Veleiquí unha pequena mostra nesta promo do I FICCVelo realizada por Bruno Nieto. A natureza, a despoboación, os modelos de xestión do común ou o mantemento da memoria. O amor, a morte e os vencellos coa familila e cos amigos. Os traballos finalistas do I Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo recollen unha boa mostra das temáticas, especialmente vencelladas ao presente, ao pasado e sobre todo, ao futuro do mundo rural, facendo seu o espírito co que nace o primeiro festival de cinema rural de Galicia. Os directores do FICCVelo, Inés Vázquez e Aser Álvarez, os membros do xurado e do comité de selección deron a coñecer os cinco finalistas en cada categoría a concurso, que se resolverá durante a celebración do festival, do 20 ao 22 de xuño en Cartelle e no Multiusos de Arraianos na Chaira de Amoroce (Celanova).
No caso do documental, os finalistas son: Hijos de la Tierra, de Patxi Ruiz; Trazos en la Cumbre, de Alejandro Victorero; Espés, de Tànit Fernández Ciria e Isaac Rodríguez; La selva invisible Albert Pérez e Concejo Abierto, de Carmen Comadrán. “Trátase de traballos de gran calidade centrados en comunidades no rural como Espés, no que se narra a situación dun pobo do pirineo aragonés na voz dos seus útlimos catro habitantes, ou Selva Invisible, centrada nas comunidades indíxenas da marxe do río Ampiyacu, na amazonía peruana. En grave perigo de desaparición tamén. Son realidades transversais que encaixan perfectamente co espírito e cos intereses do noso festival”, explica o seu director, Aser Álvarez. Unhas curtas que veñen abaladas, ademais, polos recoñecementos en prestixiosos festivais como o Premio 'Perpetuum Libertas' Cinema Perpetumm Mobile, Bielorrusia (2014) no caso de Concejo Abierto; o de Mellor Guión e Mellor Dirección do Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña de Espés ou o premio a Mellor Curtametraxe no Festival de Cine ELCO, acadado por Trazos en la Cumbre.
Deste primeiro peneirado tamén saíron os cinco finalistas en la categoría de ficción, traballos de temáticas tamén moi diversas pero vencelladas a evolución persoal e as relacións humanas: Epitafios, de María Ballesteros, que conta coa participación do televisivo Arturo Valls; Porsiemprejamon, Ruth Díaz; Mi ojo derecho, de Josecho de Linares, que acadou, entre outros o premio ao Mellor director no Festival de cine "¡qué bello es vivir!" e o segundo premio a Mellor Curta no Festival Internacional de Cine Rengo (Chile); “Al otro lado”, a cargo de Alicia Albares y Trío de Ases, de Virginia Valderve y Javier Gallego.
Os organizadores agradeceron a todos os autores que enviaron os seus traballos para optar a unha praza como finalistas nesta primeira edición do FICCVelo. “Sentímonos moi soprendidos pola calidade e pola cantidade dos traballos recibidos e tamén vemos que os realizadores que apostan por este formato de curtametraxe coinciden con nós necesidade de crear un circuito estable de visionado deste tipo de traballos”, aseguran Inés Vázquez e Aser Álvarez, "e por iso creamos a Cineclube Carlos Velo, co que lle imos dar continuidade ás nosas actividades ao longo de todo o ano".
Sem comentários:
Enviar um comentário