quarta-feira, maio 02, 2007

Arraianos pola ordenación do territorio


MANIFESTO 6 DE MAIO 2007

A situación do territorio galego é catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ata o de agora, unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.

Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que conduce á catástrofe no que ao medio ambiente se refire. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos temos que acelerar ese final.

Pensamos que a actual Xunta de Galicia e que os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.

Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!

A mobilización do 6 de maio na Alameda de Compostela, ás 12 da mañá ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.

1 comentário:

Anónimo disse...

Un bo lema para a manifestación...

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALICIA NON SE VENDE!!