava de Racamonde aparece retratada coa ameaza sonora, case perpetua, dos trebellos eólicos, metáfora da modernidade. Aser, militante e defensor a ultranza da revitalización dos espazos agrarios, móvese como peixe na auga por un mundo que coñece ben e, polo tanto, ama: “So o meu mestre, Plácido Romero, podía poñer orde naquel collage que gravei nas Terras Altas de Sansa. Así que todo o mérito que poida ter esta peza é seu. Seu e dos protagonistas. Só lamento que non poidades ver o meu combate coas formigas voadoras asasinas, nin a espectacular fuxida no Land Rover, unha secuencia prohibida coa que ía fundar o club de fans de Abel Vega, un dos grandes cineastas locais de San Sadurniño." O marabilloso plano secuencia que abre a peza, no que Xoel nomea a todas as "súas" vacas acredita ben a simbiose de Aser co rural. Dende a Chanfainalab estamos orgullosos de incorporar a mirada dun cineastas máis comprometidos coa cultura labrega do país. Viaxemos pois ata a fronteira Sur de San Sadurniño neste retrato humano, amable e agarimoso, dunha familia que aposta sen complexos por vivir o seu día a día no rural galego.

E isto foi o que dixeron os de Galicia Confidencial...
E aínda houbo quen quixo dicir algo máis?
Pois xa vedes o que se armou con algo tan pequeno... cecais porque o pequeno é fermoso... ou pode que sexan pequenas grandes cousas que nos convidan a pensar sobre o futuro do rural...

sexta-feira, maio 24, 2019

Corenta traballos participan no I Certame de Podcast Xosé Mosquera




-->
40 traballos aspiran aos premios do I Certame Escolar de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez
O acto de entrega de premios, onde se van repartir 1.500 euros, vai ser o vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas, no Museo do Pobo Galego


O xurado e os organizadores deste primeiro concurso de podcasts en galego, promovido polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, co apoio da SX de Política Lingüística e a colaboración da Fundación Rosalía Castro, as Redes de Dinamización Lingüística, o colectivo Ponte nas Ondas, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega e a Fundación Antonio Fraguas, agradecen “a alta participación do alumnado e do profesorado e o extraordinario nivel dos case corenta podcast presentados ao concurso”.

O acto de entrega de premios vai ser o vindeiro martes, 28 de maio, ás 18 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego, e vai contar coa presenza dos autores e autoras dos traballos premiados e dos finalistas. Mesmo se agarda que o acto poida contar cunha intervención de Xosé Mosquera Pérez, que se converteu na primeira estrela mediática de Galicia, aló polos anos 30 en Galicia, dándolle vida ao personaxe radiofónico “O vello dos contos”, que se fixo famoso na emisora decana da radio no noso país, cando comezou a emitir regularmente en 1933.


O certame, o primeiro destas características en Galicia, está dirixido ao alumnado dos últimos cursos de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Tiveron que gravar un relato radiofónico, cunha duración máxima de cinco minutos, sobre algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea no Día das Letras Galegas.


Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas, autor que ademáis de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, tal e como se recolle na foto que enviamos no anexo, na que Antón Fraguas é o primeiro pola esquerda e aparece canda Xosé Mosquera e outras compañeiras do primeiro cadro de actores desta emisora. Por iso este ano a entrega de premios se fai no Museo do Pobo Galego, primeira sede de Radio Galicia e que hoxe acolle a Fundación Antón Fraguas.