Coa chegada do soslticio de verán chega tamén o primeiro festival galego de cinema rural, o I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que se vai celebrar os vindeiros días 20, 21 e de xuño en Cartelle, localidade natal do gran cineasta galego Carlos Velo no Centro Multiusos de Arraianos en Celanova. Nos vindeiros días daremos conta do programa completo de actividades.
Case 200 traballos, cunha calidade media extraordinara e chegados de todo o mundo, aspiran a ser un dos dez finalistas nas categorías de documental e ficción. No marco deste festival tamén imos presentar o primeiro número do Xornal Agrario Galego, unha publicación de referencia sobre o mundo do agro e do comunitarismo de Galicia.
Alí onde estea, Carlos Velo anda a argallar cos deuses celtas para que todo flúa coa forza irreductible dos ciclos naturais. O festival que leva o seu nome, para reivindicar a súa figura e o seu xeito de ser e de estar no mundo, vai celebrar a súa primeira edición, superando as nosas espectativas máis optimistas, grazas á colaboración e confluencia de vontades de numerosas persoas, institucións e empresas. A teimosía de Velo por facer de Galicia un referente internacional no mundo audiovisual está a dar os seus froitos tendo como epicentro o seu Cartelle natal e as actividades que imos desenvolver, ao longo de todo o ano, no Cineclube Carlos Velo. Marcade na axenda as datas, do 20 ao 22 de xuño, e reservade o solsticio de verán para viaxar con nós ao principio do mundo a través do mellor cinema rural nacional e internacional.
Sem comentários:
Enviar um comentário