O desexo burgués contemporáneo de facer renacer o esclavismo aflora á luz: non recoñecen os compromisos adquiridos X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Parece que en Vigo arderon algúns caixóns de lixo propiedade das señoras de Koplovitz que tanto diñeiro levan de nosoutros, e moitas persoas de orde se incomodaron. Eu, que prefiro a xustiza á desorde, vexo que iso é un chiste en comparanza cos dous mil coches que levan ardido en Francia desde que Sarkozy lle gañou as eleccións ás esquerdas agrupadas, como manda a letra da Internacional, arredor de Ségolène Royal. As voces das xentes de orde, que soen amparar a desorde se esta se produce en Ucraíña ou en Tiflis ou en Belgrado ou en Venezuela mesmo en forma de golpe de Estado, escandalízanse de que se lle prenda lume a uns containers ou, máis exactamente, ao lixo que levan dentro uns containers. Como dicía Ortega y Gasset ao explicar a súa doutrina do perspectivismo: Unha mesma vaca da cow parade é vista desde o flanco esquerdo e desde o flanco dereito por dous espectadores diferentes. Cada un deles ve unha vaca distinta pro, sen embargo, a vaca é a mesma. Coido que Ortega, que escribiu o seu primeiro artigo moi perto de onde eu escribo este, ou sexa na parte da finca de Dona María Gasset que hoxe é Avenida das Camelias, non usou como exemplo a vaca que trouxen agora eu aquí porque as vacas reais están a retirarse do outrora País do Millón de Vacas.Os que censuran as desordes postelectorais das grandes cidades de Francia din que os seus promotores son individuos asociais que non respectan o Estado de Dereito co cal falou moito ben aquí José Manuel Ponte. Non son demócratas pois non acatan os resultados dunhas eleccións limpas e transparentes. Isto non é acéptabel en Democracia, di o home que mira prá vaca desde determinado ángulo.Hai pouco tempo asinouse un convenio colectivo entre as pequenas e medias empresas do ramo do Metal da Provincia de Pontevedra e os traballadores. A patronal asinou cos sindicatos unha serie de medias a cumprir entre as que se encontra esta: 45% por cento dos traballadores destas empresas terán que ser fixos. Moitas empresas non cumpren nin este nin outros puntos do convenio. Queren botar éste abaixo e practican o boicot patronal. A Inspección de Traballo nin inspecciona nin abre expedientes de incumpremento. A Xunta de Galicia volatilízase. Os grandes asteleiros, que están obrigados a revisar se se encontran na legalidade as empresas auxiliares desde o intre en que lles entran polo portón, tamén miran para o infinito. A patronal colócase entón obxectivamente, contra o Estado de Dereito. O desexo burgués contemporáneo de facer renacer o esclavismo aflora á luz: non recoñecen os compromisos adquiridos. Colócanse fóra da lei.É aí onde os traballadores esixen xustiza, e esta lles é negada. Queren facer prevalecer o Dereito. Obxectivamente, os traballadores do Metal, ao se defenderen a eles mesmos, estarían defendendo o orde e o Estado de Dereito. É entón cando ocupan as rúas e queiman algúns, poucos, moi baratos e antiestéticos caixotes de propiedade das señoras de Koplovitz. E é o momento no que o home que mira para a vaca desde o lado contrario do anterior, constata que é moito maior o dano social e público que está a causar a patronal do Metal que o lume pegado ao lixo dos caixotes de plástico. Este segundo home (ou muller) ve a mesma vaca ca a anterior pero, orteguianamente percibe unha vaca diferente.
Sem comentários:
Enviar um comentário