Un bon amigo dime que esaxero ao insistir en que os portugueses ollan para o seu Norte e non ven alí Galicia. Hai uns cincuenta anos, o Porto ollou efectivamente para o Norte e achou que nós existiamos como pobo e como País, a iniciativa da Associação de Jornalistas e Homens de Letras daquela cidade. Foi cando abriron aló un comprido espazo público ao que chamaron Praça da Galiza, cunha considerábel escultura de Rosalía de Castro no centro. Por entón, Vigo, en reciprocidade, erixiu un modestísimo busto á memoria de Camões, neste caso co concurso da Asociación da Prensa da cidade galega, na Praza de Portugal. Tamén en Vigo hai unha rúa do Porto que até hai pouco tempo lucía unha boa lápida de mármore que alguén fixo desaparecer e que iría parar ao depósito de ladroízos vigueses onde tamén foi achantada a varanda do Náutico, a fonte luminosa da praza dos cabalos de Oliveira e outras valiosas pezas de ornato público. Perante o monumento a Rosalía non se fan actos no Porto e o de Camões apenas recibe unha ofrenda fría e oficialista no Día de Portugal.Despois de medio século de indiferencia, parece que en Portugal aparecen signos de que acolá saben como se chama a terra que hai e pobo que vive para aquí do Parque Nacional da Peneda-Gerês e do Río Miño. Un centro universitario privado de Vila Nova da Cerveira decidiu hai tempo recuperar o nome de Gallaecia porque os seus ilustrados promotores sabían ben que a Lusitania aquén do Douro era só unha antelequia ideolóxica e Gallaecia figura tamén nos nomes dalgunhas poucas entidades do Norte de Portugal, o cal é moi relevante. O aeroporto de Matosinhos, que nós vimos crecer, que nos vén servindo moi ben aos galegos do Sul nos últimos tempos e que hoxe recibe o nome de Sá Carneiro, tamén se decatou de que existimos. Somos, hoxe, ben visibeis no Sá Carneiro e loce alí un grande letreiro no que pode lerse: "Oporto (en versión castellana do topónimo), o aeroporto de tódolos galegos". No meeting point deste aeroporto hai unha moi clara indicación que di "Galiza" e que sinala ao lugar de onde parten os autobuses para o noso País.
Hoxe son moitos os portugueses e os galegos que acreditan nas inmensas posibilidades que suporía unha activación efectiva da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, ou Eixo Atlántico. Mais non se apreza vontade política para dar pasos adiante nese sentido. Tense lanzado a idea de que tal Eixo debería recuperar o nome de Gallaecia. E por qué non o de Gallicia, tendo en conta que así lle chamaban ao noso reino común orixinal Venancio Fortunato, Martiño de Dume e Isidoro de Sevilla nos séculos VI e VII?Penso eu que a Nova Gallicia non pode ser só un buró parar xestionar axudas da UE, se é que vai haber máis favores para rexións transfronteirizas, senón un organismo vivo e actuante no que a vella torgueira galegoportuguesa poda facer abrochar gromos novos de civilización. E iso esixe unha conciencia cultural e histórica e unha determinación política que non dou visto por ningures no universo partidario vixente. Desde logo, no futuro parlamento do Hórreo deberían sentar verdadeiros partidarios de Gallicia. E tamén nos concellos, desde o Ortegal ao Miño.
Sem comentários:
Enviar um comentário