sexta-feira, outubro 09, 2009

O xefe fala de esquecementos e memorias

Por X.L. Méndez Ferrín. A memoria é infiel, interesada, treidora. Hai páxinas imperecedeiras, e aínda ben grazosas, de Freud a respecto diso.Á figura de Ramón Piñeiro, á que lle dedicamos as pasadas Letras Galegas, está sendo obxecto de acordanzas e desmemorias que me teñen desconcertado. Por exemplo, algúns discípulos tardíos do filósofo e político lancarao veñen sostendo, desde hai tempo, que este, deputado polo PSOE, resultou ser o pai da Lei de Normalización Lingüística que hoxe se ve ameazada por Núñez Feijóo. Sen embargo na miña memoria está ben gravado o feito de que foi Camilo Nogueira o autor da proposición de lei cando era deputado único do partido que se foi chamando POG, EG, PSG-EG. Logo todos os deputados e partidos presentes na cámara do Hórreo aprobaron a lei nun exercicio de patriotismo precisamente memorábel. Pro non convén esquencer que tres deputados nacionalistas e defensores interxérrimos do noso idioma, Bautista Álvarez, Claudio L. Garrido e Lois Diéguez, foron expulsados do Parlamento Galego por se negaren a xurarlle acatamento á Constitución Española. Parece que moitos borraron este episodio totalitario da memoria. Pero eu lembro que todos os deputados, a excepción do citado Camilo Nogueira, votaron a favor da exclusión.Por aquel entón D. García Sabell acumulaba na súa persoa os cargos de delegado do goberno en Galicia e de presidente da Academia Galega. Este coñecido médico e ensaísta era unha das persoas máis unidas á actividade de Ramón Piñeiro desde 1950. E ben, bo número de individuos galeguistas esquenceron o feito de que tal presidente da Academia recorreu, en funcións de delegado do goberno, contra a Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Hórreo, por considerala contraria á Constitución e excesivamente favorábel á nosa lingua. Eu recórdome ben daquel acto infame. E recórdome hoxe do recurso de García Sabell porque Núñez Feijóo ameaza con derrogar a Lei de Normalización Lingüística que o doutor humanista non conseguira botar abaixo.Acabo de ler un libro colectivo, Homenaxe a Ramón Piñeiro, editado polo "Centro Ramón Piñeiro", no cal non se trata con especificidade suficiente a fundación a práctica política de "Realidade Galega". Dá a sensación de que a amnesia a respecto de Piñeiro non só domina as rexións máis recuadas da súa vida política, como é o caso da participación no nomeamento de Castelao como ministro do goberno republicano de Giral, participación que tan agudamente acaba de analizar criticamente X. Ramón Pena na serie de tres densos artigos titulados, con bon xorne humorístico, A verdade sobre o caso Piñeiro. Tan vasto exercicio de esquencemento afecta tamén a importantes conxunturas da vida do filósofo da Saudade en tempos ben recentes e na súa derradeira etapa política. Amigos e seguidores de Piñeiro e do seu modo político esquenceron o significado, non evidentemente metafísico, de "Realidade Galega". Sen embargo eu lembro con intensidade o seu manifesto de 1980 e os efectos que desencadeou na vida pública da nova autonomía. Acórdome ben de que Ramón Piñeiro, que pronunciaría un famoso discurso en favor da Lei de Normalización Lingüística no Parlamentiño, foi o principal promotor de "Realidade Galega" e tamén relembro que García Sabell, que ía recorrer esa Lei, exerceu como portavoz do acto fundacional da citada organización.

Sem comentários: