sexta-feira, abril 18, 2008
O xefe pon firme ao exército
En todos os exércitos do mundo existe unha posición da orde fechada, dita no español firmes, na que o soldado se pon ríxido e agarda o movemento de armas seguinte. Mándase firmes á voz ou mediante o cornetín de ordes. No primeiro caso, o indivíduo ao mando berra a palabra firmes en dous tempos e de forma estentórea. Karl Bühler, ao definir Appel ou función apelativa da linguaxe, seguramente tiña en mente o oficial mandando verbalmente firmes á súa unidade. Neste caso, a lingüaxe serve para que seres humanos obedezan con absoluta precisión e modifiquen a posición do seu corpo no espazo. Na función apelativa pura, a lingua é usada para mandar de forma absoluta e para que persoas obedezan de xeito absoluto. Pro tamén a posición de firmes pode ser ordeada a través do cornetín. Isto soe ocorrer nas paradas e cando o superior é de alta graduación e deben obedecer unidades militares que engloban un vasto número de soldados. Daquela, agudo, penetrante, inapelábel, o cornetín emite un primeiro tempo que move os corpos dos soldados cara arriba (fainos "crecer") e un segundo toque, consistente nun só e terríbel punto executivo, no que a tropa xunta os talóns con estrondo unánime, achega o fusil ao coxote dereito e extende a palma da man contra o esquerdo; a vista alta e á frente. En posición de firmes o soldado español agarda as seguintes ordes. A posición de firmes é a de máximo acatamento á superioridade.Todos aqueles que padecemos o máximo rigor do exército español nun batallón dos chamados de castigo e so a persecución do SIM levamos gravado a fogo na alma o cornetín de ordes mandando firmes. Esoutro día (estaba eu distraído) escoitei o toque de firmes na televisión. Tan nítido, tan preciso, tan estridente, tan autoritario, que case o can de Pavlov que levo dentro me obrigou a porme automaticamente en pé e en posición de firmes: garde-á-vous, em sentido. Firmes e de xeonllos son as posturas nas que o individuo humano amosa a perda total da súa liberdade e da súa dignidade. Achtung!Unha das últimas veces nas que me puxen firmes foi na esplanada de instrucción do cuartel do Cristo, La Laguna de Tenerife, para que a miña unidade, un grupo de artillaría especializado en domar delincuentes e rebeldes, fose revistada polo ministro do Exército xeneral Barroso en canto soaba incesantemente a Marcha de Infantes. Esoutro día o toque de firmes que me conmoveu a memoria e me acordou no corazón o meu odio ao fascismo estaba dirixido a unha columna que habería de lle render honores á nova ministra do Exército, señora Chacón.Ver como unha muller encinta pasaba revista a unha columna de soldados de España, en posición de firmes estes e en calidade de Ministra do Exército aquela, púxome a carne de galiña. Estou seguro de que a maioría dos meus lectores non entenden o que lles estou a contar porque felizmente non son moitos os vivos que padeceron a represión franquista nos cuarteis. Os que pasaron pola ignominia, como eu pasei, dun batallón disciplinario do tipo do Grupo de Campaña de La Laguna gozarían dunha particular satisfacción ao ver como esa muller empreñada ordenaba o toque de firmes e recibía o saúdo co puño do sabre nos ollos do oficial ao mando da tropa. Con todo, non ma pareceu ouvir soar a Marcha de Infantes en honor da Ministra, aínda que no acto tal vez lle correspondese a ela a Marcha Real. Ignoro o regulamento pro sei que o franquismo sentíu o aguillón democrático nas vísceras.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário