Non vou escribir dos datos obxectivos polos que penso que o IES ten que quedar onde está, non, hoxe só quero falar das miñas lembranzas nese lugar.
Despois de máis de catorce anos aínda podo falar con claridade do primeiro día que entrei como alumna nese gran edificio que daquela se chamaba Instituto de Bacharelato Celso Emilio Ferreiro e que hoxe queren que se converta nun centro hoteleiro grazas a especulación do Concello da vila onde nacín e medrei pero na que, por desgraza, non podo vivir.
E así foi, como entrei nun mundo novo, de aulas cos teitos moi altos, escaleiras de pedra e unha biblioteca tan espectacular non só pola súa forma senón por algunha xoia que garda nos seus estantes.
O tempo foi pasando e alí topei con algúns bos profesores que me ensinaron moitas cousas pero sobre todo axudáronme a medrar como persoa, a amar a miña lingua, a miña historia e a miña vila.
Dentro destes muros, neses catro anos, estudei, rin, chorei, púxenme en folga pola calefacción, actuei en obras de teatro e nunha curtametraxe, fixen grandes amizades e fun descubrindo, pouco a pouco, o afortunada que era de estudar nesa marabilloso edificio.
Gústabame saír entre cambio e cambio de clase mirar por unha ventá ou ir ata as escaleiras de pedra. Non o facía sempre, pero si moitas veces. Tamén me encantaba meterme na biblioteca (ao entrar á esquerda, no fondo) onde hai unha ventá con dous asentiños de pedra e alí sentábame para ler ou estudar.
Pasados catro anos, ao acabar a facultade volvín para facer as prácticas do CAP e sentín a mesma sensación que o meu primeiro día de curso como alumna e tamén me parei nunha ventá un minuto e fun á biblioteca. Entón entendín, de repente, a importancia que ese conxunto de pedras tivo na miña experiencia, no que hoxe son. Agora non exerzo a docencia pero se algún día acabo nela espero ter a sorte de poder impartir as miñas clases nesas mesmas aulas.
Será que lembro isto (nestes últimos días moitas veces) porque, como di un sabio amigo meu, os grandes momentos da nosa vida —aínda que cando pasan non saibamos da súa importancia— quedan gravados nun recuncho do noso pensamento para sempre e aínda que non sexamos conscientes de que están aí, cando menos o esperas volven a ti como algo natural.
Supoño que moitos dirán que estas mesmas lembranzas tamén as podería ter en calquera edificio de calquera cidade pero eu dígolles que non, o IES non é só un edificio sen identidade e somos moitos os que alí pasamos algúns dos mellores momentos da nosa vida e ademais foi onde nos formamos e nos fixemos maiores. Educámonos nel moitas xeracións que non podemos permitir que se nos borre o noso pasado e o noso futuro polos intereses económicos duns poucos que non vai beneficiar en nada aos veciños.
Está claro que as miñas lembranzas non pesarán na decisión do concello, non terán importancia, pero se unimos todas, as de cada persoa que pasou por ese edificio si que terían forza.
Non podemos permitirllelo, espero que desta vez si loitemos contra os que nos queren roubar un anaquiño da nosa memoria que é o único que é realmente noso. Por iso gustaríame como veciña e ex-alumna que nos unamos toda a vila e os que dende fóra nos entenden e apoian cunha única voz para esixir que o Mosteiro siga sendo o que hoxe é, un edifico público de todos e cada un de nós.
Laura Montes García. Filóloga e ex alumna do IES de Celanova.
2 comentários:
Síntome totalmente identificada e subscribo o texto desta compañeira. Só vexo que a loita está a un nivel moi local. Habería que levar o tema aos medios e que os propios dirixentes do PP a nivel Galicia e a xente da Xunta souberan deste elevado grao de contestación social. Non abonda con recoller sinaturas. Accións directas, vistosas, mediáticas e contundentes son as que precisamos, para que este loita saia do ámbito do local. Ese é o traballo que debera facer a oposición política local. Ánimo e adiante Celanova.
A visibilidade mediática debe ir acompañada dunha denuncia nas institucións autonómicas, que sirva para ir freando a execución desta barbarie...polo menos ata as vindeiras eleccións municipais, as do cambio!!!
Enviar um comentário