Santiago / la voz
31 de agosto de 2012
05:00
Celso Emilio Ferreiro xa ten unha
biografía que o escriba. Edicións Xerais publica nos vindeiros días
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, unha narración de Ramón
Nicolás sobre o poeta. O suplemento Culturas ofrecerá mañá dous
capítulos adiantados deste libro.
-¿Como cre que cambiou a perspectiva sobre o escritor neste ano?
-Malia que sería preciso gozar de
maior perspectiva, cando menos estes oito meses transcorridos do
centenario supuxeron unha inequívoca reactivación do Celso Emilio poeta,
subliñando o feito de que a súa voz pertence a iso que se denominan
«clásicos». Este ano permitiu redescubrir esoutros perfís que atesoura:
un narrador de primeira liña, un extraordinario columnista, un político
comprometido con Galicia e o seu futuro.
-¿Que puntos de vista pode cambiar a súa biografía?
-Sobresae o labor titánico de
organización dentro das mocidades do nacionalismo galego na época da
segunda república, o labor poético creativo que seguiu realizando na
guerra civil -aínda pouco coñecido-, como nuclea o galeguismo cultural
resistente na Pontevedra dos anos corenta, como foi a súa actividade
política clandestina nos anos sesenta e setenta, cal é a evolución das
valoracións que os seus contemporáneos fan da súa obra poética ou como
se proxecta a súa poesía a través de diversos movementos musicais.
-¿Que lle sorprendeu máis na investigación da vida do poeta?
-No lado humano, o elemento no
que coinciden as máis das persoas que entrevistei: o seu carácter en
primeira instancia tímido, mais tamén afable, aberto,
extraordinariamente vitalista, cheo de simpatía e de enxeño -que neste
caso adxectivarei como celanovés ou ourensán-, se cadra por acreditar
que o seu perfil persoal distaba de ser así. Celso Emilio resulta,
indubidablemente, herdeiro dese espírito dun galeguismo do grupo Nós.
-Estamos asistindo a unha recuperación da valoración de Ferreiro como poeta. ¿Axudan os malos tempos?
-É probable. O seu discurso
literario é contemporáneo nas formas e nos contidos. Esa innegable vea
reivindicativa que agroma aquí e acolá na súa obra resulta case unha
profecía... Un dos poemas que estou moi contento de rescatar este ano
titúlase O atraco, que comeza dicindo «Maus arriba e boa abaixo o pobo».
Sem comentários:
Enviar um comentário