sexta-feira, outubro 31, 2008

Presentación do número dous da revista cultural A Torre do Castro

Nos 50 anos do comezo das obras de desecamento da lagoa de Antela (1958-2008)
Dentro das actividades culturais programadas polo concello de Sandiás
durante este ano, está a edición do número dous da revista cultural e
turística do concello, A Torre do Castro, que ten como tema principal, o
cincuentenario do comezo das obras de desecación.
Este segundo número centrase sobre todo na recuperación da memoria
histórica da lagoa de Antela. Para iso botase man dun artigo publicado en
1958 co gallo do comezo da obras de don Ramón Otero Pedrayo, baixo o título
¨Se quiebra el mágico cristal¨, que ben puido se-lo epitafio da lagoa. Tamén
inclue unha serie de curiosidades sobre a lagoa de Antela, como son a
existencia de palafitas, o uso médico das coñecidas samesugas, etc.. Noutro
artigo dedicámonos a dar a coñecer a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación
da Lagoa de Antela), centro que comezou a funcionar coincidindo co ano no
que se cumpren os 50 anos do comezo das obras de desecamento. No apartado
dedicado ó noso patrimonio inmaterial temos neste número algunhas das lendas
que existen sobre a torre do Castro, un dos símbolos do noso concello, e o
san Bieito da Uceira, que foron publicadas na súa maioría na revista Nós no
ano 1931 polo veciño de Sandiás, Urbano Santana.
Rematamos este segundo número cunha mostra de vellas fotografías,
xentileza de dous veciños de Piñeira de Arcos, co que se pode xa falar da
creación dunha galería de imaxes da memoria colectiva do noso concello.
Galería que está aberta a todos aqueles que queiran achega-las súas fotos.
Co gallo deste aniversario faisenos imprescindible recupera-la
memoria histórica da lagoa de Antela, sobre todo para que os máis novos que
non a coñeceron poidan coñecela da man dos nosos maiores. O Concello de
Sandiás é conscientes de que existe unha clara demanda dos chamados bens
sociais (medio ambiente, historia e cultura), estes bens na súa maioría son
patrimonio do noso rural. Na posesión destes bens pode esta-lo futuro deste
medio. É por iso que o Concello de Sandiás puxo en marcha, coincidindo con
esta data, a Casa da Lagoa, un centro onde todos aqueles que non coñeceron
unha parte da nosa historia poidan coñecela de primeira man, así como
coñece-lo presente representado pola recuperación medioambiental das antigas
areeiras abandonadas.
A revista esta a disposición de tódolos interesados, ademais de en papel,
en formato PDF na web oficial do Concello de Sandiás (www.sandias.es)

Sem comentários: