Non acredito moito no ruxe-ruxe de que determinados sectores católicos de España traballan pola elevación de Leopoldo Eijo Garay aos altares. En todo caso, se o comité do Frente Popular de Ponteareas que lle diu o alto ao turismo no que o bispo de Madrid-Alcalá se repregaba a Vigo o 21 ou 22 de Xullo de 1936 o prendese e o fusilase, seguramente o Vaticano fallaría en favor da súa santidade. Non ocorreu isto: Eijo Garay foi respectado polo que el chamaba "terror rojo", Lois Soto deixouno pasar e logo tamén os controis do Calvario permitiron que o que sería pomposo Patriarca das Indias Occidentais gañase a seguridade do seu palacete do Monte do Castro desde o cal habería de poder sentir moi ben as descargas dos fusilamentos no castelo veciño. Vigo non esquence.
Se no pasado o Vaticano non confiou tanto en Eijo Garay como para lle conceder a púrpura cardealicia non penso que hoxe estea disposto a culminar un proceso de beatificación con conclusións favorabeis á causa. Eijo Garay foi un íntimo colaborador de Franco e a súa ideoloxía confesa non era a dun católico carca e conservador senón a dun estricto fascista de signo confisional. Se lermos os seus escritos políticos veremos que consideraba a José Antonio Primo de Rivera moi altamente, xa que este, ao revés de Ramiro Ledesma, tivera a habilidade de unir o ideal totalitario co catolicismo. A Eijo Garay gustáballe moito a sentencia joseantoniana que definía o home como "portador de valores eternos". Cando a actual dereita española fala de "valores", e faino decote, eu sempre me recordo de José Antonio Primo de Rivera, de onde procede a dereita española, inclusivemente a fracción galega bugallalista cuxa faciana é un Rajoy a piques de pasar a condición de prea política. Eijo Garay foi, sí, un vigués (recriado en Sevilla, é certo) que viviu os días de máxima represión fascista, nesta cidade na que escribo, sen mover un dedo en favor de ningún preso, sen pedir o indulto de ningún condenado a morte, sen estorbar un paseo sanguinario, non sendo (é fama) o dun seu irmán ou medio irmán cenetista.
Falangista confeso, teorizou mellor ca ninguén a falaz harmonía de clases para a que os sindicatos verticais foron activados, servíndose como axuda das encíclicas Rerum Novarum e Quadragessimo anno. É Eijo Garay un dos autores do nacionalcatolicismo español e a súa pluma e o seu razoamento, se se pode chamar así, transparecen en infinidade de discursos do Caudillo. Era o bispo falangista que advertía que España non necesitaba "amazonas" e preconizaba unha Sección Femenina consagrada a formar nais e non mulleres autodeterminadas e traballadoras. Eijo Garay proclamou que o deporte está ben pro que non pode caer no "neopaganismo" nin no culto aos corpos humanos con pouca roupiña. Para el, a instrucción Premilitar formaba parte do programa pedagóxico social das mocedades de España. Defensor a ultranza do totalitarismo, este antecesor de Rouco Varela foi o conselleiro principal de Franco no proceso de unificación da Falange e do Requeté que diu lugar ao partido único Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.
Supoño que con isto a Consellaría de Educación terá argumentos para lle retirar o nome de Eijo Garay a un colexio público e o concello de Vigo a unha rúa. En Coruña, Juan Canalejo continúa a facer "guardia sobre los luceros".
Sem comentários:
Enviar um comentário