sábado, agosto 28, 2010

Arraianos VIII



Xa está nas librarías o novo número da revista. 200 páxinas onde máis de sesenta autores, fotógrafos e ilustradores reflexionan sobre as fronteiras. Inclúe fotos inéditas do desaparecido artista extremeño Antonio Covarsí.
A revista Arraianos, dirixida por Aser Álvarez e coordinada por Suso Díaz, e promovida pola Asociación Arraianos, saca á luz un novo monográfico, o seu número VIII, titulado “Vivir na raia”. Participan nel máis de sesenta colaboradores entre escritores, fotógrafos e ilustradores. Nesta nova achega rescátase, así mesmo, parte da obra inédita do artista extremeño Antonio Covarsí (Badajoz, 1951-2006): as imaxes sobre a raia galaico-portuguesa, que van ilustrando os contidos deste número.
Entre os colaboradores do número VIII de Arraianos figuran: Xosé Luís Méndez Ferrín, Santiago Lamas, Fermín Bouza, Álvaro Negro, Juan J. Moralejo, Baldo Ramos, Xavier Cordal, Franck Meyer, Mercedes Queixas, Miguel Dantas da Gama, Xulio Ríos, Samuel Solleiro, Alberto Lema, Nuria Araúxo ou Xerardo Pereiro.
Neste número falamos de barreiras, bordes, límites e fronteiras, pero tamén cruzamos pasos, pontes e poldrados. Percorremos a nosa raia e viaxamos até outras raias lonxanas deste mundo supostamente sen fronteiras.
Furamos polos subeiros dos lobos e dos contrabandistas que operan nas alfándegas difusas entre a vida e a morte, entre nós e os outros, entre a luz e a escuridade, entre o civilizado e o salvaxe. Imos na procura dese taoísmo que nos fai lembrar unha vez máis que é precisamente no límite onde sempre acontece todo o interesante. Porque para nós as fronteiras políticas nunca foron nin serán liñas divisorias trazadas sobre os mapas, senón raias, espazos porosos e permeables, onde non teñen cabida as barreiras artificiais que cada día ignoran as águias, os garraos e os lobos arraianos.
As fronteiras están na terra e nos mapas, pero máis aínda na mente de quen as constrúe e asume como propias. Moito se ten falado de cooperación transfronteiriza nos útimos anos pero vemos que entre Portugal e Galicia segue a haber aínda unha e mil raias, vellas feridas que aínda proen e que os sucesivos gobernos non souberon ou non puideron suturar coa agulla certeira do traballo en común.

2 comentários:

faustino lobato disse...

Eu sou ainda um arraino..viver na cidade de Badajoz é ter uma condição arraina preferente. Gosto desta ideia. Parabéns

Suso Díaz disse...

Certamente amigo Tino, quen máis arraiano que os pacenses, ou portugueses como din os estremeños, jajaja.
Ademais este número é particpado por un importante número de estremeños.