O vindeiro domingo, 29 de agosto de 2010, o cemiterio de San Breixo de Celanova vai acoller unha homenaxe colectiva ao poeta Celso Emilio Ferreiro, organizado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as Redes Escarlata.
O acto principiará ás 11 da mañá, coa presentación da nova entrega da Revista Arraianos, o número especial ARRAIANOS VIII-VIVIR NA RAIA, co que a nosa publicación pecha un ciclo que empezaba hai seis anos, tal día coma hoxe, neste mesmo espazo simbólico, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
A continuación haberá un recital poético e musical onde van intervir destacados poetas das Redes Escarlata, como Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García, de Dios Ke Te Crew ou Leo e Arremecághona, dos Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. Pechará este acto o gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero cos seus sons telúricos e arraianos.
Os poetas das Redes Escarlata pecharán estes actos de homenaxe cunha acción performance que se desenvolverá a continuación, chamada Acción Ferreiro, percorrendo algunhas rúas e prazas da vila natal de Celso Emilio Ferreiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário