Diciamos sexta feira pasada que este era ano de centenarios. Conmemorarase o nacemento de Carballo Calero, Carlos Velo, Torrente Ballester, Luis Seoane. Agora ábreseme paso entre a brétema da memoria a palabra precisa, a ollada intelixente, o sorriso sabio de Carlos Velo. Era eu un rapaz de once ou doce anos e pasaba en Ourense as festas do Corpus. Algo me levou á rúa de Alba ou de Paz Nóvoa, desde hai un mundo de anos Cardenal Quiroga. Alí estaba o Cine Mary, que vin nacer e morrer. Botaban Torero, unha película mexicana que os ben informados aseguraban estar dirixida por alguén de Ourense apelidado Velo, que seguramente confundían con Xosé Velo. Desconcertoume a fita. Non me gustou a vida do toureiro Luis Procuna e a praza de El Toreo ouveando o seu nome semelloume desprezábel. Nin me emocionou nin deixou de me emocionar o rostro do protagonista comido polos dentes do medo. Pro o feito de que Procuna real a penas se interpretase a si mesmo e que a cámara de Velo conseguise a base da película seguindo o matador durante un longo tempo, interesoume. Ficción e realidade crúa mesturábanse de xeito inusual. Moito tempo máis tarde souben que aquela película mexicana, Torero, era a obra prima ou mestra da Tendencia que na Unión Soviética foi denominada kino-pravda e en Francia cinema-verité. Informeime con Georges Sadoul e co propio Velo cando tiven ocasión de o tratar, e comprendín o tamaño de Torero. Así que , algunhas veces, diante de películas como poden ser Shadows de Cassavettes ou Von Trier aquí e acolá, lembrome de Torero e do cine-verdade. Tamé me fai acordante de Torero o "reality show" Alén de Torero, Velo dirixiu moito cine: Pedro Páramo (sen Anthony Quinn, má sorte), películas didácticas ou científicas (era entomólogo coma Nabokov), spots publicitarios, comedias comerciais sen altura, documental. El cría na potencia educativa e nas posibilidades artísticas do documental e aprezaba sobre todas as cousas Man of Aran. Este é o cine que el faría se as circunstancias da guerra, da emigración política e da vida non llo impediran.
Carlos Velo procedía da pequena burguesía togada e nacera en Cartelle. Cursou Ciencias na Universidade Central de Madrid. Viviu na Residencia de Estudiantes. Foi catedrático de Instituto fugazmente e explicou Historia Natural. Lector en profundidade, o pensamento contemporáneo estaba dentro del e navegaba polos grandes espazos da filosofía, da ciencia da literatura e das artes. Sabía que o cine era a forma perfecta de comunicación do noso tempo. Tempo que el analisaba desde dous ángulos: o nacionalismo galego e o marxismo internacionalista. Velo non foi membro de máis partido político que a UPG, a partir de 1963. Con Lois Soto formou equipo nesta militancia orgánica e na empresa inesquencíbel da revista Vieiros. Os historiadores non o mencionan, pro Carlos Velo foi o responsábel da delegación do Consello de Galiza en México e pelexou para que este goberno galego extraterritorial non fose desobedecido polo galeguismo piñeirista e por outros inimigos políticos.
Nota: Corríxanme dicindo que Carlos Velo Cobelas non naceu en 1910 senón o decembro de 1909. Rectifico, pois, aínda que hai algo na personalidade de Velo que asociarei sempre ás de Carballo, Torrente e Seoane.
Artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín no Faro de Vigo de hoxe.
Sem comentários:
Enviar um comentário