segunda-feira, novembro 12, 2007

O xefe fala do garrao galego

Celebrouse por segunda vez o Curro de Domaio, que colle as bestas que andan por aquelas serras da base do Morrazo. Cando tivo lugar, a prensa, a radio e a TV a penas se referiron ao acontecemento. Para os medios de comunicación todo o que non sexa a chamada Rapa de San Lorenzo de Sabucedo non existe e, como tal, o curro vigués do Galiñeiro é pouco menos ca unha reunión clandestina. Pro ocorre que hoxe, na seu último número, unha das mellores e máis serias revistas de cabalos do Estado Español, El mundo del caballo, editada en Barcelona e dirixida polo doutor Adolf Cabané, publica un magnífico reportaxe gráfico e literario sobre o Curro de Domaio, dándolle leccións de documentación, precisión e coñecemento do asunto tratado aos periodistas que, case sempre pouco documentados desde a lonxana morte de Bene, cobren mal ou ignoran estas festas bravas da nosa Nación. Algún día as autoridades autonómicas terán que facer o católogo e o almanaque dos cen curros que cada ano se celebran en Galicia e convirten o País no territorio máis intensamente ecuestre da Península Ibérica. Xa Plino dicía que as nosas égoas empreñan do vento.Naturalmente, a revista que comentamos fala de Casas Novas e do Trofeo de Saltos de Caixa Galicia.Pero aínda hai máis mencións de Galicia nas páxinas da revista editada en Cataluña. Nunha ampla información sobre autoridade de xuíz hípico, menciónase o feito real de que o máis novo deste oficio en España é Nacho López Calvín, da Fonsagrada, precisamente especializado nas probas de marcha, andadura ou amblure, que é o aire ecuestre que Joaquín G. Troncoso, como é sabido, restaurou en Galicia equiparándonos con Islandia na práctica dunha especialidade mítica que conta cun campionato anual que cubre todo o País administrativo a aínda se extende con naturalidade á Veiga (Asturias) e a Valença do Minho. Unha reportaxe moi ben dotada graficamente visualiza e comenta o Campionato Galego de Andadura, o que nos fai pensar, máis unha vez, no feito de que cousas e riquezas culturais propias de Galicia non son debidamente nin protexidas nin incorporadas ás axendas dos medios de comunicación galegos mentres publicacións de fóra, como é El mundo del caballo, procuran a novidade, a beleza e bravura do que é noso, comprendéndoo e dando conta cabal de todo.Estivemos en Barallobre, concello de Fene, facéndolle homenaxe ao poeta Xosemaría Pérez Parallé. Leuse alí unha súa cántiga ao Curro da Capelada, que é a onde se acurran os cabalos que pacen no Ortegal, na fin do mundo de Xiao Roel: "Dende a cabana teixida/ manda o vento un asubío;/ xurde da Pena Toxosa/ un rincho longo é bravío./... / O mozo Sol, dilingueiro/ no cimo da madrugada/ acurra cabalos verdes/ na serra da Capelada/..."O día no que os poderes públicos tomen realmente en serio o cabalo PRG (Pura Raza Galega) e os seus concursos morfolóxicos, o acontemento grandioso dos curros e a práctica da andadura ou marcha, haberá que reeditar estes versos completos de Pérez Pallaré e convertelos nunha especie de himno.
XLMFerrín

Sem comentários: