Para a segundo domingo de Xullo está sinalado o curro do Galiñeiro, certamente o máis urbano de Galicia porque a el van parar bestas que, alén de no termo municipal de Gondomar, pacen todo o ano no de Vigo, a primeira concentración urbana de Galicia. Así, o máis arcaico e o máis férridamente contemporáneo se conxugan no Curro do Galiñeiro como é uso na Terra de Turonio.O curro celebrarase no seu lugar habitual ao pé da penedía das Gallas e da Cova da Becha (temíbel serpe que devora mozas e cabritos se non lle ofrecemos cuncas de leite fresco) nun espazo que foi notabelmente mellorado coa desparición do eucaliptal. Non lonxe do curro, que aínda é de madeira como antano foran todos, está o campo dos Arruídos, topónimo considerado celta pola indoeuropeística e relacionado no significado co fluir das augas, como corga e arroiar. Nos Arruidos e na parede cuase vertical dun formidábel penedo deprégase o cadro festival da que foi chamada Pedra das Procisións. Trátase dunha colección espectacular de gravados prehistóricos nos que predominan motivos militares sobre os que destaca unha espada da Idade do Bronce de dimensións colosais. Seguramente trátase da espada dalgún deus vello que viviu no Galiñeiro.Este ano o curro do Galiñeiro celebrarase cunha especial ledicia. A Consellería do ramo do medio ambiente natural acaba de facer público que o parque natural do Monte Aloia, fundado nos anos vinte polo enxeñeiro Areses, vai extenderse a toda a Serra do Galiñeiro e nun futuro próximo os gandeiros da zona van gozar, e tamén o curro, dun trato especial. Todos os veciños dos concellos de Gondomar, Mos, Porriño e Vigo que habitan na zona protexida están de noraboa, como estamos todos os fieis frecuentadores do Monte Aloia e da Serra do Galiñeiro. Por suposto, Manuel Vázquez, conselleiro, e Xosé Benito Reza, director xeral, merecen o noso aplauso porque por fin o principal territorio natural montuoso do hinterland de Vigo que chamamos Turonio foi tido en conta pola administración autonómica. Todo parece indicar que nesta serra que desde o cabezo do Aloia sobre o Miño corra cara o Norte para afirmarse gloriosamente no que Fontán chama Corno do Demo sobre a Garrida de Valadares, as cousas van mudar para ben. As pedreiras e canteiras interromperan a ruina montium; as plantacións masivas de eucalipto coñecerán o seu fin; a apertura de pistas sen sentido terminará tamén e outra política será incentivada coa colaboración das comunidades de montes. A riqueza xeolóxica do Galiñeiro terá que ser divulgada; o casarío tradicional dos Cabreiros, de Prado ou de Vila, seguramente será protexido; o gado e avenza (cabalos, vacas, cabrío) coñecerá un forte e novo pulo; a riqueza arqueolóxica (petroglifos e murallas xémeas do Aloia e as Gallas) convertirán o parque nun museo a pleno ar. E outras moitas e boas cousas.
Sem comentários:
Enviar um comentário