quarta-feira, setembro 05, 2007

Alto do Furriolo


Na memoria de Celso de Poulo, alcalde de Gomesende asasinado polos fascistas en 1936.
In memoriam de todos os que tamén foron asasinados polos mesmos falanxistas.
Eu eiquí
Outo Alto do Furriolo
Ao que nunca viñen
E tantas veces estiven
Nesta miña maldita memoria.
Nacín cando naceron os mortos
Ningún de anónimo nome
Como eles asasinados polos fascistas
Que quixeron borrar esquecer os herdeiros
Esluílos
Esmorecelos
Pra faceren vodas en sangue das vítimas
Cos herdeiros dos verdugos.
Hai que esquecer
Proclaman nun arrouto arrebato
De cinismo en hipócrita piedade.
Maldita sexa a besta
Que sementou terror morte
No ermo deste alto ermo
Arestora que con amarguexo recordamos
Para non celebrar
Como aínda celebran eles nas fábricas relixiosas
Un oprobio de cárceres
Dende Celanova por Entrimo e non alá de Ourense
Alto outo do corazón que feridas voces
Escribiron e cantan Furriolo...
Onde hai que sementen ña nai
O teu loito no vencido ventre do teu martirio
Onde ña nai?
As claudias levadas e levados
Con arames as maus atadas
E os puños ergueitos prohibidos
Por diciren Republica Nación Galicia
Frente Popular
E por iso foron asasinados no empardecido deste alto
Cando atarde caía horizontal lousa pedra
Nas abas en memoria dos planaltos
Soterrados en foxas gabias
As cunetas que estremeceran a Pimentel,
Arraianos da dúbida
En cántiga de morte
Que arraianos somos todos
Do Lugo Vigo da miña infancia
Do Courel de Rairos a Queiroga
Polas pontes da dor
Que nos fixeron calar silenciar
Canto silenzo estremecido ña nai!
Do Entrimo que digo
Á parte que sei
E non por desmemoria
Que agora escribo Galicia ceibe
Pobo libre en República Popular
Nada hai de desquite
Senón recordar ao mortos
Que sempre han ser da nosa nación.

Poema lido por Manuel Vidal Villaverde no Alto do Furriolo o 26 agosto de 2007

Sem comentários: