terça-feira, fevereiro 26, 2013

100% CEF en Lalín este venres, ás 20:30, no Museo Ramón María Aller



Reproducimos eiquí a nota de prensa do concello de Lalín. Porco power e poesía!!

O Concello de Lalín continúa coa programación en torno ao poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro coa proxección este venres, 1 de marzo, ás 20.30 horas, no Museo Municipal “Ramón Mª Aller” do documental “100% CEF”, con guión e dirección de Aser Álvarez e co actor Luís Tosar no papel de Celso Emilio.

O documental vén sendo unha biografía do escritor, xornalista e polifacético celanovés, que foi estreado na TVG a finais do pasado ano. Está nominado aos Premios Mestre Mateo 2013 da Academia Galega do Audiovisual como mellor traballo documental, que foi presentado pola canle autonómica de televisión ao Premio Iris da Academia das Ciencias e das Artes da Televisión de España.

Esta longametraxe documental é o froito da edición e da montaxe de case cen horas de gravación con entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo e pouco académico de Celso Emilio Ferreiro, despois dun centenario do seu nacemento.

O dito traballo audiovisual foi gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense. Ao longo dunha hora de duración, Celso Emilio Ferreiro é reconstruído a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos, amigos e tamén grazas á participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len e rapean e cantan os seus poemas, demostrando que Celso Emilio Ferreiro é un dos poetas máis populares de Galicia.

Esta montaxe é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta de Celanova, que levou ao equipo dirixido por Aser Álvarez a pescudar en arquivos de Asturias, Celanova, Madrid, Vigo, Pontevedra e Venezuela.

O retrato poliédrico e moi ferreiriano de Celso Emilio faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís; os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás; o seu amigo e paisano e ata onte presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas; Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira e Daniel Salgado, entre outros.

Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana e Xosé Lastra, Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do tempo, dos Sputniks e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred.

O documental conta ademais coa colaboración de artistas como Baldo Ramos, que elabora un libro de artistas que funciona como fío condutor do documental, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras que en palabras do director, Aser Álvarez, “...tamén nos axudan, dende diferentes disciplinas artísticas a facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro, cen anos despois do seu nacemento, convencidos de que o seu lume e o das súas ideas segue a alampear, porque ese lume que alampea é precisamente a radical vixencia e contemporaneidade da súa poesía e do seu discurso”.

Celso Emilio Ferreiro foi pregoeiro da segunda edición da Feira do Cocido, ademais de ser coetáneo e amigo doutro lalinense ilustre, Laxeiro.

Sem comentários: