segunda-feira, maio 28, 2007

Divagación ferriniana sobre a Terra de Turonio


É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Acaba de publicar Xaime Garrido Rodríguez coa colaboración de Natalia Zunzunegui Pérez en Revista de Estudos Miñoranos un artigo sobre dous antigos castelos da Terra de Turonio: o de Morgadáns e o de Santa Helena. Observamos que a mención da Terra de Turonio é cada vez máis frecuente, naturalmente con referencia ao pasado histórico medieval. Turonio era chamado o país e demarcación que limita ao S. polo Río Miño, ao N. pola Ría de Vigo, ao L. por unha porción imprecisa de montañas que poden ser as da Paradanta, a Fontefría e Avión e, naturalmente, ao W. con Nova Inglaterra Océano por medio. Trátase dun espacio xeográfico e cultural dotado de coherencia. Non é un territorio artificial senón unha rexión determinada pola natureza e arriquecida polo traballo do home que constituiu en Turonio unha cultura e identidade que chega aos nosos días. Por un cúmulo de coincidencias nas que o determinismo natural se combina co azar e coa necesidade, na Terra de Turonio naceu e deselvolveuse Vigo. O que Castelao, Paz Andrade, Bóveda e a perspicacia do Partido Galeguista republicano chamaban o hinterland de Vigo e que hoxe é moda dicir "área metropolitana", coincide exactamente con aquilo que no pasado feudal floreceu como Terra de Turonio.A conciencia política e social de Vigo deberá, se quer dar no albo ou sexa na diana, pensar a cidade como centro dunha Terra de Turonio ben pensada, en termos de século XXI, polos xeógrafos, os historiadores, os sociólogos, os antropólogos sociais, os economistas, os administrativistas, naturalmente atentos ás vontades do pobo (eu nunca direi xente) e das comunidades que vivan e penan neste territorio do Sul de Galicia. Pensar Turonio é pensar Vigo e facer isto é pensar Galicia pois en Vigo, desde que Murguía e Alexandre Chao fundaron La Oliva, constituise un dos centros de Galicia, nación que moitos desexamos policéntrica e articulada, aínda que non magmática e frouxa como está hoxe por falta de política propia. Pensar os límites de Turonio é tarefa prioritaria. Extenderse ao Morrazo sería ir literalmente contra-natura.Os intereses e plans inmobiliarios e do diñeiro rápido e non sometido á lóxica industrial que en Vigo é tradición, queren colonizar o Morrazo e, os especuladores, digo, esíxen que lles paguemos unha segunda ponte innecesaria sobre a Ría de Vigo. Pola contra, a expansión natural de Vigo e de Turonio é cara o Sul. Tantas pontes sobre o Río Miño como hai en París sobre o Sena -así rezaba unha proposta histórica de Camilo Nogueira. Porque a Turonio, capital Vigo, médralle desde sempre un tentáculo que repta en dirección Leixôes e o Porto do mesmo modo que desde o hinteland do Porto sobe en dirección a Vigo un tentáculo comercial e industrial chamado pola Historia a conectar co primeiro. É onde nos encontramos coa euro-rexión Galicia N. de Portugal que as cidades e áreas urbanas de Porto e de Vigo teñen a misión de xestionar baixo o nome de Nova Gallaecia, porque isto e aquilo, ao Sul e ao Norte do Miño e do Xurés, foi Gallecia do mesmo modo que a Terra entre Miño a Vigo foi Turonio. Crear unha nova provincia española en Vigo é unha das propostas máis reaccionarias e absurdas que se teñen ouvido ultimamente na Terra de Turonio, onde eu escribo agora.

1 comentário:

Anónimo disse...

Que os futuros gobernantes de Vigo tomen nota e se deixen de caralladas...