"Andadura" ou "marcha" (en francés "amblure", en italiano "ambiatura") é un aire non innato que os domadores expertos lles aprenden aos cabalos. Groseiramente, direilles que consiste en lograr que a cabalaría se desprace movendo ao mesmo tempo a man e a pata de cada lado. Cando montamos un cabalo á andadura sentimos como se o bruto esbarase sobre a terra, e resulta moi cómodo. O defunto de meu pai dicía sempre que a andadura reciben entre nós o nome de "marchadores".Antano preparábanse cabalos e machos ou mulas para a andadura en todo o mundo. Coñécense pinturas chinesas moi antigas nas que a parecen cabalarías á andadura. Na Idade Media Europea este aire era moi aprezado.Por exemplo, no Pélerinage de Charlemagne, belísimo poema francés do século XIII (anónimo) que narra a viaxe do Emperador de Occidente a Constantinopla, menciónase o feito de que o protagonista e as persoas de alta condición se moven coas súas monturas (xeneralmente poderosos e tranquilos machos) en andadura. "Alí foi visto Carlos, sobre un forte macho marchador! ", "O rei esporeou o macho, e faise en andadura…" ("Li reis brochet le mul, si s´ en vait l´ ambreüre…"Logo a andadura esmoreceu e hoxe non forma parte do repertorio da doma ecuestre, non sendo en lugares moi concretos de Europa e América. Galicia e norte de Portugal (Gallaecia, digamos) é un dos lugares dos que nunca desapareceu aquela marcha que parece que tanto agradaba a Carlomagno.Eu fecho os ollos e vexo de neno cabalos en andaduras polas beiras areosas das estradas camino das feiras de Ourense ou Vilanova, cos cabaleiros estribados dianteiros e o caxato cruzado sobre a albarda de paseo con cobertor a raias.Para ben da cultura ecuestre, Joaquín González Troncoso tomou sobre si o cargo de facer renacer a andadura en Galicia, e a bofé que o conseguiu. Conseguiu, desde a vocalía de actividades rurais da Federación Hípica Galega, poñer a andar (ou marchar) o Campionato Galego de Andadura, que agora coñece a súa XII edición. Escribiu Troncoso e publicou, co título de Nós, andadura, o único tratado coñecido sobre o asunto. Por parte, el persiste, ano tras ano, en animar esta actividade.As probas finais do Campionato de Andadura celébranse o próximo día 27 por primeira vez na Terra de Turonio: onda o campo de fútbol da Pasaxe, parroquia de Vincios, concello de Gondomar. Presidentes e membros dos curros miñoranos, IES Terra de Turonio, Asociación do cabalo PRG (Pura Raza Galega), Federación Hípica Galega, e outras entidades e individuos entusiastas e desinteresados e empresas da zona colaboran no acontecemento cultural e deportivo, que é de primeira orde. Hoxe faise a presentación da final do Campionato de Andadura no IES Terra de Turonio de Gondomar. Todos os que queiran coñecer "de vis" e na realidade o maravilloso espectáculo da andadura poderán facelo en Vincios. Nós estaremos alí. Porque nós (tamén) andadura. A aplaudiremos cando un vello mestre domador de marcha do Val Miñor sexa premiado solemnemente no marco desta I Festa Cabalar de Vincios (Gondomar estremando con Vigo).
Sem comentários:
Enviar um comentário