segunda-feira, outubro 08, 2007
O Xefe fala da Desfeita no Sul
Non hai moito que fomos ao Furriolo, que unha aldeíña e un alto próximo a Celanova onde en 1936 houbo grande carnicería de roxos. A Asociación Arraianos erixiu alí un monumento ás víctimas e, este ano, celebrouse unha concentración para inaugurar a segunda parte da obra, que é da autoría de Vizoso. Mesmo a carón do teatro de masacre levanta a súa mole o Castro do Furriolo. Este é de grandes dimensións e coido que nunca foi escavado. Ocupa unha posición de alto valor estratéxico sobre a divisoria entre o vale do Sorga, da bacia do Arnoia, a chaira lacustre da Limia e as montañas de Bande, sobre as que volveremos nesta columna. A caída do Castro do Furriolo sobre Orille ou Ourille e, en xeral, sobre a feraz terra que chamamos de Veiga, recibe o nome da Munía, o que se cadra teña algo que ver cun certo San Munio alí venerado e seica sepultado nun sartego de pedra que, se o brimos, seremos cegados por unha luz do outro mundo.O Castro do Furriolo pertence ao concello da Bola, se me non trabuco. As autoridades, segundo comprobou toda a concorrencia ao acto de homenaxe aos afusilados, cortaron as murallas do castro e a coroa en todas direccións con pistas de motocrós. En lugar de pór sinais para instruir ao viaxeiro e difundir polo mundo adiante a existencia do Castro do Furriolo, deterioráronno gravemente cunhas pistas de motocrós. Seguramente a Asociación Arraianos, que vela pola memoria histórica e pola herdanza natural daquelas terras, xa terá denunciado o atentado contra o Castro do Furriolo. Falabamos de Bande.Como saben, Bande é unha vila do Sul de Galicia por cuxo termo municipal pasa unha vía romana moi curiosa que canalizaba na Antiguidade o trasfego de persoas e mercadorías entre Braga e Astorga. Digo que é curiosa porque, polo menos en dous puntos do seu percorrido, amosa senllas acumulacións de pedras miliarias que non me podo imaxinar que utilidade poidan ter que non sexas unha especie de culto ás divinedades dos camiños. Un destes "boscos de miliarios" áchase no concello de Lobios conforme subimos polo Xurés arriba e, outra, en territorio do concello portugués de Terras de Bouro e na mítica e asolagada freguesía de Vilarinho das Furnas, na zona máis protexida (Mato da Albergaria) do Parque Nacional da Peneda-Gerês.Protexida non se atopa para nada a vía romana en territorio español e galego e dentro do concello de Bande. Ao seu paso por alí, as autoridades locais mandaron facer unha pista, desas inutiles que esgazan o noso País, destragando coas máquinas da Deputación uns importantes vestixios da Via Nova que comentamos. Logo de afear a súa vila coas construccións máis desestabeis do Sul de Galicia e de cortar os negrillos ou chopos da estrada que eran o mellor adorno da vila, as autoridades decidiron que unha calzada de época romana era prescindibel e que mellor unha pista de terra que non conduce a ningures e que forma parte do facer por facer de certos políticos para enclatrar os votantes.Galicia sigue a ser así.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário