segunda-feira, maio 19, 2008

Crónica de Santos Cabana para as Redes Escarlata

VIAXE (NON TURíSTICO) POLA POESíA GALEGA EN TEO
 2008, Día das Letras, no serán, en Cacheiras, local social da
Rosalía de Castro, asociación cultural. Organiza esta asociación
cultural e o concello de Teo, da man da súa concelleira de cultura,
que é hogano a man sabia e certeira de Carme Hermida.
Anxo Angueira, escritor, poeta, da terras de Iria, Leo, poeta e
músico, de Matamá-Vigo (Leo e Arremecághona), Aser Álvarez, de
Celanova (O ruideiro arraiano) son protagonistas do acto.
Vai de memoria, non vou procurar agora o programa: a música e a
voz de Leo lévannos ao mar de Vigo coa poesía de Martín Codax. A
voz sólida de Anxo Angueira convoca a Xohan Airas: palabras do
século XIII que percorren terras de Lampai, concello de Teo segundo a
división administrativa actual. Lampai, probablemente das Terras de
Iria, Lampai, terra de canteiros que aínda procuran hoxe as mellores
pedras no monte, que son as pedras que miran o mar de fronte.
Vén despois Rosalía. O poema da santa e da costureira. Ai miña
santiña, miña santasa!, como describir a voz sólida de Anxo
enchendo cada recanto do local social e facendo que escoite,
reverente e cómplice, o público heteroxéneo que aló estabamos,
desde o actual presidente do consello da cultura galega até os dous
nenos de catro/cinco aniños de Teo que se sentaban diante de onde eu
estaba e que abrían os ollos para beber as palabras de Rosalía, viva
e sen pranto, que non convén chorar máis. Todas, todiños entregados
xa á palabra nesta viaxe pola nosa poesía nacional.
(Non podería faltar a excepción: catro adolescentes reclamando a

atención dos estúpidos, que remataron por lle facer caso a Xosé
María Lema: ídevos para Castela; ou a Paco Fernández Rei: por que
non ides para fóra?)
E aquilo só era o comezo. Versión de Leo coa música de Batallán
do poema de Curros dedicado a Rosalía: ai dos que levan na frente
unha estrela/ ai dos que levan no bico un cantar. E descubrimos un
Anxo Angueira que emula a Compay Segundo, potente segunda voz, e ían
xurdindo cómplices espontáneos entre o público a corear o refrán:
ai dos que levan na frente unha estrela/ ai dos que levan no bico un
cantar...
E os feros corvos do Xallas. A voz baril de Angueira, Pondal baril
en Teo. E Cabanillas, o himno agrario na guitarra e na voz de Leo,
composición de Suso Vaamonde. E fomos ficando sós, Manuel Antonio,
nós, o barco e máis nós sós, /Sinn Féin/.... e o son dun
instrumento de vento artesán fixo entrar no auditorio o frío da
soidade. Toca falar agora de Aser Álvarez de Celanova, do ruideiro
arraiano, que percutía, ou sopraba artefactos dos que supoño que
será el propio o inventor, ou ?ruidaba ruideiro? coa súa gorxa
admirable. Aser Álvarez de Celanova, o ruideiro arriano, que foi quen
de lle pór rima sonora ás palabras que recitou Anxo, ás palabras
que cantou Leo. E de que maneira! Arremecághona!.
Pensade agora nas cunetas de Pimentel, na voz de A.Angueira,
Galicia ametrallada nas cunetas.. Pensade na vea satírica de Celso
Emilio en cántiga de Leo, que os mortos que vós matades/ os mortos
que vós matades/ gozan de boa saúde. Pensade na poesía amatoria de
Cunqueiro. Pensade no oulear do lobo no Courel no poema de Novoneyra e
se cadra escoitaredes o ritmo perfecto do recitado de Angueira e o
perfecto oulear de lobo que sae da gorxa do ruideiro arraiano, e a ver
se forades quen de sentir en arreguizo a profunda dor que aniñou no
peito de María Mariño, ou se sodes quen de gozar do estalo na boca
do zume das uvas douradas ou brancas ou tintas de acio roubado na
infancia por Álvarez Blázquez nas parras que medraban nas ruínas do
pazo.
E o punk rock choutou nas composicións de Leo (de non perder o seu
libro de haicús, titulado /Hai cú/). Punk rock, mais só refráns na
letra, díxonos Leo. Para que nós puxeramos o resto. Precísase a
guitarra e a voz de Leo e a percusión do ruideiro arraiano para
achegarse a calquera deles. Poño a seguir un que vale como exemplo de
precisión, que non necesita de ningún bis porque se refire á vida,
e a vida seica non permite bises:
Buaaaaa....!
Chaca-Chaca.
Pin-pum.
E a malla, a malla de Manselle, un fragmento de /Pensa Nao/, prosa
que é cántiga de traballo labrego de progreso, os motores diesel a
bruar na malla de Manselle e na infancia do autor, tamén infancia
azul de mar azul ou de flor de liño azul ou de sementes de liñaza a
caer grao a grao na cunca da man dun neno ou o olor, o olor de
berberecho asado en lareira pobre na aldea de baixo na casa da señora
María...

Todo iso, e moito máis, pasou un serán, no local da Asociación
Rosalía de Castro, en Cacheiras, Teo, 145 anos despois de que
Rosalía de Castro asinase /Cantares Gallegos/, o mesmo día que o seu
home, Manuel Murguía, cumpría 30 anos. A poesía galega ocupou o
local e o peito de todos e todas as asistentes.
Eu tiven a sorte de estar alí.
Saúde, redeir*s.
Xosé Luís Santos Cabanas.

Sem comentários: