O grau de civilización dun pobo coñécese polo coidado que ten coas castes e razas de animais domésticos e prantas que herdou dos antepasados. Non vou citar a infinidade de tipos de rosa que os xardineiros ingleses obteñen incesantemente e coas cales compiten coa paixón dun deporte. Direi só que en Cataluña existen catro ou cinco razas de galiñas autóctonas recoñecidas en canto que en Galicia só o está a de Mos. Hai máis razas de pitas galegas, pero a indiferencia está ocasionando que o seu patrimonio xenético desapareza diante dos nosos ollos. Leo que os fabricantes da cervexa nacional-popular, Estrela (así lle decimos moitos dos seus bebedores) Galicia, anda preparando unha boa sidra feita a base dalgunhas das ceno u máis castes de mazá autóctona que ningún de vostedes poderá mercar na froitaría habitual de onda a súa casa nin das chamadas grandes superficies. Todos os anos a Ulla é percorrida polos camións que levan toneladas e toneladas de mazán para en Asturias fabricaren as súas famosas sidras. Ocorre noutras comarcas. A noticia de que se prepara unha sidra comercial de carácter galego éncheme de ledicia. Eiquí onde en vivo, en Vigo, consérvase aínda unha certa tradición sidreira nas parroquias (no legalizadas) en Bembrive, Valadares, Beade, Candeán. Houbo uns días nos que unha señora de Cabral, que fora moi perseguida en 1936, nos levaba garrafonciños de sidra ás reunión da Liga Democrática na de Leopoldo García Ortega. Ela chamáballe á sidra, non sei se en serio ou por xogo, "viño de mazán" (seseaba, obviamente).Todo o mundo sabe que unha das grandes relixións vinícolas do mundo é a dos socalcos do Rhin e do Mosela. Aló prodúcense grandes viños brancos, non desprezando os de nosotros. E ben, na Renania propárase simultáneamente unha excelente sidra ou viño de mazán que eles chaman Vitz. Esta palabra dialectal renana procede, segundo Dieter Kremer, do latín "viceversa". Ou sexa que vostede, poñamos que en Tréveris, pode beber viño ou viceversa. Casa coma no chiste de Barrio Dovale. Os bretóns, os asturianos e os vascos pasan por seren os monopolistas do viño de mazán. Espero que Estrela (sic) Galicia lles abaixe un chisco a soberbia.A raza, arcaica e autóctona, do cabalo galego está a vivir un intre crítico. Por unha banda, nos montes dexenera e se desnaturaliza debido aos cruzamentos forzados ou non controlados. No sentido contrario, a Xunta regulou por decreto as características morfolóxicas do noso cabalo e estableceu o libro de rexistro oficial, co nome de PRG (Pura Raza Galega). Existe unha asociación que vela pola preservación do PRG e un centro a ela dedicado en Sergude, contra Compostela. Hoxe o PRG está a ser revalorizado e aprezado como un ben patrimonial e como parte da nosa herdanza ancestral. Próximamente poderán vostedes visitar, no Museo do Pobo Galego da capital da Galicia autonómica, unha exposición que, titulada "Ceibes no monte", tratará por extenso das nosas bestas e cabalos propios.Entre tanto, vaian o próximo domingo ao campo de xogos da Pasaxe, Vincios, Gondomar (extremando co municipio de Vigo). Poderán gozar da final do XII Campionato Galego de Andadura. Como temos dito eiquí máis dunha vez, a "andadura" ou "marcha" é unha especialidade hípica que case só se conserva na Gallaecia e en Islandia. Foi a raza do cabalo galego domado polo home galego a través dos séculos a mazo o que mantivo até hoxe a andadura. Se van a Vincios verán os cabalos galegos facendo o que poucos cabalos do mundo saben facer.
Sem comentários:
Enviar um comentário