Irmáns arraianos, por segundo ano e esta vez en Castro Laboreiro, onde comeza o mundo, onde o vento non para de esculpir o seu tempo na pedra con tódalas formas imaxinables, nun lugar que en si é un auténtico monumento, onde as fronteiras son a imaxinación e os prexuízos de cada quen, onde os primeiros poboadores se agarraban á eternidade en túmulos funerarios que simulaban estrelas nas noites estreladas deste ceo sempre agradecido cando un o olla agarimoso dende eiquí, e que acertadamente describe Manolo Rivas nun poema onde di: “Altares aleixoados / que apreixan os ceos.
Nesta nova cita para recoñecer como Arraiano Maior da Raia Seca ao Padre Fontes por parte da Asociación Arraianos, que mellor lugar que Castro Laboreiro, onde os lobos son súbditos dos cans e os homes transmiten a súa rica mitoloxía que asolaga esta terra sempre ceibe.
O Padre António Fontes é un arraiano por nacimento e convicción, un persoeiro feito e acrecentado na singularidade que vivimos os que habitamos estas terras, e como bo entendedor deste mundo telúrico e real, agranda a súa figura cando afirma que “o Porto sem mim cresce e a minha terra, sem mim, míngua”, e con esa claridade que da o coñecemento do lugar que habitas e da xente coa que convives, este home ergue o espírito e cultiva a alma dos seus feligreses, de parroquia en parroquia a cabalo ou en motorizada, pero coa idea firme de facer a súa labor sempre nestas serras mudando de local, pero não mudando de gente” como afirma. Pero seguro que será lembrado para sempre como o precursor dos Congresos de Medicina Popular en Vilar de Perdizes.
Aínda que os arraianos estamos convencidos de que o Padre Fontes é tal vez a reencarnación, evolución, transposición ou complemento de outros padres que habitaron estas terras noutra hora como aconteceu co célebre e mal logrado Gonçalo Coelho que tan enorme pegada deixou en Pitões das Júnias e A Cela, onde foi durante moito tempo venerado por galegos e portugueses como San Gonçalo de Pitões. Ou tal vez ten a mesma necesidade de xunguirse ao granito serrano como aconteceu con frei Lorenzo de Vera que se auto proclamou “abade bendito” por bendición papal do mosteiro de Santa María das Júnias, vivindo coma un señor feudal nas súas terras defendidas por bandidos e criminais. Pero seguro que el se sente identificado co ilustre padre Anibal, que amaba o Castro Laboreiro e así o deixou escrito nestes versos: “Quero adormecer no berço / onde sorri em criança / só então terei sossego / como na distante infância.
En lugares coma este, no que somos conscientes da nosa ridiculez, do pequenos que somos e o pouco que duramos, é cando máis claramente podemos reflexionar sobre a capacidade de construír e destruír que posúe o ser humano, pero que ao fin todo pasa, que somos tan efémeros coma un laio, e quedaremos na memoria dos nosos, mesmo dalgunha xente, e algúns na memoria dun pobo.
Dicía un Arraiano que ben puido ser un Arraino Maior e que nos deixou antes de tempo (o estremeño Ángel Campos Pámpano), que escribiu estes fermosos versos: “mientras pueda pensarte / no habrá olvido”. Agrandemos esa memoria, e fagamos bibliotecas deste sentir único, afondemos a pegada nos penedos que nos arrodean e queden aí para sempre.
Pero nós reconfortámonos coa natureza como escribiu un dos primeiros arraianos “Os altos promontorios o choraram / e dos rios as águas saudosas” deixou dito Camoens. E acrecentamos o espírito, e o desacougo nos silencios que describe Baldo Ramos nestes versos: “e detrás de cada silencio / haberá sempre alguén que espera”. E nesa teima por descubrir o que se nos esconde a esencia da inmensidade que nos arrodea, “Há-de haber uma cor por descobrir, / um juntar de palavras escondido, / há-de haber uma chave para abrir / a porta deste muro desmedido” dixo Saramago.
E non deixamos de identificarnos cando detemos o tempo na memoria que se escribía con verbas nas lareiras da nosa infancia, e reafirmámonos no que somos cando transmitimos esa pegada aos nosos, eses novos arraianos que veñen para facer país nun novo mundo, e con novas fronteiras tan invisibles como palpables.
Rematamos este manifesto berrando dende esta altura a quen o queira escoitar, berrando a rabia que produce un tempo de gobernantes minúsculos, de seres ananos coma os descritos por Celso Emilio Ferreiro que non deixan de medrar e multiplicarse coma os vermes, nun tempo de retroceso e procuras de identidades falsas, nun vieiro que non conduce a ningures e que nos afoga a gorxa e creba o espiñazo, férennos co que máis nos doe, con asfixiar a nosa lingua, e por iso digo en voz alta “Na casa dos meus avós arrecendente / a sí propia, singular no mundo; / nos cabalos da serra e nos mineiros / de Lousame aquil vinte de Santiago, / reclamo a libertade pró meu pobo”, facendo nosos os versos do Arraiano Maior Xosé Luís Méndez Ferrín.
Suso Díaz
Sem comentários:
Enviar um comentário