O goberno de España mantén unha sociedade de conmemoracións que se ocupa de facer lembranza pública das persoas e das cousas. En Galicia non existe nada parecido. Por iso somos os particulares e as asociacións cívicas as que normalmente nos ocupamos de celebrar e analizar os sucesos do pasado para nos axudarmos na construcción da nosa identidade proxectada ao futuro.
Ao longo deste ano cumprirían cen algunhas personalidades galegas que, como Luís Seoane, contribuíron de vez a fabricar comunalmente a nosa cultura galega. Haberá congresos, actos, exposicións, artigos, cursos sobre Seoane. Estaremos atentos.
Cando aínda non rematara o curso 1959-1960, o final da miña carreira universitaria, apareceu Luís Seoane por Madrid. Coido que non está ben rexistrada esta viaxe, segundo penso a primeira que o noso conmemorado fixo despois da súa partida ao exilio de Bos Aires. Daquela Seoane limitouse a visitar Madrid e non quixo pisar Galicia, pode ser que por temor a unha forte emoción ou por temor aos incomodos que a BPS poidera fornecerlle. O caso é que Carlos Martínez Barbeito levou Seoane á taberna La Región Gallega (rúa Noviciado) onde entrou en contacto co grupo Brais Pinto, nun reservado. Falamos despois varias veces e sempre de política, de arte, de literatura e de filosofía. Os meus camaradas e eu ficamos encantados ao entrar en relación directa cunha personalidade que certo galeguismo consideraba "comunista" e, se hai caso, perigosa. Coido que Seoane fixo tamén moi boa amizade con todos nós. Conto isto porque non penso que estea divulgada aquela viaxe de Luís Seoane a Madrid.
Os historiadores da literatura contemporánea entenden que os libros galegos editados no exterior nos anos cincuenta circulaban moi escasamente en Galicia. É certo, pro Fernández del Riego encargouse con éxito de paliar tal carencia, polo menos no que se refere á poesía. Efectivamente, na súa Escolma de Poesía Galega. Os contemporáneos Del Riego inclúe textos de autores residentes no exterior, como Lorenzo Varela, Emilio Pita ou Luís Seoane que moitos limos con fruición. Digo isto para lles decer que a Seoane lle chocou moito o bon coñecemento que nosotros, os de Brais Pinto, tiñamos dos poemas seus.
Seoane foi pintor, grabador, ilustrador, diseñador de libros e revistas. Pro tamén ensaísta, poeta, home de pensamento. Tiña unha idea da arte e da literatura que coincidía coa que tiñamos aqueles mozos de Madrid. Ou sexa, que acreditaba na función social e política da arte e da literatura pro non aceptaba as fórmulas do social-realismo. Coma Brecht, pensaba que o realismo non era a única fórmula válida para a práctica da literatura e a arte de inspiración política socialista. Por cima, Seoane era un nacionalista galego que sentía a necesidade de robustecer, mediante a actividade estética, a conciencia histórica de Galicia. E todo isto parecíalle compatíbel coa autonomía da creación artística e literaria.
Se cadra estes temas serán tratados durante o ano no que o sabio e brillante Luís Seoane se convertiría nun home centenario se a morte non o levase antes de tempo.
Por Xosé Luís Méndez Ferrín
Sem comentários:
Enviar um comentário