SEÑOR XUIZ: en primeiro lugar, presentémonos. Somos un grupo de profesores do instituto de Celanova que, ante a posibilidade de perder a liberdade condicional e vixiada da que agora disfrutamos, queremos contar unha historia edificante: a dun probo cidadán calquera que, cunhas simples chamadiñas de teléfono, consegue movilizar á nosa anquilosada administración. Pero, antes, relatemos os
FEITOS:
Como case todo o mundo sabe, estamos no Entroido. Nada que engadir ao de sempre: festa, transgresión e conservadurismo (das tradicións, non do outro)
Como estamos no Entroido, o IES de Celanova colga dos seus elegantes balcóns dezaoitescos uns mecos. Ata, aquí, normal. Pero é que o IES de Celanova está ameazado de desaloxo para que o seu claustro sexa convertido nun superhotelazomonumentoquexaverás, e, vaia por deus, catro tolos non estamos de acordo.
E, daqueles polvos, estes lodos, coas seguintes CONSECUENCIAS:
Algúen, moi, pero que moi preocupado por ambos feitos, chama a os que considera Centros de Poder… ¡e consegue que lle fagan caso! ¡Para que logo digan que a Administración non é dilixente! ¡Suizos, alemáns e xaponeses, poñédevos a tremer que vos imos adiantar no ranking! Así que, en menos do que canta un galo, aparecen polo centro:
A Inspección Educativa, á que ese alguén fora capaz de mobilizar. Ai, “que delito cometí contra vosotros naciendo”… Colgar mecos, no Entroido. ARRE DEMOO…
A Policía Nacional, versión autonómica (¡Deus, isto sí que é serio!) veu para… ¿levar alguén preso? O que aínda non sabemos é a quen: aos profes que cosemos os mecos, ás pedras do mosteiro que os suxeitan ou o que sería moito máis barato aos propios mecos. ¡Que ben quedarían no Pereiro, un por cela, coas súas cabezas de plástico e os seus pelos de mocho de fregar!
Pero, ao que iamos: temos que felicitar ao honrado cidadán que se molestou en denunciar un feito tan terrible; temos que felicitar ás autoridades correspondentes pola súa rapidísima resposta e temos que felicitar aos propios mecos polo seu carácter de protagonistas indiscutibles dun titular de prensa. Tamén queremos animar a ese honrado denunciante a que continúe na súa loita como un superheroe calquera e denuncie todas as cousas terribles que, como esta, ocorren na nosa vila. ¡Fóra atentados contra o patrimonio! ¡Fóra a xente sen medo! ¡Fóra os que non opinan coma min! ¡Fóra os que pensan que vivimos en democracia!
Engadimos un poema de Manuel María moi acaído, pero, señor xuíz, teña en conta que, coma nas películas, calquera semellanza coa realidade é… pura coincidencia
BANDO
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baleiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os xoves e domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra da Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
pra que se cumpra
da orde do Alcalde.
Firmado e rubricado.
2 comentários:
vaia panorama
sería unha comedia... máis é un drama, patético, a inquisición de volta....
Saúde compañeiros e compañeiras do IES de Celanova, de un que estivo ahi tres anos tomando café....
O mosteiro e a cultura non se venden
Milucho
Enviar um comentário