terça-feira, julho 17, 2007

Miña casa, México, miña patria, Galiza

Finou Elixio Rodríguez, o bo e xeneroso. Vino por última vez en xaneiro deste ano, na sua casa en Lindavista-, nun tránsito no aeroporto de DF.Ali estaba con Gloria, súa compañeira de máis de 63 anos, co seu ollar de chispa, co sorriso permanente nun corpo sempre pequeno e ainda máis menguante pola edade. Abrazámonos moito, e non me soltou a man en toda a conversa; sempre co eterno tabaco e as gafas pousadas na cachola. Perguntou por todo o mundo, polo Goberno novo e polo futuro. A carón, na parede un tapiz co escudo da República do que decia nunca se separou.

Elixio Rodríguez, entrañable, incansable, amigo leal das ideas e da xente. Tiña dous amores incondicionais: un por Gloria, a quen conocera no Centro Galego, do que daquela o pai dela era Presidente; outro, pola sua Galiza eterna, universal, omnipresente, portátil no Mexico no que consideraba súa casa, pero non súa patria. Non tivo unha vida fácil pero si plena, faciase querer por ela, co seu ton de humor permanente, minusvalorando os duros momentos nos que estivo a punto de morrer con sentencias de morte e como refuxiado no exilio. Integrado plenamente no México que o acolleu dende que chegou refuxiado de Franza grazas á intervención dos seus queridos Luis Soto e Castelao –meu maestro decia, que ate con él bailei unha vez, ainda que a Virxinia non lle gustaba bailar, confesaba rindo-, sempre contando numerosas anécdotas como a de canda conocera a Cantinflas. Activo impulsor de actividades societarias e culturais da sociedade galega, co paso dos anos, o conservadurismo da mesma, fórono apartando do Centro Galego, igual que aos Viqueira e a tantas familias de esquerda. Mais nunca se apartou de Galiza, senon que foi achegándose ainda máis cada longa tempada dende a primavera até o outono en Bande, onde conversaba e paseaba con vellos e novos amigos.

Gloria vivia moi pegada a él, coidándoo, gardaba entrevistas e material histórico, axudouno a transcribir as notas para o libro Matádeo mañá, esa testemuña vital do optimismo e a loita. Ali na casa, pediume que a acompañara a ver un armario no que tiña preparado todo por se algo pasaba, como se xa fora inminente: unha bandeira coa estrela, un vello cassete de Negra Sombra para escoitar ao soterralo e uns telefones de contacto en Galiza aos que onte comunicaron seu pasamento.

A sua relación co BNG era longa, polos seus amigos e amigas de Celanova e de Bande, e logo por Beiras, por Nogueira e a visita ao Parlamento Europeo co grupo de emigrantes galegos en América Latina en 2001, e máis recente por outra xente que tivemos a sorte de poder estar con él. Era amigo de todos, querido, admirado, engaiolaba ao falar dunha Galiza ceibe como esperanza colectiva, era un referente, un referente. Participaba dende facia anos como convidado especial no palco da Praza da Quintana o Dia da Patria Galega. Todo un símbolo, unha honra para o nacionalismo galego, coa súa fraxilidade física, e a forza do ollar e a palabra.

Hoxe falei con Gloria e dixo que faleceu acompañado, con lucidez, decindo hai uns dias, coa ironia habitual, que se ia recuperar pronto para ir a Bande, para chegar a tempo para o Dia da Patria e berrar: que queiran que non, somos unha nación, e que deixara varios mandados que xa mos escribiria. Era un nacionalista leal, que non gostaba das fronteiras e pensaba que a emigración galega non tiña o lugar que lle correspondia, considérabase só un transterrado, co corpo alá e o sentimento aquí. Este ano queria berrarlle á vida, que él sabia que se ía pola avanzada edade, á sua nación, á sua patria querida da que vivía namorado. Foise noso querido Elixio coa estrela na fronte. Sempre en Galiza e no corazón dos galegos.

Ana Miranda


A derradeira viaxe do Aviador Dro


Elixio Rodríguez morre aos 97 anos en México


Loitou e foi condenado a morte dúas veces durante a Guerra Civil, fugouse cun avión do exército franquista a Xibraltar, cruzou os Pirineos a pé, foi refuxiado en Francia e chegou a México como exiliado a bordo do Ipanema en 1939. Galeguista apaixoado, correlixionairo e amigo de Castelao, Carlos Velo, Lois Soto, Celso Emilio e Pepe Velo, Elixio morreu no seu país de acollida, onde coñeceu á súa muller, María Gloria, quen convenceu ao seu home para escribir as súas memorias. Velaquí unha pequena crónica da súa vida


Elixio Rodríguez naceu en Grou-Lobios (Ourense) o 4 de xaneiro de 1910, e esta semana soubemos da súa morte en México, “tranquilo, feliz e agarimado polos seus”, comentounos Gloria por teléfono con moita enteireza cando estaban a piques de soterrar ao seu home. Pola súa historia, pola súa personalidade e pola súa paixón vital, Elixio semellaba ser inmortal. Fumador empedernido de tabaco rubio, xa nonaxenario, ía todas noites ao bar do David, durante as súas estadías en Bande, para tomarlle un clarito de whisky antes de deitarse. Nos últimos anos, Elixio e Gloria pasaban seis meses en México e outros tantos en Bande. De feito, o aviador tería morto no seu Val do Limia natal de non ser porque os problemas de saúde dos últimos meses desaconsellaban a viaxe. Foise apagando coma unha faísca, deixou de comer, de levantarse da cama e foise deixando ir paseniñamente, pechando así unha vida chea vida.
Durante as xeiras pola terra natal, Elixio percorría Bande, fumando e platicando no máis puro galego arraiano co seu grande amigo, recentemente falecido, “Don Xosé, o crego nacionalista”, con quen compartiu moitas horas de íntima conversa ao longo dos últimos veráns. De cando en vez, esta parella cruzábase con dous homes baixo os carballos da igrexa. dous veciños que estiveron a piques de asasinalo o 20 de xullo do 36. “Eu levaba as Mocidades e tíñanme moitas ganas. A guerra xa se viña cheirando, porque todo estaba moi polarizado, pero a algunha xente foíselle a man coa violencia”, sentencia Rodríguez. Un tiro pasou zoando perto da súa grande orella dereita cando facía desaparecer apresuradamente algúns papeis. Non houbo segundo disparo porque os carabineiros entraron nese momento no local dos galeguistas de Bande. A bala daquel home vestido de azul quedou a uns milímetros do seu obxectivo. Elixio foi detido e conducido até á prisión improvisada de Celanova, que se ateigou de xente a medida que foron pasando os volcánicos e lentos días do abafante verán de 1.936. “A pesares de todo, nunca vin nel unha ollada de odio para os que o quixeron matar, Elixio é un home bon, unha gran persoa”, dicía del Xosé, o crego de Bande.
Ida e volta ao Furriolo
Estes dous amigos adoitaban ir a Celanova a tomar café fronte ó mosteiro que durante a guerra foi prisión e derradeiro calabozo para moitos demócratas. Elixio miraba a reixa metálica e lembraba, “case non había sitio no chan para durmir, porque estabamos no refectorio 300 persoas, e cando escurecía o medo metíasenos no corpo, porque todas as noites levaban a catro ou cinco que non voltaban”. Unha noite os falanxistas foron collelo para pergarlle un tiro. Outros catro presos ían no furgón. O Alto do Furriolo, na estrada entre Xinzo e Celanova, era o lugar escollido para asasinalos, deixando alí os cadáveres deitados na gabia. Os outros presos xacían xa mortos na terra cando Elixio baixaba do furgón. Viu entón as luces dun coche que se achegaba a gran velocidade. Era un carabineiro de Celanova, o tenente Pousa, quen tivo que encañonar aos falanxistas. Pousa díxolles que aquel preso tiña que ser interrogado urxentemente. Todo era unha treta. A filla de Pousa, unha nena que se fixera amiga do Elixio a través das reixas do cárcere, foi a artífice daquel milagre, porque os seu olliños espantados viran saír aquela noite ao seu amigo no furgón, e sabía que aqueles presos nunca voltaban.
Pero os falanxistas da zona non perdoarían as falcatruadas daqueles mozos como Elixio, Celso Emilio, Pepe e Carlos Velo, que pouco antes do alzamento militar fixeran unha pintada nocturna en Celanova, con ocasión dunha xuntanza que as Juventudes Falangistas ían celebrar na vila. Os asistentes puideron ler á mañá seguinte, en grandes letras brancas sobre o asfalto: A todo porco lle chega o seu Sanmartín, “que era o apelido dun xefazo da Falange”, comentaba Elixio co seu ollar de galopín.
Elixio xa era piloto de avión antes da guerra pero, grazas ás xestións de Pousa, puido fuxir dunha morte segura a mans dos falanxistas, enrolándose no exército franquista. En pouco tempo chegou a ser coronel da aviación, pero Elixio sabíase fóra de lugar. A súa arelada oportunidade chegaría o 7 de marzo de 1937, cando pediu permiso nunha base franquista para dar un garbeo. Fugouse cun vello avión co que voou até Gibraltar, “e aínda estarán agardando a que volva por alí”. Pasou unhas semanas en Tánxer, logo en Casablanca, e dende alí viaxou até a zona republicana.
Alta traizón
Un mal día alguén decidiu fozar na súa maleta. “Apareceron cousas que puxeron en dúbida a miña lealdade: o meu salvoconducto na zona franquista, unha carta do intelectual falanxista Eugenio Montes, primo segundo meu; un mapa coas posicións militares da fronte de Estremadura que confeccionara cando estaba no bando franquista; e unha carta do espía británico James Playdon, ao que coñecera en Xibraltar”. Acusárono de traidor e esa mesma noite foi condenado a morte. O fusilamento sería ó amencer.
Cando estaba na cela 99 escoitou unha voz coñecida, achegouse ó buratiño da pechadura e viu a un tipo que lle lembraba a alguén da infancia. “Coíño, Coíño...”, repetía coma se berrara polo fecho, “era un compañeiro do colexio ao que chamei polo alcume, pois non me lembraba do nome”. Pedíulle que avisara aos deputados galeguista, que eran os únicos que podían facer algo. Coíño foi espertalos, pero Castelao non se atrevía a sacar da cama a Indalecio Prieto, que tiña fama de mal xenio. Xa de amanecida e ante a insistencia dos deputados galeguistas, Prieto ordenou o aprazamento provisional da execución, e o caso de Elixio pasou ó recén creado Tribunal Republicano de Alta Traición y Derrotismo, que decidiu finalmente absolvelo.
Logo veu a derrota na guerra, cruzar os Pirineos a pé, os campos de concentración e o exilio en México, onde participou en numerosas iniciativas culturais como Vieiros, Saudade ou A Hora da Galicia, e onde descansan agora os seus restos mortais, porque Elixio vai seguir vivindo en nós.

sexta-feira, julho 13, 2007

O Xefe fala do Irmán Aviador

Limpa coma o amañecer polos outeiros de Ierbes foi a alma de Elixio Rodríguez, de Bande, que morreu hai uns días en México. Nado en 1910, os seus anos xuvenís foron gastos no estudio e na militancia no nacionalismo. Bande, antigo condado abacial, desenrolouse durante o século XIX como unha pequena vila mercantil, segundo o modelo de Celanova. Un nucleo de negocios que, chegados ao século XX, orixinou con naturalidade unha sociedade culta na que non eran escasos os titulados universitarios. A xeración nova durante a República fundou en Bande un fogar das Mocedades Galeguistas no ronsel das moi poderosas que na veciña Celanova dirixían o triunvirato inesquencíbel formado por Xosé Velo, Remixio González Gándara e Celso Emilio Ferreiro. Tan forte chegou a ser esta dirección que desde Celanova pasou a liderarse a totalidade da organización nacional, con Nogueiras, de Allariz, como presidente. As Mocedades de Bande, menos numerosas, foron impulsadas por Elixio Rodríguez e coido que tamén por Afonso Santalices, e resultaron activísimas e foron un factor de dinamización de masas que chegou ao seu punto de máxima efectividade nas eleccións da Fronte Popular e na campaña do Estatuto de 1936. Elixio Rodríguez foi máis home das Mocedades ca do Partido Galeguista, no que penso que non causou alta nunca.
Oficial de aviación ao inicio da guerra, Elixio decidiu non agardar por ninguén, como Valenzuela, e pasarse á zona republicana. Fíxoo co seu avión, logo de dar unhas pasadas para admirar as ruínas de Itálica desde o ar e aterrou en Gibraltar. Xa transferido ás autoridades da República, foi acusado de intento de espionaxe e infiltración ao servizo dos franquistas, o que Elixio conta con moito xeito no seu libro Matádeo mañá (Xerais, Vigo, 1994). Alertado Lois Soto por Castelao, moveu a Dolores Ibárruri, á Solidaridade Galega Antifeixista e a quen había que mover e Elixio ficou libre de sospeita. Pasou o resto da guerra ás ordes políticas de Castelao e servindo na intendencia aérea en Barcelona, segundo teño entendido.

A Lois Soto (comunista) sempre estivo ligado Elixio (galeguista) en todas as actividades mexicanas que o de Vilanova dos Infantes promoveu, con excepción da UPG. Con Soto estivo, en México, na audición radial Hora de Galicia, na revista Saudade, verba galega nas Américas, no Padroado da Cultura Galega, en Vieiros. Os derradeiros anos do aviador patriano foron luminosos. Regresaba cada ano a Bande e percorría Galicia a participar nos acontecementos político ou culturais nos que era reclamado. Coñeceu o cariño dos seus veciños e os meles de ser lido con avidez e complicidade por un alto número de persoas que se delectaban co seu libro de memorias. O irmán Elixio, como dicían os vellos galeguistas, xa está na memoria e decátome de que o saudei por derradeira vez na homenaxe ás víctimas do Furriolo.

terça-feira, julho 10, 2007

Velorio do Coronel Elixio Rodríguez

Estimados amigos arraianos. Como xa sabedes hoxe está a ser soterrado o Coronel Elixio Rodríguez, todo un símbolo, un exemplo e un referente para a nosa tribo. A súa familia enviounos esta foto do velorio, rodeado polos seus descendentes, en México DF. Hoxe é un día triste do mes de xullo, un mes en que Elixio Rodríguez sempre viña a Santiago, acompañado da súa Gloria, para participar nos actos do 25 de xullo na capital de Galicia. Pero Elixio vai seguir vivindo para sempre na nosa lembranza.
Estamos en contacto coa familia e cos amigos de Bande, para organizarmos unha merecida homenaxe na súa vila natal. Seguiremos informando...

Elixio na lembranza




A odisea dun aviador arraiano e galeguista entre a guerra e o exilio
Unha vida baixo o volcán
“Eu som o homem que lhe fez dous manguitos á pena de morte”. Así é como se presenta Elixio Rodríguez, lembrando o titular dunha entrevista que lle fixo un xornalista portugués cando publicou as súas memorias. Unha crónica da viaxe deste apaixoado galeguista con dúas condenas de morte ás súas costas, quen tivo que loitar nos dous bandos da guerra do 36 para poder sobrevivir e deixarnos constancia da súa experiencia vital.

Elixio Rodríguez, 92 anos, está agora en Cuernavaca (México), cos lentes de sol e a guayabera lendo a novela, Baixo o volcán, que Malcolm Lowry ambientou nesa fermosa cidade mexicana. A abafante atmósfera da historia que ten nas mans contrasta coa imaxe relaxada dun lector que fica deitado sobre a herba fresca do xardín, baixo a inmensidade dun ceo incandescente que pouco se asemella aos fríos amenceres invernais do Val do Limia que o viu nacer. “Precisamente nese ceo limpo e frío é onde debe vivir o meu anxo da garda, que é un grande profesional, por certo”, arranca por retranqueiras un Elixio Rodríguez que conserva aínda intacta a súa frescura. El e Gloria, a súa muller e arquiveira de lembranzas durante o último medio século, pasan a metade do ano en Bande (Ourense) e outros seis meses en México, país ao que Elixio viaxou por primeira vez no ano 1939 a bordo do Ipanema, un barco que zarpou de Francia cargado cun milleiro de exiliados republicanos, e no que el puido cruzar o Atlántico por primeira vez, grazas ás xestións de Lois Soto e Castelao, correlixionarios e amigos que sabían da súa valía para reorganizar a resistencia no exilio.
Os paseos por Bande
Durante as xeiras pola súa terra natal, Elixio percorre as rúas de Bande, fumando e “platicando”, no máis puro galego arraiano, co seu gran amigo Don Xosé, o “crego nacionalista do Val do Limia”, con quen compartiu moitas horas de íntima conversa ao longo dos últimos veráns. De cando en vez, esta singular parella crúzase con outros dous homes que pasean tamén baixo os carballos centenarios da igrexa. Non hai intercambio de saúdos. Son dous veciños da vila que estiveron a piques de matar a Elixio unha tarde de xullo do 36. “Aínda acababan de poñer o bando de guerra nesa porta daí; entón eu era o que levaba as Mocidades Galeguistas de Bande e, claro, estaba no ollo do furacán. A guerra xa se viña cheirando no ambiente porque todo estaba moi polarizado, pero a moita xente foíselle logo a man co odio e a crueldade”, sentencia Rodríguez prendendo outro pito no espolón da praza de Celanova.
Un tiro pasou zoando perto da súa orella dereita cando facía desaparecer apresuradamente algúns papeis comprometedores. Non houbo segundo disparo porque os carabineiros entraron nese mesmo momento ao local onde os mozos galeguistas da Baixa Limia celebraban as súas asambleas. A bala daquel home vestido de azul e cheo de odio quedou a uns milímetros do seu obxectivo, pero Elixio foi detido e conducido até á prisión de Celanova, que se ateigou de xente a medida que foron pasando os volcánicos e lentos días do abafante verán de 1.936.
“A pesares de todo, nunca vin nel unha ollada de odio ou xenreira para os que o quixeron matar, Elixio é un home bon, unha gran persoa”, dixo con emoción o crego de Bande durante a agarimosa homenaxe que lle tributaron ao vello aviador galeguista uns días antes de voltar para México, na procura de latitudes máis apetecibles durante o inverno que o lonxano oeste ourensano.
Longa viaxe ao Furriolo
Cando Elixio está no país, os dous amigos adoitan ir a Celanova para conversar e tomar café na Praza Maior, fronte ó mosteiro fundado por San Rosendo, que durante a Guerra Civil foi prisión, primeiro improvisada e logo tamén prisión central e derradeiro calabozo para moitos republicanos. Elixio mira para a reixa metálica do claustro barroco e lembra a noite en que os falanxistas o levaron nun furgón para executalo nunha gabia do Furriolo. “Case non había sitio no chan para durmir. Estabamos alí perto de 300 persoas, e cando escurecía o refectorio do mosteiro, que era onde nos tiñan amontoados, o medo metíasenos no corpo; porque tódalas noites levaban a catro ou cinco presos que nunca voltaban, e todos sabiamos que algún día nos tocaría a nós. Cando pronunciaron o meu nome e montei naquel furgón pensei que sería a derradeira vez que vía esa porta”, comenta Elixio, sinalando o mosteiro.
Catro homes xacían xa sen vida sobre a marxe esquerda da estrada vella de Xinzo a Celanova, con senllas balas metidas no cráneo. Achegábase a hora de Elixio, a quinta víctima do funesto ritual nocturno, que xa descía do negro furgón, coa cabeza gacha e disposto a morrer, “cando o anxo da garda fixo unha intervención das súas”, bromea. As luces dun coche, achegándose a gran velocidade, detiveron momentaneamente a execución. “Era un coche dos carabineiros, onde viña o tenente Pousa, o pai dunha meniña que eu coñecera a través da reixa do cárcere e que se encariñara moito conmigo. Ela foi a miña verdadeira salvadora porque lle pediu ao seu pai que fixera algo para evitar que me mataran. Pousa chegou alí e berroulles aos que me ían asasinar: ¡A este matarédelo mañá!, e encañonounos coa sua escopeta. Houbo unha forte discusión entre eles pero os falanxistas recuaron e hoxe podo vivir para contalo ”, lembra Elixio con emoción.
Fuxir da morte en Celanova
Os falanxistas da zona non perdoarían con facilidade as falcatruadas daqueles mozos galeguistas como Elixio Rodríguez, Celso Emilio Ferreiro, Pepe e Carlos Velo, que pouco antes do alzamento militar fixeran unha pintada nocturna en Celanova, con ocasión dunha importante xuntanza que as Juventudes Falangistas ían celebrar na vila. Todos os asistentes puideron ler á mañá seguinte, en grandes letras brancas sobre o asfalto, unha frase que dicía: A todo porco lle chega o seu Sanmartín, “que era o apelido dun xefazo da Falange chegado de Valladolid”, comenta Elixio, que aínda conserva, cando fala das trasnadas da súa xuventude, o seu ollar de mozo galopín.
Elixio xa era piloto de avión antes da guerra e, gracias ás xestións do tenente Pousa, puido eludir unha morte segura a mans dos falanxistas da zona, enrolándose inmediatamente no bando franquista. O tenente Pousa sabía que en Celanova lle sería imposible protexelo por máis tempo e arranxou todo para a súa incorporación ás filas da Lexión, nun campamento de Estremadura. En pouco tempo chegou a ser tenente da aviación de Franco, pero na súa mente sempre planeaba a idea de pasarse ó bando republicano en canto se presentara a primeira ocasión para a deserción.
O garbeo sen retorno
A oportunidade tan arelada chegaría o 7 de marzo de 1937, cando o tenente Elixio Rodríguez pediu permiso nunha base franquista de Andalucía para dar un “garbeo” ou paseo de pracer. Sen pensalo dúas veces, decidiu fugarse cun vello avión Breguet-XIX co que voou até Xibraltar sen volver a vista atrás. “Aínda estarán agardando a que volva por alí a deixar o avión”, bromea Elixio. Pasou unhas semanas en Tánxer, logo en Casablanca, e dende alí viaxou até Alacante, onde se reuniu finalmente con algúns dos seus amigos e “correlixionarios”, entre os que estaban os deputados galeguistas. Foi entón cando se incorporou ao Exército Republicano nunha base aérea de Valencia, onde estaba o Goberno da República. Elixio comezou a voar cunha nova bandeira no seu avión, mais sería por pouco tempo.
A maleta da traizón
Un mal día, alguén decidiu fozar na maleta de Elixio mentres este voaba. “Apareceron varias cousas que puxeron en dúbida a miña lealdade á República: o meu salvoconducto na zona nacional, unha carta de Eugenio Montes, primo segundo meu, na que me presentaba ante Franco coma un home de total confianza; un mapa coas posicións militares da fronte de Estremadura, que eu confeccionara cando estaba no bando franquista; e unha carta do espía británico James Playdon, ó que coñecera estando en Xibraltar”, lembra o noso Aviador Dro.
Acusárono de espionaxe e traizón porque creron que mudara de bando coa intención de roubar un avión ruso para os franquistas. Esa mesma noite foi condenado a morte sen celebración de xuízo algún. O fusilamento sería ó amencer.
Pero cando Elixio estaba na cela 99 agardando a que lle chegara a hora final, escoitou unha voz coñecida, achegouse ó buratiño da pechadura e viu a un tipo que lle lembraba a alguén da infancia. “Coíño, Coíño...”, repite Elixio simulando estar berrando polo burato dunha porta. “Este Coíño era un antigo compañeiro do colexio, ó que chamei polo seu alcume, pois non me sembraba do seu nome, para pedírlle que fose até o hotel onde estaban os deputados galeguistas. Eles coñecíanme ben e podíanme salvar, pero había moi pouco tempo”, comenta antes de que a súa muller o corrixa. “Coíño foi espertalos no medio da noite, pero Castelao non se atrevía a sacar da cama ao entón Ministro da Guerra, Indalecio Prieto, que tiña fama de moi mal xenio”, lembra Gloria. Xa de amanecida, e ante a insistencia dos deputados galeguistas, Prieto ordenou o aprazamento provisional da execución, e o caso de Elixio pasou ó recén creado Tribunal Republicano de Alta Traición y Derrotismo, que decidiu finalmente absolvelo. Era a segunda vez que o home da boa estrela conseguía zafarse da pena de morte. O segundo manguito á morte. “Pero logo veu o triste final da guerra, o cruzar os Pirineos a pé, os campos de concentración e, finalmente o exilio en México, que foi onde coñecín a esta gachupina que hoxe é a miña muller, cando ela aínda era unha meniña”, sentencia Elixio antes de dirixir unha mirada de complicidade cara á súa compañeira. Grazas á teimuda da súa dona, que non parou até conseguir o seu obxectivo, as axitadas memorias deste “bandido” (natural de Bande) levan case dez anos publicadas e esgotadas.. O título do libro: Matádeo Mañá. Unha obra altamente recomendable e que Xerais debera reeditar dunha vez.
A Elixio e Gloria, “beizón” pola súa amizade e pola súa valiosa contribución á recuperación da memoria histórica da nosa terra. Baixo o volcán, nalgún lugar de Cuernavaca, alguén pasa a derradeira páxina dunha historia que aínda está por escribir.


Aser Álvarez. Bande, mes de xullo de 2002


segunda-feira, julho 09, 2007

Eloxio de Elixio Rodríguez

Dicímoslle adeus cunha fonda dor ao noso admirado e benquerido amigo Elixio Rodríguez Domínguez, quen hoxe vai ser soterrado en México. Dámoslle dende eiquí unha forte aperta tamén a Gloria, dona e apoio incondicional deste grande home de honor, e tamén aos seus fillos e descendentes.
Nos últimos anos Elixio pasaba a metade do ano en México, e a outra metade no Val do Limia, onde están as súas raizames. A estas alturas do ano xa deberan estar na súa terra, pero o mal estado de saúde do Elixio durante os últimos meses obrigounos a cancelar a súa travesía anual e sempre puntual, coma unha ave migratoria, sobre o Atlántico.
As fiestras pechadas da súa casa de Bande, despois de pasadas as festas do Viso de Lobeira, eran un mal agoiro que hoxe nos confirmou por teléfono a súa neta Isa dende Madrid.
Nacido en 1910, Elixio era unha desas persoas tan apaixoadas e vitalistas que semellaban ser inmortais. E en certa medida si que o é, porque o noso Aviador Dro Arraiano, quen co seu testemuño e conversa nos fillo ollar as cousas da nosa historia recente doutro xeito, vai seguir sobrevoando eternamente cun Breguet XIX as chairas do Laboreiro e os curutos do Xurés, sempre co seu pito de tabaco rubio aceso entre os beizos. Precisamente co mesmo avión un día que lles chourizou aos franquistas nunha base aérea andaluza para fugarse cruzando o estreito de Xibraltar e pasarse á aviación republicana.

quarta-feira, julho 04, 2007

Presentación d´O ourego e o compás


Veleiquí unha nova edición deste poemario do poeta arraiano
Baldo Ramos

O ourego e o compás

Editado pola Fundación Curros Enríquez

O acto de presentación, ao que estades todos convidados, vai ser este venres, 6 de xullo ás 20:00 horas, na Casa dos Poetas en Celanova e vai contar coa presenza do autor celanovés, que vai estar acompañado na mesa polo poeta Manuel Vilanova