segunda-feira, novembro 09, 2009

Carencias participativas nun abismo autosuicida

O ultimato municipal para imprimir a máxima celeridade á privatización do mosteiro de Celanova está a espertar un berro no corazón de toda a veciñanza que, malia ser inaudíbel e visceral no intre do seu xurdimento, vaise transformando velozmente cara un berro de autoconciencia veciñal, construtivo e reflexivo. Estas tímidas reaccións, desde atónitas e sentimentais ata combativas e pseudo-organizadas -como a Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova:
http://ensinomosteiro.blogspot.com/-, son todas elas lexítimas, patrimonial e democraticamente, para seren escoitadas e tidas en conta polo grupo de Goberno municipal. Un proxecto de tal envergadura, que mudará polos séculos dos séculos a paisaxe urbana e socio-cultural dunha vila que naceu e se desenvolveu paralelamente ao amparo da creación e vida do propio mosteiro, precisa ser avalado mediante o debate público e aberto; así como referendado mediante o voto por unha elevada maioría dos habitantes de Celanova. Unha decisión política de tal calado non se pode cociñar ás costas das celanovesas e celanoveses, sen permitir a súa participación nin escoitar as súas opinións.
Estes días, os medios de comunicación están a definir o sentir das celanovesas respecto a privatización do mosteiro como unha “división entre veciños”, mais á luz dos feitos, acho que se trata máis ben dunha “división entre veciños e dirixentes”. O histórico afastamento na xestión pública da vila entre veciñanza e institucións, ten como consecuencia directa este rexeitamento dos políticos á calquera opinión allea as súas irrevogábeis e pechadas formulacións previas, e moito menos, a calquera tipo de consulta social. As declaracións do propio alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, non deixan lugar a dúbidas: “A construción do hotel-mosteiro é irrenunciábel” (http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2007/06/29/5940329.shtml). Este autoritario atrincheiramento no seo do propio partido racha con calquera tentativa de encontro entre a veciñanza e alcaldía, a pesares de esnaquizar os compromisos previos que o alcalde manifestou nos medios de comunicación uns meses antes: “Pienso que la oposición al proyecto del hotel es una barbaridad, pero estoy dispuesto a hablar con cualquier vecino o plataforma vecinal y, aunque voy a defender un proyecto que considero el mejor para la mayoría de celanovenses, estoy abierto a cualquier alternativa”. (http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/01/18/3381044.shtml)
Ante esta cerrazón non é doado incidir na toma de decisións políticas, mais se as opinións veciñas non son escoitadas e se tentan apartar da vida pública, serán un xermolo para a posta en práctica de diferentes mecanismos para visibilizar al alternativas expostas e presionar aos axentes públicos.
As xentes de Celanova posuímos a lexitimación histórica, patrimonial e democrática para intervir neste proceso privatizador, revertelo, adaptalo ás nosas demandas ou, simplemente, botalo a baixo. A pesares da inconsistencia e da curta idade do sistema político español, ninguén pon e dúbida que a democracia é algo máis ca depositar unha papeleta nunha furna cada catro anos, é un proceso de intercambio entre axentes sociais e políticos, e mesmo no ámbito da política local o intercambio pode darse directamente entre individuos e xestores políticos. Cando o poder político se desenvolve as súas anchas con total ausencia de calquera tipo de control veciñal afiánzanse as lóxicas do enriquecemento persoal e aténdense os cantos de sirena especulativos e sa famosas comisións aportadas polas empresas adxudicatarias da devandita explotación. Unhas artimañas que se están a levar a cabo en boa parte dos municipios do territorio estatal e que, nesta Celanova nosa, non ía ser menos. Nembargante, as diferenzas entre agasallar o chan baldío e público dun concello ás empresas privadas e agasallalas co noso patrimonio material –e se cadra tamén inmaterial- máis senlleiro, son aínda notorias.
A historia pertence aos seus protagonistas, herdámola dos nosos pais e así temos o deber de lla dar en herdanza ás nosas crianzas. A vaga ultraliberal que está a azoutar os servizos sociais e recursos naturais a golpe de privatización está a chegar ata uns límites tan radicais como é a privatización do núcleo identitario dun pobo ou, o que é o mesmo, o autosuicidio como grupo social.
Iván Xil. Xornalista e ex alumno do IES Celanova

1 comentário:

Ari Schreiber disse...

Eque da asco só pensalo. Aposto unha man a que de seguro aínda hai peña que apoia a inciciativa dos pepés.