Por XL Méndez Ferrín. O primeiro que aprende o inxenuo continental ao chegar a Oxford é a diferencia entre "católicos ingleses" (ou sexa anglicanos) e "católicos romanos" (os que obedecen ao Papa). Logo, ao recén chegado, se provén dun país de maioranza papista, chócalle moito a liturxia anglicana polo que ten de semellante a aquela á que está afeito desde a infancia. Sen entrarmos en disquisicións dogmáticas, o caso é que a Igrexa católica de Inglaterra (e todas as igrexas nacionais da súa constelación) é a cousa máis parecida que un poda imaxinarse á Igrexa Católica Apostólica Romana.Desde o século XIX, flúe una corrente de cregos e bispos anglicanos que se integran no catolicismo romano. O máis famoso foi o Cardeal Newman, de grande influencia no seu día. Na Grande Bretaña hai dous tipos de católicos romanos, moi diferentes entre si. O primeiro é o dos homes e mulleres de clase obreira que proceden de Irlanda e que soen ser seguidores do Celtic de Glasgow. O segundo, reducidísimo, intégrano os aristócratas e plutócratas (no R.U. esas cousas poden ir unidas) que, procedentes do anglicanismo, abrazaron eles ou os seus antepasados, o catolicismo romano. Os segundos poden parecer una elite soberbida e orgullosa da súa diferencia. Evelyn Waugh retratou moi ben este tipo curioso de parásitas sociais na novela Brideshead Rervisited. O propio Waugh, snob, era católico romano de novo troquel e apoiou, coma outros ingleses do xénero, a sublevación de Franco en xullo de 1936. Se a anglicana é a relixión da realeza e da clase alta, a relixión católica romana adoptada por anglicanos convértese nun signo de rara distinción.É certo que formal e aínda dogmaticamente os anglicanos parécense moito aos católicos romanos, pro non podemos ignorar os elementos protestantes que entran na composición da súa doctrina, disciplina e tradición. O máis notorio é o matrimonio, pois é ben sabido que os cregos poden casar e, aínda, as mulleres poden recibir o sacramento da orde, esquencendo estes anglicanos anovados que Deus escolleu encarnarse nun Xesús varón e non nunha femia humana e escolleu apóstolos masculinos. Ten importancia o feito de que o luteranismo levou os anglicanos a abolir as ordes relixiosas, así de frades coma de monxas. Finalmente, lembran vostedes os divertidísimos Canterbury Tales, de Chaucer, onde un conxunto de 29 peregrinos se poñen a contar estorias? Pois ben, o cisma anglicano, por influencia luterá, prohibiu terminantemente as peregrinaxes, por consideralas vá observancia, pouco acordes co espírito cristián e fonte de lucro ilícito para o clero.E ben, eu pregúntome se esta avalancha de cregos, bispos e pobo anglicano que está a punto de integrarse na denominación católica papista vai influir sobre o resto dos fieis desta até o punto de forzar o matrimonio dos cregos no rito romano, ou enfleblecer as comundiades de clero regular (e das monxas) e as perigrinacións e romarías, grandes coma a de Santiago, Roma e Xerusalén, ou pequeñas coma a do Corpiño, por un caso. Pero non penso eu que vaia haber demasiada conmoción co proceso de que estamos a falar. E confío en que a aversión que os anglicanos senten polas peregrinacións non vaia afectar seriamente ao chamado actualmente Xacobeo en canto negocio e en canto impostura.En todo caso parece que os usos e costumes eclesiásticos van mudar. Antes, só podíamos ver cregos (obedientes a Roma) casados en Oriente. Agora, ímolos ver tamén en Occidente. Será isto o primeiro anuncio de que a abolición do celibato sacerdotal obrigatorio está ás portas como signo dos tempos na Igrexa Católica Apostólica Romana? Non me preocupa en absoluto.
Sem comentários:
Enviar um comentário