quarta-feira, outubro 10, 2007

Unha illa no mapa


Por Javier Torrente Queie
Ollando no mapa do mundo, por un capricho fuxudío, atopei a illa de Cargados Carajos no océano Índico, no arquipelago das Mauricio. Imaxinei as razóns dos mariños para lle por ese nome. Imaxinei unha viaxe longuinqua, baixo o sol queimante, á procura de terras que descobrir, lonxe da terra, co único agarimo dun copo no solpor, soportando quizabes quen sabe qué maltratos ou depois dunha galerna insufrible ou de días e días sen vento en que se pode ver a auga se evaporar do mar e tamén se pode atinxir a ver o sol todo confluíndo sulagado. Imaxinei a chegada a terra con vontade de fémea dos mariñeiros e a procura ansiosa do alivio, e os mariños a correr tra-las nativas rente as palmeiras.
¿Qué nome lle poremos á illa? – perguntaranse depois de ter consumado os alivios. Pois como o día de hoxe, Santa María. Ai pois non, dixera un, non será ese o nome, depois de ter pecado tanto. Pois coma o noso rei, Illa Filipina. Ai pois non, dixera outro, non se pode nomear co nome dun rei tan cristián unha illa onde o demo fixera tantas das súas. Bon, chamemo-la entón Nova Sagunto, pois o noso piloto é daquelas terras. Ai pois non, dixera o piloto, que a miña Sagunto é terra de bos cristiáns e fora tanta a luxuria deitada nestas areas que mellor sería a chamar Nova Gomorra.
Pois algún nome hai-de lle dar a tal illa, intervira o capitán. Illa de Santa Madalena, propuxo un. Ai pois non, rexeitou un soldado, pois non era a Santa a patroa da luxuria, senón que dela saiu pola gracia do noso Señor. Meus señores, tomara un a palabra, sabede que luxuria é pecado, e fornicio é-lo mortal, e o Santo Oficio, que hai saber gracias ao noso dominico do que aquí pasara, fara-nos un auto por termos mallado o Santo nome da Coroa. Pois como a gracia do dominico é Secundino, chamemo-la illa de San Secundino, por ver se o freire acouga e non fala. Ai pois non, dixera o contramestre, o, primeiriño para todos nós foi a caza da femea. Sabede que seremos a mofa da corte, e canto ao dominico, se non participou na cacería non foi por falla de vontade, senon de forzas, mais tamén non vos tirou un ollo por mor de ter lembranza exacta dos pecados para os contar onde mester fose.
Así, déronlle voltas ao asunto, entanto o navío estaba ancorado na rada, facendo provisión de auga, frutas e carne. Pois xa teño a solución, dixera un que era vigués. Viemos aquí cos carallos cargados, e descargamo-los abofé nesta beira. O capitán atopou que era simpático o nome de Illa dos Carallos Cargados. No nome non se dí se os carallos foran ou non descargados en terra. Ao dominico se lle mete unha serpente baixo o hábito e asunto terminado. E á volta contamos que os nativos enchen os seus taparrabos con pedras para parecer máis virís e daí o nome, e pronto. O capitán e os seus, co pretexto de facer cartografías, voltaran a terra unha derradeira vez por mor de folgar coas nativas antes de partir de novo cara o descoñecido. O coitado Frai Secundino morrera antes de chegar a Goa, polo veleno dunha serpente que seica tiña subido a bordo enroscada nunha cesta de bananas.

Sem comentários: