quinta-feira, maio 24, 2007

Arraiano de Ultratumba


Amados arraianos do mundo cibernético:
Xa non estou entre vós e quería despedirme conforme é debido, porque un é algo zulú, pero ante todo un cabalerio.
Dende que lle metín o dente ás Memoria de Ultratumba, ese monumento panteísta de Chateubriand, en catro volumes, que me regalou o Doutor Boullosa McGowan na súa última visita a Prisciliano, téñovos abandonadodos e funme deste mundo. Pero a verdade é que non teño moita saudade de case ninguén. Cando remate esta farturenta lectura, que me fai roubarlle horas á noite, ao traballo, á patética campaña eleitoral e ao estudo, dende hai xa non sei cantos días, vou ser un ghicho novo.

Se me queredes ver, insultar ou dicir algo agarimoso, podedes contactarme na webcan arraiana do máis aló, marco 23 da Raia Seca. Estarei rañando os collóns no Couto do Corno Dourado para todos vós e cazando pegureiros, garraos e vacas cachenas co meu espeto mortal de pedra e dente de xabarín.
Tamén vou facer unha mámoa contemporánea ao pé do Penagache, para a posteridade, se a hai. Vaime axudar neste choio o vello bretón Chateubriand, resucitado e máis arraiano ca nunca, e tamén o seu sobriño Alexis de Tocqueville. Aínda que xa se sabe. Estes franceses, moito escribir, moito falar e pouco traballar. Paga a pena. Se morro non me veñades chorar. Podedes ficar tranquilos porque a obra continúa. O consello de vellos sabios arraianos segue a sementar frondosas publicacións e cadufilolios papiros de liberdade no lombo das salamandras que suben dos Mociños polo Laboreiro arriba, esturruxadas contra a terra quente do Principio do Mundo.
Teño que deixar os medicamentos e morrer tranquilo no monte, pero non sen antes soterrar a algún alcalde.

2 comentários:

Anónimo disse...

Non si... algo ZULÚ xa comentaba eu que eras nalgunha que outra cea clandestina...
Saudiña!

ARRAIANO disse...

Turonio, non digo nada porque estamos en xornada de reflexión, pero agarda, que aínda haberá máis ceas clandestinas e incluso algunhas oficiais, con chuchis e todo...