segunda-feira, maio 08, 2006
Telepatía arraiana extremeña
Estivemos esta fin de semana cos outros arraianos nun festón que organizaron na zona da Serra de Gata, no noroeste de Cáceres. Ía escribir algo sobre a sorpresa que me causou escoitar un galego ben xeitoso polas rúas de Valverde do Fresno, Ellas e San Martín de Trevello, pero a resaca perudara. Seica temos algo de telepatía arraiana, porque Ferrín xa fixo o traballo por nós.
Para Ibarra non falan galego. Falan fala: sic X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Tímida proposta do neo-rexionalismo (BNG). Saltou Ibarra coma unha serpe: en Extremadura ninguén usa para nada o idioma galego. En plan carasol, como dicía Celso. Sotén Ibarra: a penas hai na Extremadura (española) uns tristes municipios chamados Eljas, Valverde del Fresno e Trevejo nos que as xentes persisten en comunicarse dun xeito para nada castelán. Di o temíbel Ibarra que os veciños de tais concellos (na lingua propia As Ellas, Valverde do Fresno e Trevello (con us e is finais moi lindas), va que é bonito) usan un dialecto derivado do antigo tronco galegoportugués que el chama fala. Grande verdade, abofé! Para Ibarra non falan galego. Falan fala: sic.Acabo de chegar de Vincios, no Val Miñor, onde bebín un chanqueiro na compaña do Piringallo, tratante de bestas e amigo meu. Todas as persoas que estabamos na taberna de Vincios (novos/as, vellos/as) faciámolo nunha fala procedente do tronco común galego-portugués. Ou sexa que se nas Ellas, Valverde e Trevello, se usa unha fala procedente do tronco común galegoportugués, en Vincios, Gondomar, Val Miñor, os naturais tamén usan unha fala procedente do tronco común galegoportugués. Polo cal debemos concluir que nos Tres Lugares de Cáceres o pobo se expresa da mesma maneira que o fai o pobo de Vincios. É mais, dúas horas máis tarde estaba eu en Vilanova dos Infantes e comprobei in situ que todos os habitantes daquela histórica poboación insistían en lle dar a razón a Ibarra ao usaren unha fala procedente do antigo tronco galegoportugués.Ibarra está furioso porque hai quenlle anda a chamar galego á lingua das xentes dos Tres Lugares da "súa" provincia de Cáceres sitos no val do Xálima e contra a Serra de Gata. Non pensaba o mesmo ca el Isabel López Laxas, autora literaria que sostiña a unidade do seu valverdeiro natal e do distante galego. Tamén supomos que Ibarra lle chamara fala procedente do antigo tronco galegoportugués á lingua portuguesa inequívoca da vila de Olivença, poboación extremeña que Godoy lle conquistou a Portugal na Guerra das Laranxas; mesmo onte.Sigamos as poderosas argumentacións do presidente Ibarra. Todo o mundo sabe que o castelán aleonesado fixo desaparecer a lingua árabe que se falaba no reino antigo de, como dicía Afonso o Sabio, Badallouce. Consecuéntemente, Ibarra e a maioría dos extremeños expresáronse, non en español, senón nunha habla procedente do antigo tronco castellano ou castelán. Se nas Ellas, Valverde e Trevello non hai galego senón fala, no resto de Extremadura, excepto Olivença, non haberá español senón habla. Ibarra non fala castelán senón unha habla que, por parte, tamén ten os seus clásicos: El miajón de los castúos e algunhas poesías de Gabriel y Galán. Ven a qué idioteces nos pode levar a visceralidade españolista de Ibarra ao negar que a lingua dos Tres Ligares sexa, mesmo milagrosamente, galega?A lingua das figueiras chombas falada en Valverde do Fresno, as Ellas e S. Martín de Trevello é galego con algúns elementos leoneses da mesma maneira que a lingua falada no resto de Extremadura, excepto Olivença e outros enclaves, é español tamén con elementos (máis que no caso dos pobos de lingua galega) leoneses. O resto é odio á minoría e odio e desprezo ancestral por todo o galego. Infórmanme de que Alvarez Areces e Rodríguez Ibarra están a preparar contra o galego incómodo e presente nos seus feudos un eixo de defensa das identidades asturiana e extremeña. Chamaránlle Fala Ceibe, segundo me contan.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Que viva a Rep√∫blica dos Arraianos e a xente que traballa por ela.
Saúde, compañeiros
Enviar um comentário