"O seu fillo desexa que o legado histórico de Líster sexa custodiado en Galicia"
Anda a asociación A Oliveira de Teo no labor de facer memoria do xeneral Líster, quen sempre tivo empeño en ser identificado como galego. Hemingway menciona a Líster como galego nun paso da súa novela Por quen tocan a defunto que eu penso que aínda circula censurado na versión que corre en castelán. Alí Hemingway fai que o voluntario norteamericano e o xefe da guerrilla escoiten, achantados, falar en galego a dous soldadiños do exército de Franco. Os soldadiños falan o galego. O guerrilleiro comenta que os galegos poden ser desprezabeis coma Franco ou valentes e xenerosos coma Líster: algo dese tipo.Nun intre avanzado da súa vida, Líster separouse do PCE para refundalo co nome de PCOE. Desfechou a mediados dos anos setenta unha ofensiva ideolóxica en forma contra Carrillo e contra o eurocomunismo disolvente que se concretou en libros poderosos como Memorias de un luchador (1976). O poder dos seus argumentos caeu sobre os carrillistas de Galicia e contra a sucursal política coñecida como PCG, tamén. E Líster regresou a España en 1978 sen participar nos pactos da II Restauración Borbónica. O 30 de Maio, se a memoria histórica de meu non falla, o xeneral Líster presentouse na capital de Galicia.Unha multitude concentrada na Alameda de Compostela acolleu a Líster. Homes e mulleres, vellos e novos, xentes procedentes da comarca de Santiago e de toda Galicia estaban alí. Primeiro, nun silencio emocionado; deseguida, estoupando en víctores e aplausos. Eran xentes da aldea e das cidades, na súa mor parte traballadores. Naturalmente, alí non estaban os carrillistas en xeral nin moito menos os carrillistas que hoxe, sen un átimo de vergoña, teñen o atrevemento de se sumar aos actos organizados pola Oliveira de Teo. Líster abriu o seu discurso memorábel en galego e logo, cortesmente, pediu permiso para seguir en castelán. Ao meu carón, unha velliña de pano negro á cabeza botouse a chorar.Líster afincouse en Madrid pro a cada pouco viña a Galicia onde estaba Luis González Tosar, o Che, termando do PCOE e en contacto permanente con Aurora, a irmá militante do xeneral, seu sobriño Eduardo e outros activistas do seu círculo. Son memorabeis as intervencións de Líster na Universidade, na libraría de Fernando Pereira en Vigo, na CXTG, que lle había de conceder o primeiro Premio 10 de Marzo, na TVE-G de Cribeiro. Moitos lembramos a Líster na manifestación de Galicia Ceibe-OLN, cos independentistas. Vese moi oufano e contente nas fotografías, a carón de Foz e de Lois Soto, aquel 25 de Xullo do ano 1980, cando a policía cargou contra a marcha na que ían o Xeneral e seu fillo, tamén Enrique Líster, autor da mellor obra teórica que foi escrita en castelán a propósito do eurocomunismo. E nunca poderá esquencerse o feito de que Líster autorizase un día a coalición do PCOE e de Galicia Ceibe-OLN ás eleccións municipais de Vigo, coalición na que figuraba en posto de honra o antigo militante comunista e ex-guerrilleiro Paco Piñeiro, que foi un leal amigo noso. Máis tarde, e só cando Santiago Carrillo desapareceu, Enrique Líster disolveu o PCOE e reingresou no PCE. Non por iso deixou de manter contactos amistosos con Luis González Tosar nin con Galicia. O seu fillo desexa que o legado histórico de Líster sexa custodiado en Galicia. Sería boa cousa.
X.L. Méndez Ferín no Faro de Vigo do 7 de maio de 2007
Sem comentários:
Enviar um comentário