sábado, novembro 07, 2009

Manselle, 6 de novembro de 2009

Amigos e amigas de Celanova:

Non podo estar hoxe aí convosco. E ben que me doe, porque aproveito calquera motivo para volver a un lugar, a un mundo, a unha xente que amo.
Fun profesor nese Instituto, no Instituto máis fermoso do mundo. Aqueles dous anos deixaron unha pegada que irá comigo a onde eu for, que vivirá comigo mentres eu tamén viva. Pero esas son cousas subxectivas que non veñen seguramente ó caso.
O que vos quero decer é que non estou pero estou convosco. Estou convosco a prol da defensa do uso público do Mosteiro. Estou convosco na defensa da dignidade histórica do pobo de Celanova. Estou convosco contra a especulación, contras os que queren privatizar o que é de todos, contra os que venden un fume de futuro sepultando a nosa historia. Estou convosco porque un Instituto é infinitamente máis importante ca un hotel. Estou convosco porque o Ensino Público está moi ben nun edificio público situado no corazón da vila e que é un ben cultural da nación galega. Estou convosco porque si, porque creo con vós nun horizonte para Celanova que non sexa a venda da súa dignidade.
Acabo de olla-lo Meteogalicia e vexo o que para hoxe predín os semáforos meteorolóxicos. O vento frouxo do oeste baixará fresco da Casa da Neve ó Espolón e de Castromao á praza de Vilanova traguendo eses intervalos moi nubosos con chuvascos. Pingarán entón chorando as tellas da banda das Triguerizas, refachos escorrentarán os pardais do Campo da Feira e o Furriolo, lonxe, andará con branca touca. Pero en Celanova sempre hai acubillo, sempre hai onde pousar. Onde estades? Pois iso: contra o frío do negocio, a chuvia da especulación e mailo vento da desmemoria témo-la Instrucción, a dignidade e a cultura. Témo-lo Mosteiro. Defendámolo!
Unha aperta para todos e todas.
Anxo Angueira

1 comentário:

Anónimo disse...

Acaso non somos nada ou somos simple trapallada??