segunda-feira, junho 22, 2009

O xefe fala verdade sobre Piñeiro

Ao comezar o ano dedicado, polas Letras Galegas, ao político e pensador Ramón Piñeiro circulaba unha versión interpretativa da vida e da obra desta persoa que fabricara algúns dos seus seguidores de derradeira hora. Aseguraban que, sendo Ramón Piñeiro deputado do PSOE na primeira lexislatura autonómica, promoveu, co apoio dos "galeguistas históricos" do mesmo partido (Casares, Casal e Conde) esa Lei de Normalización Lingüística que Núñez Feijóo soña con botar abaixo. Pois non, a Lei de Normalización foi proposta por Camilo Nogueira, deputado nacionalista do partido chamado entón POG. A actividade lexislativa do grupo do PSOE liderado por Ramón Piñeiro foi nula ou cuase inexistente, como se pode comprobar achegándose un ao diario de sesións. Iso si, o alter ego de Piñeiro en funcións de Delegado do Goberno e de presidente da Academia Galega, Domingo García-Sabell, recorreu en Madrid a Lei de Normalización Lingüística por considerala excesivamente favorábel ao noso idioma nacional.Fálase das intensas relacións suprapartidarias de Ramón Piñeiro cuxos dotes suasorios se farían notar no Parlamento sobre todos os grupos representados. Con facer un chisco de memoria, comprobaremos que Ramón Piñeiro e os seus seguidores (Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde) nas fileiras do PSOE votaron a expulsión dos deputados do Bloque que se negaban a xurar a Constitución e o Estatuto, a saber: Lois Diéguez, Claudio López Garrido e o meu vello amigo Bautista Álvarez.Montres os "galeguistas históricos" e Ramón Piñeiro votaban a expulsión do Bloque nun acto que, no seu día, clamou ao escándalo, o tamén nacionalista (aínda que "xuramentado") Camilo Nogueira diu a cara en defensa dos seus próximos. As boas relacións suprapartidarias e benevolentes de Piñeiro cos seus colegas parlamentarios excluían os nacionalistas do Bloque. Estas e outras estorias sobre Ramón Piñeiro e o seu conxeito van saíndo á luz aquí e acolá e serven para coñecer mellor a nosa historia política durante o período franquista e pos-franquista. Encóntrase a Academia Galega encetando xa os debates sobre a figura á que o ano próximo lle será congrado o Días das Letras Galegas. Pro novas visións, máis amplas e veraces que as que circulaban nos pequenos círculos piñeiristas que sobreviven moi diminuidos, van saíndo á luz e contribúen a dispersar as miudenzas do mito de Piñeiro. Nantronte foi un espléndido ensaio de Fernando Pérez-Barreiro (Universidade de Compostela). Onte mesmo, o estudo de Garrido Couceiro sobre as relacións de Piñeiro con Castelao en vida deste (A Nosa Terra). Recoméndolles o artigo histórico de X.L. Axeitos que sobre tal personaxe verá a luz axiña na Trabe de Ouro. X. Ramón Pena e o citado Garrido Couceiro dialogaron o pasado xoves sobre dúas enteiras páxinas de FARO DE VIGO e alí apareceron perspectivas novas e datos referidos a Ramón Piñeiro e ao exilio republicano que xaceran coidadosamente soterradas por aqueles a quen lles interesa un Ramón Piñeiro á medida das propias necesidades prácticas. Por fin, cando finalice o ano, a Academia organizará un congreso sobre Ramón Piñeiro que servirá para rematar, e rematar ben, as liñas encetadas e para que todos poidamos chegar a conclusións. A Che Guevara gostáballe repetir que a verdade é sempre revolucionaria, e a Academia Galega non se equivoca nunca ao escoller a figura memorábel do Días das Letras Galegas.

Sem comentários: