Dicímoslle adeus cunha fonda dor ao noso admirado e benquerido amigo Elixio Rodríguez Domínguez, quen hoxe vai ser soterrado en México. Dámoslle dende eiquí unha forte aperta tamén a Gloria, dona e apoio incondicional deste grande home de honor, e tamén aos seus fillos e descendentes.
Nos últimos anos Elixio pasaba a metade do ano en México, e a outra metade no Val do Limia, onde están as súas raizames. A estas alturas do ano xa deberan estar na súa terra, pero o mal estado de saúde do Elixio durante os últimos meses obrigounos a cancelar a súa travesía anual e sempre puntual, coma unha ave migratoria, sobre o Atlántico.
As fiestras pechadas da súa casa de Bande, despois de pasadas as festas do Viso de Lobeira, eran un mal agoiro que hoxe nos confirmou por teléfono a súa neta Isa dende Madrid.
Nacido en 1910, Elixio era unha desas persoas tan apaixoadas e vitalistas que semellaban ser inmortais. E en certa medida si que o é, porque o noso Aviador Dro Arraiano, quen co seu testemuño e conversa nos fillo ollar as cousas da nosa historia recente doutro xeito, vai seguir sobrevoando eternamente cun Breguet XIX as chairas do Laboreiro e os curutos do Xurés, sempre co seu pito de tabaco rubio aceso entre os beizos. Precisamente co mesmo avión un día que lles chourizou aos franquistas nunha base aérea andaluza para fugarse cruzando o estreito de Xibraltar e pasarse á aviación republicana.
1 comentário:
Longa vida a don Elixio. E longa vida á miña avóa Gerónima que era do seu tempo, do seu mesmo Bande, unha arraiana que coma el rematou -fai un mes- a súa viaxe nesta beira do Atlántico pero co corazón ala, nas Laxiñas onde nacera e onde pariu catro fillos antes de que a diáspora se fixera carne e oso. Longa vida aos mellores arraianos que marchan deixándonos sempre un pouco máis sos...
Enviar um comentário