Desde o mesmo día da súa constitución en Irmandades da Fala, e mesmo antes, o nacionalismo galego defendeu que o sistema municipal español era inadecuado para Galicia e que a célula elemental da sociedade galega era a parroquia ou freguesía, que debería facerse efectiva no plano civil, cos seus órganos electos mediante sufraxio a directo e a súa administración propia.
A UPG recollía nos seus puntos fundamentais (1963) a vella reivindicación, asociándoa a unha reforma que abolise as provincias e as súas deputacións e que crease unha división territorial en comarcas. Daquela, a UPG clandestina sentíase reforzada por toda a tradición do nacionalismo e, moi especialmente, por Sempre en Galiza de Castelao que explica bastante ben o asunto. Nesta liña nacionalista, antes da Guerra Civil houbo concellos que, basándose en lexislacións favorabeis, lle concederon a "autonomía" a unhas cantas parroquias. Moi perto de onde eu escribo teñen realidade administrativa as de Bembrive (Vigo), Morgadáns (Gondomar) e Camposancos (A Guarda). Unhas poucas máis, todas baixo a denominación de "entidades locais menores" e todas nun réxime anticuado e sen capacidades suficientes, viven ou arrastran unha existencia caquéctica no resto de Galicia.
A situación é esta: a lexislación vixente en materia de réxime local permite que a vella aspiración nacionalista poida ser levada á práctica en toda Galicia. E ben, en ningún concello, que eu saiba, foi activada ningunha entidade de nivel inferior ao concello. Iso si, algunhas municipios puxeron carteis co nome das súas parroquias para o viaxeiro ser sabedor, aínda que a información só constitúe unha curiosidade toponímica pois que xurídicamente as parroquias siguen a ser inexistentes.
Por outra banda, e dado que as parroquias son reais cultural, territorial e poboacionalmente, o instinto de conservación e a forza identitaria dos homes e mulleres que as integran ocasionou que flocesen unhas "Asociacións de Veciños" de caracter privado que subplantan o sustitúen aos órganos de caracter público de que deberían estar dotadas as fregue-sías ou parroquias. O caso é que as únicas parroquias non valeiras de contido de Galicia son as que mantén, vivas ou moribundas, a Igrexa Católica.
Eu penso que nin as Asociacións de Veciños, nin as Comunidades de Montes ou de Augas, nin moito menos a Igrexa Católica, deban seguir a representar fraudulentamente a realidade parroquial de Galicia, así rural como urbana ou periurbana. O curioso é que en canto saímos de Galicia e entramos en Castela-León, as entidades inferiores ao municipio florecen como Juntas de Distrito ou Pedanías. Nas grandes cidades tamén se funciona así: poñamos que falo de Madrid. E alí non tiveron Asemblea de Monforte!
En canto ao Sul, as Cámaras Municipais de todo Portugal funcionan baseadas nas súas Juntas de Freguesia, e a lei portuguesa parece estar feita expresa para o corpo social e cultural galego.
Nin a dereita nin a esquerda, nin o nacionalismo nin o sucursalismo pensan como penso eu (e algúns máis, afortunadamente). O que fai que me sínta nesta materia incómodo e en minoría. Recomendo a lectura dun artigo de X.M. García Crego (en Espiral) que tivo a virtude de activar desde a raíz o asunto da freguesía administrativa en Galicia. Trataremos de reeditalo; isto non queda así, non pensen.
Sem comentários:
Enviar um comentário