Hai cousas na vida que realmente pagan a pena. Como propiciar conexións cósmicas e mesmo encontros entre arraianos. Nesta imaxe de Aser Álvarez, sobre un fondo posmoderno sen igual, vemos a dous dos máis grandes mestres da literatura galaicoportuguesa. Son Luandino Vieira e Xosé Luís Méndez Ferrín, que se coñeceron persoalmente o outro día en Lobios, no marco da entrega dos Premios Arraianos 2014, que nesta edición foron para Lois Soto (Arraiano Universal) e para o colectivo Porta Treze (Arraiano Maior), do que o Luandino é promotor e argallante maior, canda María Alonso Seisdedos.
Encontros na Raia Seca I (entre Arraianos Maiores). "Un enorme pracer coñecer ao máis grande escritor africano de todos os tempos, mais eu pensei que eras preto, carallo", espetoulle o Ferrín. "Cala que pela túa culpa teve que estudar a literatura galega enteira", respostoulle o Luandino. Así foi como comezou a conversa entre estes dous grandes autores, que dende hai anos se len mutuamente e se admiran dende a distancia que a fronteira agranda. Mais desfronteirizando enténdese a xente. Porque todo o interesante acontece sempre na raia.
Sem comentários:
Enviar um comentário