sábado, setembro 08, 2012

Manifesto arraiano 2012




Manifesto arraiano 2012

Suso Díaz lendo o manifesto
Irmáns arraianos, benvidos aos actos que iste colectivo vimos celebrando dende hai catro anos. Comezamos esta andaina co recoñecemento ao mestre Xosé Luís Méndez Ferrín, coincidindo coa festa transfronteiriza da Madalena (Lobios-Lindoso), unha desas celebracións que rachou as barreiras administrativas para afondar na fraternidade que os arraianos posuen a ambos lados da fronteira.

Obra de Baldomero Moreiras
Hoxe xuntámonos aquí, “Onde o mundo se chama Celanova”, para recoñecer a dous persoeiros irrepetibles das nosas letras. Por unha banda, e por primeira vez recoñecemos como “Arraiano Universal” a Celso Emilio Ferreiro Míguez; e un ano máis, facemos entrega da aguillada e a boina, símbolos distintivos da autoridade e respeto a Xesús Alonso Montero merecedor de ser Arraiano Maior da Raia Seca.

Obra de Baldo Ramos
Baldomero Moreiras
Xesús Alonso Montero, Baldo Ramos, Aser Álvarez

Entrega do Arraiano Maior da Raia Seca a XAM
Permitídeme que continúe cuns versos de CEF. Cicáis maña / cando a miña mirada / non abrolle na luz / como cativa mapoula de auga, / veña a soedade. / Pero hoxe canto en libertá / e mentras canto / non estóu isolado, / que o corazón vai comigo / e con il falo. É preciso recordar aquí onde a pedra e poesía o alento que aínda respiramos de persoeiros que fixeron destas terras un espazo de idealismo e creación literaria. Eles son o alicerce no que se ergue a semente que se espalla, son o cerne que xungue o sentimento coa perennidade da palabra escrita. Coa presenza do Arraiano Universal reflictida no busto que nos acompaña, e a unhas ducias de pasos de Manuel Curros Enríquez, que está alí, co ollar no infinito, recordámolo nestes versos: Preto da cibdá de Ourense, / camiño de Celanova, / onde é máis tépedo o vento / que a terra galega azouta, / dun círcolo de montañas / na faldra, sempre verdosa, / exténdese un val frorido, / cuberto de herbas cheirosas, / piñeirales i arboredos / ricos de frutas e sombra. Él tamén retratou a emigración deste xeito tan agarimoso: Dicen que como o Miño, o noso pobo / na terra donde nace quer morrer; / pero o sono do río é sosegado / i o de este non o é. Sen descoidar a musicalidade que abre as portas dos corazóns más tépedos. Do mar pola orela mireina pasar, na frente unha estrela, no bico un cantar.

Daniel Salgado e O Leo

Tamén nos acordamos dos poetas Castor Elices e Castor Méndez Brandón, de arraianos coma Delfín Modesto Brandón que con 28 anos asinou como Xuíz do Couto Mixto dimitindo como repulsa ao acordo entre España e Portugal que acabou cos privilexios desta terra arraiana tan particular. Seu é o libro de memorias “Interesante historieta de Coto Mixto, con una digresión político-social-religiosa”.

Bento da Cruz entrega a aguillada a Xesús Alonso Montero

Pero o país faise con xente comprometida como foi o caso de Luís Soto Fdez., quen entregou a súa vida a causa nacional, no tempo que viviu no país e no que pasou fora. Foi un dos fundadores da revista Vieiros, e colaborou en diversos medios escritos. O 25 de xullo de 1964 participou na fundación do UPG.

Xosé María Álvarez Cáccamo
Se a estela de Luís Soto é alongada e perdura, que podemos decir do traballo de Xosé Velo Mosquera, que xunto a CEF funda en 1932 as Mocedades Galeguistas de Celanova, publican o boletín informativo da Mocedade de Celanova, e o semanario Adiante, ao longo da súa vida no exilio non deixa de participar en distintos proxectos culturales ligados á nosa terra. Para sempre, na memoria do noso pobo quedará a súa participación xunto ao portugués Humberto Delgado, Henrique Galvao e José Fernando Fernández para denunciar ao mundo do que acontecía nunha península gobernada pola tiranía de dúas dictaduras que perduraban no tempo, para o que deciden secuestrar o trasatlántico “Santa María”.

Baldo Ramos
Outras voces súmanse ao elenco de escritores paridos aquí, falo de Lola González, Xosé Manuel del Caño, Xosé Benito Reza, Paulino Vázquez ou Baldo Ramos, que nos agasalla versos coma estes escritos sobre a obra do desaparecido fotógrafo estremeño Antonio Covarsí e que comeza cunha cita do poeta estremeño Ángel Campos Pámpano, admirados arraianos de obra e condición. Di Baldo: detrás do veo / só o aire que pasa / como un corpo en penumbra. / fronteira de cal / que vai borrando a apariencia. O poeta respira o que o rodea e deixa a súa pegada impresa, o seu alento que se xungue ao sentimento e pronuncia: o baleiro espera / a contracción da paisaxe. / a poesía é a aprendizaxe do final.

Xoán Carlos Domínguez Alberte
Hoxe xuntámonos co gallo de alumear un novo recoñecemento de Arraiano Maior da Raia Seca, Xesús Alonso Montero leva unha vida a traballar en prol da nosa cultura, dos nosos escritores e da nosa lingua, seu é o mérito de ter publicado estudios sobre algúns dos escritores galegos más admirados, profundizou no eido da sociolingüistica, poñéndolle nome e datas ao futuro da nosa lingua. Falar de Xesús é abrir unha fiestra a CEF, un fio que os xungue dende hai ben tempo e que perdura para ben das nosas letras. Decir Alonso Montero é encher de froitos o balde da nosa memoria e reafirmar os coñecementos que o tempo adormeceu. Grande é a súa obra, e así o estimamos os arraianos.

Maripaz Paz lendo un escrito de Ramón Nicolás, biógrafo de CEF
Comezamos este camiño coa entrega da boina e da aguillada a Xosé Luís Méndez Ferrín, pouco máis podemos decir do autor de Arraianos que non saibades, pero facemos nosos versos coma: ¡Oh cabalo cativo, torga ruín, can de palleiro, / espello no que se mira a nosa caste! Por millentos anos este estrondo de cascos / nas cortes vellas da lembranza... / ¿Será cecais o curro / todo o que desta Patria sobreviva no mundo?

Daniel Romero interpretando o himno arraiano
Talvez, pero entre tanto, achegamos as súas palabras, hoxe que aquí non está para decilas il, como nos houbese agradado.
Di o Arraiano Maior Ferrín: De xeito ineludíbel, e debido a compromisos contraídos anteriormente, non poderei estar na nosa grande festa arraiana.
De certo, o corazón de Celso Emilio incharía de nobre orgullo ao ser nomeado “Arraiano Preferencial”, pois il amaba e coñecía coma poucos as longas ermanzas fronteirizas dos montes do Laboreiro e da serra do Xurés.
Tamén Xesús Alonso Montero recibirá a aguillada e a pucha con satisfacción, estou seguro, pois il é dos que coñeceu e calcou a cotío a face da Nosa Terra. A Raia Seca é un espazo fundamental da Patria.
Para a sombra de Celso e para a persoa viva de Xesús, vaia a miña felicitación polo premio ben merecido.
Parabéns á Asociación Arraiana por saberdes elixir tan ben as figuras
dos galardoados este ano.

Xantar arraiano no Airiños
Para rematar, non poderiamos facelo doutro xeito que non fose con versos de CEF, e ao fio dos lidos anteriormente dicimos: Viviréi coma o lume / alcendido na noite. / Teréi cumios de estrelas, / cantaréi para os homes / Estóu comigo mesmo. / O corazón é quen manda, i eu obedezo.

Aser e O Leo na Taberna do Galo
Isabel Ferreiro Loredo
Xesús Alonso Montero co pandeiro de CEF
So nos queda decir que os ananos que espreitar coma a doniña, e acostuman a fura-la terra para inutilizala coma touperia, non falamos, retratados están sinedie por CEF, simplemente lles decimos que por moito que furen, as verbas que abrollan neste país renacen cada día con máis forza, e é que o lume que alampea, xamáis o veredes morto.

Beizóns arraianos!

Suso Díaz

Sem comentários: