Primeiro foi o libro de Héitor Picallo (Laiovento) sobre Xohán Xesús González e, agora, aparece o de Santiago Prol sobre a figura histórica de Benigno Álvarez (ANT). Xohán Xesús e Benigno foron pezas moi importantes durante os anos trinta dun fenómeno de inmensa repercusión histórica: o da confluencia entre marxismo e nacionalismo ou galeguismo. Tal fenómeno é diverso e multiforme. Nacendo nos días da II República, non rematou de se completar deica os anos sesenta do século XX coa incorporación das novas promocións de activistas, ideólogos, poetas e artistas. Hai un tema á espera dun mozo dotado de pensamento e sensibilidade histórica que o convirta en ensaio: o do encontro entre socialistas ou comunistas e galeguistas ou nacionalistas en Galicia.
Certo que, no plano da política, Benigno Ávarez (comunista) e Xohán Xesús González (socialista) son os protagonistas da confluencia de que se trata nos días republicanos. A incansábel procura orgánica e teórica de Xohán Xesús emociónanos aínda hoxe. Noutro espazo, as eleccións da Frente Popular ligaron Alexandro Bóveda e Benigno con lazos moi fortes que estaban destinados a producir efectos políticos de longo alcance se non fose porque o golpe de 1936 acabou coa vida de ambos, e tamén coa vida do de Cuntis. E non se pode esquencer que no mundo universitario, a FUE, que xa chegaba a ser FUEG, contaba no seu seo con personalidades tales como un Luís Seoane que xa desde os derradeiros días da dictadura primorriverista amosaba as tendencias rexamente galeguistas pro abertas ao marximos.
O encontro segue a tomar corpo durante a Guerra Civil na que Ramón Esturao (de Xohán Xesús) está ao mando do Batallón Galego de Líster e Castelao, en funcións de lider lexítimo da Patria Galega, entra en contacto con Lois Soto Fernández, o mestre comunista camarada e amigo íntimo de Benigno Álvarez. Na viaxe de Soto e Castelao aos EEUU en 1938 o primeiro pon nas mans do segundo "O marxismo e o problema nacional", de Stalin. Castelao, daquela, caeu seducido pola nitidez e perfeccionismo do razoamento do líder soviético e o método de análise deste pasou ás páxinas perdurábeis do "Sempre en Galiza".
Morto Castelao, Lois Soto síntese o portador dunha antorcha. A súa revista, "Vieiros", móvese na dirección de reforzar o encontro de marxismo e nacionalismo. Luís Seoane vive lonxe de México, pero Arturo Souto e Carlos Velo está con Lois Soto e apoian a súa actividade, que se extende alén do mar até o noso grupo Brais Pinto. As redes están establecidas, os contactos flúen con facilidade nun e noutro sentido, as condicións parecen creadas. Coma unha tuba apocalíptica destinada a acordar a vivos e mortos, Celso Emilio Ferreiro entra en escena con "Longa noite de pedra". Lonxe pero dentro de nós, Xosé Velo concibe o DRIL e tomará o Santa María para admiración do Mundo. De xeito que, en 1963, resultou realidade o soño e os intentos de Xohán Xesús, de Benigno monolingüe e construído en rocha, do Soto pertinaz a aglutinante coma o corazón do acebiño: fundouse a UPG e unha nova etapa política abríase daquela nas entrañas do pobo galego. E a Historia continuou; abofé que continuou.
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN
Sem comentários:
Enviar um comentário