terça-feira, julho 17, 2007

Miña casa, México, miña patria, Galiza

Finou Elixio Rodríguez, o bo e xeneroso. Vino por última vez en xaneiro deste ano, na sua casa en Lindavista-, nun tránsito no aeroporto de DF.Ali estaba con Gloria, súa compañeira de máis de 63 anos, co seu ollar de chispa, co sorriso permanente nun corpo sempre pequeno e ainda máis menguante pola edade. Abrazámonos moito, e non me soltou a man en toda a conversa; sempre co eterno tabaco e as gafas pousadas na cachola. Perguntou por todo o mundo, polo Goberno novo e polo futuro. A carón, na parede un tapiz co escudo da República do que decia nunca se separou.

Elixio Rodríguez, entrañable, incansable, amigo leal das ideas e da xente. Tiña dous amores incondicionais: un por Gloria, a quen conocera no Centro Galego, do que daquela o pai dela era Presidente; outro, pola sua Galiza eterna, universal, omnipresente, portátil no Mexico no que consideraba súa casa, pero non súa patria. Non tivo unha vida fácil pero si plena, faciase querer por ela, co seu ton de humor permanente, minusvalorando os duros momentos nos que estivo a punto de morrer con sentencias de morte e como refuxiado no exilio. Integrado plenamente no México que o acolleu dende que chegou refuxiado de Franza grazas á intervención dos seus queridos Luis Soto e Castelao –meu maestro decia, que ate con él bailei unha vez, ainda que a Virxinia non lle gustaba bailar, confesaba rindo-, sempre contando numerosas anécdotas como a de canda conocera a Cantinflas. Activo impulsor de actividades societarias e culturais da sociedade galega, co paso dos anos, o conservadurismo da mesma, fórono apartando do Centro Galego, igual que aos Viqueira e a tantas familias de esquerda. Mais nunca se apartou de Galiza, senon que foi achegándose ainda máis cada longa tempada dende a primavera até o outono en Bande, onde conversaba e paseaba con vellos e novos amigos.

Gloria vivia moi pegada a él, coidándoo, gardaba entrevistas e material histórico, axudouno a transcribir as notas para o libro Matádeo mañá, esa testemuña vital do optimismo e a loita. Ali na casa, pediume que a acompañara a ver un armario no que tiña preparado todo por se algo pasaba, como se xa fora inminente: unha bandeira coa estrela, un vello cassete de Negra Sombra para escoitar ao soterralo e uns telefones de contacto en Galiza aos que onte comunicaron seu pasamento.

A sua relación co BNG era longa, polos seus amigos e amigas de Celanova e de Bande, e logo por Beiras, por Nogueira e a visita ao Parlamento Europeo co grupo de emigrantes galegos en América Latina en 2001, e máis recente por outra xente que tivemos a sorte de poder estar con él. Era amigo de todos, querido, admirado, engaiolaba ao falar dunha Galiza ceibe como esperanza colectiva, era un referente, un referente. Participaba dende facia anos como convidado especial no palco da Praza da Quintana o Dia da Patria Galega. Todo un símbolo, unha honra para o nacionalismo galego, coa súa fraxilidade física, e a forza do ollar e a palabra.

Hoxe falei con Gloria e dixo que faleceu acompañado, con lucidez, decindo hai uns dias, coa ironia habitual, que se ia recuperar pronto para ir a Bande, para chegar a tempo para o Dia da Patria e berrar: que queiran que non, somos unha nación, e que deixara varios mandados que xa mos escribiria. Era un nacionalista leal, que non gostaba das fronteiras e pensaba que a emigración galega non tiña o lugar que lle correspondia, considérabase só un transterrado, co corpo alá e o sentimento aquí. Este ano queria berrarlle á vida, que él sabia que se ía pola avanzada edade, á sua nación, á sua patria querida da que vivía namorado. Foise noso querido Elixio coa estrela na fronte. Sempre en Galiza e no corazón dos galegos.

Ana Miranda


4 comentários:

Silvio Falcón disse...

Dende Barcelona tamén recordamos a Elixio Rguez. Aquí tamén temos motivos pra, nun futuro non moi lonxano, organizarlle unha homenaxe en toda regla.

Unha aperta

Anónimo disse...

Hoxe, En Folgoso de Allariz, celébrase o día da Patria Galega en homenaxe a Elixio.
Júlio Medela.

Anónimo disse...

Analicemos la siguiente frase: "Era un nacionalista leal, que non gostaba das fronteiras". ¿Era leal porque pese a no gustarle las fronteras seguía siendo nacionalista o qué? Francamente, no la entiendo. Saludos fronterizos a los arraianos de bien y demás borrachos y visionarios (de visión doble).

Anónimo disse...

eis unha persoa que fai da crítica un deporte: non entendes a frase? se cadra, porque non a remataches de ler: "Era un nacionalista leal, que non gostaba das fronteiras e pensaba que a emigración galega non tiña o lugar que lle correspondia, considérabase só un transterrado, co corpo alá e o sentimento aquí". Non semella moi dificil, pero tamén podías buscar un diccionario.