quarta-feira, novembro 11, 2009

Polo uso público do Mosteiro de Celanova

O Mosteiro de Celanova e a vila de Celanova sempre se fundiron nunha mesma idea. Porque a vila de Celanova non sería hoxe vila nin o noso lugar de nacemento, de residencia, ou da nosa actividade, senón existira, coa súa impoñente presencia, o mosteiro de san Rosendo.
E isto é así porque Celanova nace ao pé e arredor do noso querido e admirado convento.
O mosteiro benedictino, que fundou san Rosendo fai mil anos, foi sempre non só un lugar de oración e de meditación para os monxes, senón tamén un lugar de estudo e de dedicación ao saber e a cultura durante innumerables séculos, e a súa biblioteca ateigada de milleiros de volumes era unha das máis afamadas de España. Pero tamén prestaba innumerables servizos ás comunidades veciñais, como foron a execución de obras de regadío, o aproveitamento eficaz das terras de cultivo, a atencións aos enfermos, e o despacho público da botica, situado na rúa do mesmo nome, onde se dispensaban remedios eficaces contra toda sorte de doenzas.
Non obstante podemos dicir que a vila de Celanova, a Celanova de hoxe, nace ou se vai conformando tal e como a coñecemos a partir da desamortización eclesiástica de Mendizábal no ano 1836, cando o Estado se fai cos bens e propiedades das ordes relixiosas e as pon a puxa pública para a súa venda.
Ese mesmo ano de 1836 comeza tamén a organización democrática do poder municipal en España, e por esa razón xorde na historia o concello de Celanova e a súa Corporación Municipal. E estes aparecen xusto no momento máis oportuno, nun momento transcendente: Para defender a utilidade pública do vello convento benedictino, arrepiados de que puidera poñerse en veda, caer en mans privadas, e imposibilitar o seu aproveitamento para os servizos públicos, tan necesarios que precisa a comunidade de veciños.
Así, o concello de Celanova, facéndose eco do sentir do pobo, desenvolve unha intensa e frenética actividade fronte ao Xefe Político en Ourense e fronte ao Administrador Xeral de Bens Expropiados, defendendo dende a súa mesma aparición que o mosteiro debe pasar a mans do pobo, representado polo concello, para acoller os servizos básicos que precisa a incipiente comunidade.
E grazas a aquela presión o Estado, primeiro por Real Orde do 8 de febreiro de 1840, e logo por Orde de 19 de outubro de 1842, retira o edificio da puxa e cede ao concello de Celanova á súa propiedade para O USO PÚBLICO, entre outras para:
CASA DO CONCELLO / ESCOLA DE PRIMARIA PARA HOMES E OUTRA PARA MULLERES / REDIDENCIA DO MESTRE E DA MESTRA / CÁTEDRA DE LATINIDADE / CUARTEL DA MILICIA NACIONAL e CARCEL DO PARTIDO.
Ademais o Concello, moi acertadamente, decide que o médico, notario, rexistrador, xuíz, etc., que veñan destinados á vila poidan vivir dentro do mosteiro ata que non atopen vivenda particular axeitada.
E así, deste xeito, o Mosteiro seguirá ao longo de máis de cento cincuenta anos cumprindo a súa misión administrativa, cultural, educativa e de servizos básicos á vila de Celanova:
En 1869 instálanse as Escolas Pías dos Padres Escolapios que gozan de recoñecida fama no ámbito educativo, en 1931 serán substituídos polos Padres Agustinos e máis tarde polos Salesianos, sempre con esa misión docente como prioritaria. Ata que en 1975 o concello cede ao Ministerio de Educación parte do edificio para crear o Instituto de Celanova, que por sorte para todos segue aí e ben vivo. A creación deste instituto foi unha das máis grandes alegrías que levou o pobo de Celanova ao longo da súa historia.
Esta é a verdadeira historia de Celanova. E ese foi o destino que sempre quixo dar a comunidade veciñal, e as anteriores corporacións municipais, a tan emblemático e marabilloso edificio.
Por todo iso, por respecto á xente que nos precedeu, aos nosos antepasados, a historia desta vila de Celanova, e a aquelas corporacións e políticos que nunca escatimaron esforzos e sacrificios na DEFENSA DO USO PÚBLICO DO MOSTEIRO, dende a mesma aparición dos rexímenes liberais e democráticos, non podo máis que lamentar que se pretenda deturpar e escamotearlle ao pobo, aos vellos, ás nenas e rapaces da nosa comarca, a posibilidade de estudar e gozar neste tan senlleiro edificio, porque o contrario sería ir en contra dos intereses que sempre defenderon os nosos devanceiros, en contra dos fins irrenunciables polos que o estado cedeu ao Concello de Celanova este mosteiro fai cento setenta anos.

Xosé Benito Reza
6/11/09

5 comentários:

un morto de fame disse...

Decia Machado que para o fascismo a cultura era un obxetivo militar,para a dereita en Celanova é un pretexto gastronómico e o encargado don despiece e o adobo é A.Piñeiro.Pasaron de nutrirse da tibia de San Rosendo e os restos oseos que almacenan na igrexa a devorar os poetas civiis.Agora o seu voracidade antropófaga dirixese hacia os intelectuais vivos.Os tempos son chegados,teñen que dar un puñetazo na mesa, a cultura non pode servir de coartada para que estes especuladores manexen bens do pobo pàra beneficiar intereses privados.Propoño para frenar este despropósito:Manifesto de intelectuais contra a privatizacion do monasteiro,boicot contra todo acto cultural argallado polo concello, devolución dos premios celanova casa dos poetas.NON COMULGAMOS

Anónimo disse...

Fermoso texto e moi acaído.

Anónimo disse...

Adiante semanario, Adiante Celanova

Anónimo disse...

A xente da cultura, os intelectuais e premiados co premio Celanova Casa dos Poetas deben dar exemplo ao resto da sociedade. Adiante co manifesto e a devolución simbólica dos premios. A pasividade é complicidade.

vella toupeira disse...

MAIS PRESION !!Quero facer unhas propostas A plataforma para encher de conteñido o Poleiro e atraer a xente para que o disfrute:colleita de fotos particulares 30+... de instituto e posterior exposición,XORNADAS NO POLEIRO(concertos,recitais poéticos,foro contra as privatizacions de espazos públicos).Lembro as festas e as actividades culturais do instituto no poleiro nas que participaba todo aquel que quixera de Celanova ou de fora e asi ten que seguir sendo.