domingo, novembro 02, 2008

Afranio, o fuxido arraiano

Acto de inauguración en Tui da exposición itinerante "Antón Alonso Ríos. O
Siñor Afranio" que organiza a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de
Galicia, coa colaboración do Concello de Tui, e que terá lugar o vindeiro
luns 3 de novembro de 2008 ás 20,30 horas na Sala Municipal de Exposición
A exposición fai un percorrido pola vida e o pensamento de Antón Alonso
Ríos, profesor e político, que tras o levantamento militar de 1936 pasou
varios anos percorrendo os montes de Galiza e Portugal facéndose pasar por
un cidadán portugués chamado Siñor Afranio. En 37 paneis a mostra percorre
tres etapas vitais: desde o seu nacemento ata o ano 1936, o período 36-39,
no que el estivo fuxido, e do ano 1939 ata o final da súa vida.

Tomiño é a primeira localidade galega en acoller esta mostra porque xoga un
papel moi importante na traxectoria de Alonso Ríos. Alí dirixiu a escola
Aurora del Porvenir e puido poñer en práctica o seu modelo educativo. Algún
tempo despois estivo fuxido polos montes deste municipio.

A exposición poderase visitar logo en Tui e noutras quince localidades polas
que pasou o Siñor Afranio fuxindo das autoridades franquistas. A
continuación a mostra chegará ao seu concello natal, Silleda, e ás
principais cidades galegas.

A mostra enmárcase nunha serie de actividades que co nome Roteiro do Afranio
organiza a Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración coa Comisión
pola Memoria Siñor Afranio e a Asociación Sociocultural Adellis. Este
proxecto pretende dar a coñecer a un público amplo a figura de Alonso Ríos.
Trátase dun proxecto que ademais da exposición inclúe unha web divulgativa
do roteiro e da figura do deputado agrarista e unha guía de turismo
cultural.

Sem comentários: